Aleksander Majkòwsczi, nado en Kòscérzëna o 17 de xullo de 1876 e finado en Gdiniô o 10 de febreiro de 1938, foi un médico, xornalista, editor e escritor caxubio, constitúe o autor máis recoñecido[1] da literatura caxubia, en especial pola novela Żëcé i przigòdë Remùsa, obra primordial da literatura caxubia.
Traxectoria
Aleksander Majkòwsczi naceu no seo dunha familia labrega en Kòscérzëna, entón denominada oficialmente Berent e localizada no ano do seu nacemento na provincia de Prusia[2] do Reino de Prusia. Foi á escola na súa localidade natal e logo pasou ao centro alemán da localidade para seguir a súa educación secundaria en alemán. Recibiu unha bolsa de estudos dunha asociación de axuda ao estudo de Chełmno e despois continuou a súa educación en Chònice, vivindo en réxime de internado, foi nesa época que adquiriu fondos coñecementos da literatura e historia polaca. En 1895 rematou a educación secundaria e volveu á súa cidade natal.
En 1897 comezou a estudar medicina en Berlín e en 1899 publicou en Gdańsk o seu primeiro libro en caxubio, a sátira co título de Jak w Koscérznie koscelnygo obrele abo Pięc kawalerów a jedna jedyno brutka mais tamén nese ano publicou o poema longo en polaco Pielgrzymka wejherowska. En 1900 trasladouse a Greifswald para continuar a carreira e alí entrou en contacto cunha pequena organización socialista polaca, Zet, e ao ano seguinte coa asociación de estudantes Adelphia, que tiña tamén un forte contido político. Expulsado[3] da universidade polas súas actividades políticas tivo que continuar os seus estudos en Múnic. A partir de 1902 participou nas actividades da Asociación de Estudantes Polacos e fundou a sociedade Vistula e para o ano seguinte rematou a licenciatura de medicina.
En Zúric redactou a súa tese doutoral sobre a contaminación do sague no saturnismo crónico. En 1904 defendeu a súa tese doutal e deseguido volveu a Gdańsk para completar o seu ano de prácticas nun hospital da cidade. Entrou en contaco coa vida cultural da cidade e en 1905 aceptou o posto de redactor xefe do xornal Gazeta Gdańska e do seu suplemento en lingua caxubia Drużba. Pismo dlö polscich Kaszubów; tamén nese ano realizou unha escolla da súa poesía que publicou en Poznan como Spiewe i frantówci. En 1906 volveu á súa localidade natal para exercer a medicina privada. En 1908 comezou a publicar a revista mensual Gryf; nas súas páxinas formulouse o programa social, cultural e político para o rexurdimento do pobo caxubio baixo o réxime prusiano e para contrarrestar a súa xermanización, fundamental foi o artigo, de 1909, "Ruch młodokaszubski” que constitúe un chamamento á intelectualidade caxubia para organizarse na procura de activar a conciencia nacional no seo do pobo caxubio, sempre en íntima unión cos polacos, na época un pobo sometido. En 1911 estableceuse en Sopot, e alí exerceu tamén como médico. En 1912 fundou a Sociedade dos Caxubios Novos en Gdańsk, que tiña como lema "Se é caxubio é tamén polaco". Ao ano seguinte estableceu o Museo Caxubio-Pomeranio en Sopot e publicou en Varsovia unha guía de Caxubia titulada Zdroje Raduni. Przewodnik po tak zw. Szwajcarii Kaszubskiej.
Co inicio da guerra en 1914 o exército prusiano chamouno a filas e exerceu como doutor nas frontes de Francia e Romanía. Durante os anos da guerra mantivo un diario que se publicou en 2000 co título de Pamiętnik z wojny europejskiej roku 1914. Ao rematar a guerra volveu a Sopot, entrou en política e foi membro do consello popular de Gdansk, e dentro do recentemente creado exército polaco participou en accións armadas, acadando o grao de capitán. En 1920 participou[4] na comisión internacional que delimitou a fronteira entre Polonia e Alemaña. Durante dous anos residiu en Grudziądz, organizou un teatro polaco en Toruń e presidiu a Asociación de Artistas Pomeranios. Logo de casar en 1921 estableceuse en Kartuzë exercendo como médico rural e en diversas clínicas ferroviarias. Nesa época volveu publicar Gryf e foi redactor xefe da revista Pomorzanin.
Por mor da crise e de problemas de saúde retirouse á casa rural que posuía en Kartuzë, "Erem", e dedicouse de cheo á literatura. En 1929 os integrantes da Zrzeszenie Regionalne Kaszubów (Unión Rexional Caxubia) elixírono o seu presidente e colaborou tamén co seu órgano Zrzeszë Kaszëbsczi. En 1935 publicou a primeira parte da novela Żëce i przigodë Remusa. Zvjercadło kaszubskji. Durante os anos 1936 e 1937 traballou nunha Gramatyka kaszubska e na novela Pomorzanie[5] que quedaron incompletas. En 1938 morreu dun fallo coronario e poucos meses despois saíron do prelo a súa Historii Kaszubów e mais a edición definitiva de Żëcé i przigodë Remusa.
Obra
Pielgrzymka wejherowska, Gdańsk 1899
Jak w Koscérznie koscelnygo obrele abo Pięc kawalerów a jedna jedyno brutka. W osem spiewach..., Gdańsk 1899
Zur Frage nach der klinischen Bedeutung der punktierten Erythrocyten bei chronischem Saturnismus, Múnic 1904 (tese doutoral)
Spiewe i frantówczi, Poznań 1905
Przewodnik po wystawie ludoznawczej kaszubsko-pomorskiej w Kościerzynie 1911 roku od 25 czerwca do 23 lipca, Komitet Wystawowy w Kościerzynie, Kòscérzëna 1911
Zdroje Raduni. Przewodnik po tak zw. Szwajcaryi Kaszubskiej z mapą i 22 ilustracyami, Polskie Towarzystwo Krajoznawcze, Varsovia 1913
Przewodnik po Szwajcarji Kaszubskiej, Polskie Towarzystwo Krajoznawcze, Varsovia 1924
Przewodnik po Kaszubskiej Szwajcarji, Wydział Powiatowy pow. kartuskiego, Kartuzë 1936
Żëcé i przigodë Remusa. Zvjercadło kaszubskji, Toruń 1938,
Pamiętnik z wojny europejskiej roku 1914, Wejherowo–Pelplin 2000
Notas
↑Grzegorz Schramke "The Most Recent Kashubian Literature: The Situation Today, Achievements and Tasks for the Foreseeable Future" Slavic Eurasian Studies Nº 30 (2016) Hokkaido University, pp. 131-160
↑En 1878 a súa localidade natal pasou a formar parte da nova provincia de Prusia Occidental