Filla do xuíz e bibliógrafo João Baptista de Castro e de Mariana Osório de Castro Cabral e Albuquerque, Ana de Castro Osório foi pioneira en Portugal na loita pola igualdade dos dereitos do home e a muller.
En 1895, a súa familia enteira mudouse a Setúbal, onde iniciou a súa traxectoria como escritora, aos seus 23 anos. Casou o 10 de marzo de 1898, na igrexa de Nosa Señora da Anunciada, co poeta Francisco Paulino Gomes de Oliveira, membro do Partido Republicano Portugués. Dese matrimonio naceron os seus fillos João (1899-1970), que se dedicará ás letras e actuará como adoutrinador políticoconservador na década de 1920, e José (1900-1964), que foi tamén escritor. Ana de Castro Osório achegouse á ideoloxía do seu home e tivo, despois da instauración da República, colaboración co ministro de Xustiza Afonso Costa na elaboración da Lei de divorcio.
En 1911, ao ser nomeado Paulino de Oliveira como cónsul de Portugal en São Paulo, Ana pasou a residir no Brasil, onde ficou ata a morte do seu home, en marzo de 1914, vítima da tuberculose. De regreso a Portugal, fixou a súa residencia en Lisboa, na casa onde vivía a súa familia. A partir dese momento comezou a escribir en relación coa intervención de Portugal na primeira guerra mundial, mantendo unha postura favorable.
Feminismo, literatura e masonaría
Castro Osório escribiu en 1905Mulheres Portuguesas, o primeiro manifesto feminista portugués.
En 1915 participou no Congreso Municipalista de Évora, onde presentou a súa tese sobre a muller na agricultura, nas industrias rexionais e na Administración municipal. Ao ano seguinte foi nomeada polo ministro de Traballo de Portugal, António Maria da Silva, como subinspectora dos Traballos Técnicos Femininos.
Foi unha das fundadoras do Grupo Português de Estudos Feministas en 1907, da Liga Republicana das Mulheres Portuguesas en 1909, da Associação de Propaganda Feminista en 1912 e da Comissão Feminina «Pela Pátria» en 1916, a partir da cal se formou, no mesmo ano, a Cruzada das Mulheres Portuguesas.
De Castro Osório, sensibilizada pola obra pedagóxica de compatriotas feministas como Alice Pestana, dedicou parte da súa vida á literatura infantil. Salienta a súa serie de contos infantís Para as crianças, que publicou entre 1897 e 1935, en Setúbal, en fascículos.[3]
↑Marques, A. H. de Oliveira. Dicionário da Maçonaria Portuguesa. Editorial Delta. Lisboa, 1986. Páxinas 1.065 a 1.066.
↑Mateus, Luís Manuel. Franco-Mações Ilustres nas Ruas de Lisboa. Biblioteca-Museu República e Resistência. Lisboa, 2003. Páxinas 169 e 170 [ISBN 972-8695-15-2]
↑Conferencias realizadas en Brasil (Río de Janeiro, Río Grande do Sul, Pelotas, Porto Alegre, Santa María, Curitiba e São Paulo). Dispoñible versión dixital. Biblioteca Nacional de Portugal.