Alpheus Spring Packard, tamén coñecido como Alpheus Spring Packard Sr. para non confundilo cun dos seus fillos co mesmo nome, nado o 23 de decembro de 1798 e finado o 13 de xullo de 1884 foi un académico estadounidense que foi profesor durante máis de 40 anos no Bowdoin College.[1]
Traxectoria
Packard estudou na Phillips Exeter Academy, e graduouse no Bowdoin College en 1816.[2]
Foi o xenro do presidente do Bowdoin College, o reverendo Jesse Appleton, polo seu primeiro matrimonio con Frances Appleton.
Formado como ministro (clérigo), pasou toda a súa vida porfesional no Bowdoin College, primeiro como titor (1819–1824) e logo como educador, bibliotecario, e despois como profesor de linguas antigas e literatura clásica (1824–1865), e durante os dous últimos anos da súa vida, foi o presidente en funcións do colexio desde o curso 1883–84 até a súa morte.
Foi pai de catro fillos e unha filla da súa primeira esposa: Alpheus Spring Packard Jr., cirurxián na Guerra Civil, e famoso entomólogo que mantivo correspondencia con Charles Darwin (aínda que discrepaba das súas ideas), e profesor na Universidade Brown; William Alfred Packard; Charles A. Packard, e George Packard.
Despois da morte da súa esposa Packard casou coa señora C. W. McLellan e tivo un quinto fillo, Robert L. Packard, que se formou, como todos os seus medio irmáns, en Bowdoin.
Packard foi, ademais, unha figura clave na Sociedade Histórica de Maine desde a súa fundación en 1822 até a súa morte.
Algunhas obras
No Bowdoin College, George Mitchell enumerou trece publicacións de Packard. Entre elas:
- Editou e foi coautor (con Nehemiah Cleaveland) de The History of Bowdoin College, with Biographical Sketches of its Graduates (1882)
- Tamén editou Works of the Rev. Jesse Appleton, with a memoir (1836–1837), e
- Xenophon's Memorabilia of Socrates, with English Notes (1839; terceira edición, 1843).
Morte
Morreu o 13 de xullo de 1884 en Squirrel Island, Maine.[2] Está enterrado no Pine Grove Cemetery de Brunswick, Maine.[3]
Notas