Para os meus alumnos de Vilalonga, que me aledaron os días en que eu enfiaba esta historia, que me regalaron o bolígrafo co que a escribín.
”
Segundo Montse Pena[2] "A novela pódese ler en clave de texto feminista iconoclasta, porque os prexuízos machistas do protagonista son transformados continuamente pola muller adulta... que o acolle no seu coche, en que se agudizan as características da empatía, a capacidade comunicativa e a sensibilidade".
Trama
Nicolau Arís é un rapaz das Rías Baixas que ten problemas na súa casa e decide deixalo todo e marchar a Madrid en autostop. Recólleo Xulia Andrade, unha escritora da zona, aínda que durante a viaxe non se din como se chaman. Nun principio el está descontento porque o recollese unha muller, pero sorpréndese ao ver que ela sabe moito de coches. Detéñense a comer polbo á feira nunha pequena vila, e despois fan unha excursión a un mosteiro feminino. Despois de estar a piques de bater frontalmente contra un camión, detéñense nunha área de servizo.
Durante a viaxe Nicolau explícalle que marcha porque logo de que cinco anos atrás a súa irmá máis nova morrese afogada, a súa nai comezou a beber e o seu pai embarcou nun pesqueiro. Amais, sofre por desamor cunha rapaza e por desencontros cun amigo seu. Estas conversas coa condutora sérvenlle a Nicolau para ser consciente de si mesmo. O título da novela fai referencia á anagnórise[3], un topos clásico da trama narrativa -especialmente do teatro- no que un personaxe é recoñecido por outros (ou se dá conta el mesmo) na súa verdadeira identidade.
Ao chegaren a Madrid sepáranse. Ela marcha a un hotel, e déixalle o seu contacto. El vai a un piso cuns amigos, e lévalles medio quilo de haxix para fumar e vender. Unha semana despois Nicolau vai ao hotel para ver a Xulia, pero en recepción dinlle que ela morreu nun accidente de tráfico. De regreso a Galicia, no camposanto descobre que Natalia, a súa namorada, é filla de Xulia.
A acción desenvólvese a xeito de "road-movie"[10] nunha viaxe en coche desde un punto indeterminado da costa galega ata Madrid e combina referencias a espazos reais (Madrid, Benavente…) con outros inventados, aínda que con raíz claramente galega (Vilanova da Abra, Vilalonga,[11] monte Brandariz…[12])
Tempo
A maior parte da acción desenvólvese nun día de primavera [13] desde algún momento posterior ás nove da mañá (hora na que o protagonista comeza a facer autostop), cando o colle a condutora do coche e a caída da noite,[14] cando chegan a Madrid. O penúltimo capítulo narra os aproximadamente dez días que Nicolau pasa en Madrid e o último sitúase no momento do enterro de Xulia.
Personaxes
Nicolau Arís é un rapaz de 17 anos, confuso e inseguro, que foxe dos seus problemas pensando que en Madrid todo será mellor pero axiña se desengana e cando sabe que Xulia morreu, madura de golpe.
Xulia, de quen non se sabe a súa identidade ata o final, é unha muller adulta, tamén cos seus problemas e contradicións, que serve de contrapunto [9] a Nicolau e o fai ver as cousas dende outro punto de vista.
Marcos é o “amigo” de Nicolau, co que se atopa en Madrid e quen o convenceu de que Natalia lle fora infiel con el.
Natalia, que só aparecerá no capítulo final, é a moza de Nicolau e verdadeiro motor do comportamento deste.