A illa do tesouro é unha novela de aventuras escrita en inglés polo escocésRobert Louis Stevenson, editada en libro en Londres en 1883 (publicada orixinalmente por entregas na revista infantil Young Folks entre 1881 e 1882 co título de The Sea Cook, or Treasure Island). Foi verquida ao galego por primeira vez por Xavier Alcalá (1984).
Jim Hawkins é un mozo que traballa cos pais nunha pousada chamada Almirante Benbow. Un día para nela un home de mar chamado Billy Bones, cuxa única posesión é un vello cofre. A taberna recibe a visita dun mariñeiro cego a mesma noite en que o pai de Jim morre. O cego ameaza a Bones dicíndolle que máis tarde el e os seus o atacarán para recuperar o cofre. Bones morre de apoplexía, produto da súa adición ao ron. Jim e a súa nai foxen co contido do cofre e ven desde fóra como os piratas esnaquizan a Almirante Benbow.
Jim refúxiase na casa do escudeiro Trelawney xunto co doutor Livesey. Jim móstralles o mapa do tesouro que atopou no cofre de Bones e os tres deciden ir buscalo. Trelawney consegue como tripulantes a Long John Silver, ex contramestre do capitán Flint, e mais o capitán Smollet, que se pon ao mando da Hispaniola. A pesar das protestas do capitán sobre a súa mala tripulación, o barco parte. Durante a travesía, Jim cae nun pipo de mazás e, dentro del, escoita os plans de traizón de Silver e doutros mariñeiros. Jim coméntalles o sucedido aos seus compañeiros, que deciden trazar un plan contra eles.
Tras chegar á illa, Silver e a maioría dos mariñeiros desleais desembarcan. Jim vai con eles, pero foxe e atopa un ex mariñeiro do capitán Flint abandonado na illa, chamado Ben Gunn. O capitán, o escudeiro, o doutor e os seus servos reteñen os poucos mariñeiros traidores que quedaran no navío e refúxianse nun fortín da illa. Tras negociacións erradas entre ambos os bandos, sucédense algúns combates con armas de fogo no fortín.
Personaxes
Protagonistas e mariñeiros fieis
Jim Hawkins: É o mozo que protagoniza a novela
Nai de Jim: Ela e o pai de Jim posúen unha taberna, o Almirante Benbow, que é asaltada por piratas que buscan o mapa. Jim e a súa nai ven o ataque desde fóra.
Pai de Jim: Non ten moita importancia porque morre ao principio da obra.
Doutor David Livesey: É un dos protagonistas da obra. Coida moito de Jim e cando ve que atopou o mapa, decide embarcarse á procura do tesouro. É unha persoa diplomática, que accede a sandar os piratas malferidos.
John Trelawney: É un aristócrata de Bristol e tamén escudeiro. A través dos seus contactos, consegue o barco e a tripulación que os levará ao tesouro. É bo tirador e para a expedición leva tres dos seus criados; Redruth, Hunter e Joyce.
Thomas Redruth: Criado de Trelawney que o acompaña na travesía. Morre durante un combate a mans dos mariñeiros rebeldes.
John Hunter: Servente de Trelawney, que sobrevive.
Richard Joyce: Outro servente de Trelawney. Morre durante o ataque ao fortín dun tiro na cabeza.
Inspector Dance: O inspector de Bristol que se encarga de perseguir os piratas.
Dogger: Axudante do inspector Dance, que acompaña a Jim a casa do escudeiro.
Capitán Alexander Smollett: É o capitán da Hispaniola. Desde o primeiro momento, está descontento coa súa tripulación, xa que sospeita que son piratas. Durante un combate contra os piratas é ferido.
Abraham Gray: Calafate, mariñeiro fiel ao capitán.
Ben Gunn: Ex tripulante do Warlus, que foi abandonado na illa pola tripulacion do Flint ao facelos perder o tempo buscando o tesouro sen o mapa. Atópao Jim, quen lle pide permiso ao doutor para que forme parte do seu grupo. Para tolear os piratas mentres buscan o tesouro, fai voces estrañas simulando ser o capitán Jonathan Flint.
Piratas e mariñeiros desleais
Billy Bones: Mariñeiro que se aloxa no Almirante Benbow. No seu cofre estaba o mapa do tesouro de Flint, e por iso atrae a moitos piratas. Fiel consumidor de ron e grog, morre de alcolemia na taberna pouco antes do asalto dos piratas.
Can Negro (Black Dog): Pirata que acode á taberna de Jim en busca de Billy Bones; pelexan, resulta ferido e escapa.
Sancristán (Pew): É un dos piratas que ameaza a Billy Bones na taberna e que posteriormente asalta a taberna de Jim. Morre pisado por un cabalo, pois ao ser cego non o dá esquivado.
Johnny: É un dos camaradas de Sancristán, que logo foxe.
Dirk: Outro camarada do Sancristán. Supostamente, embárcase tamén na Hispaniola.
John Silver o Longo: É un pirata que pertenceu á tripulación do capitán Flint, que posúe unha pousada en Bristol que recibe o nome de "Telescopio" . Ten unha pata de pau. Na Hispaniola exerce de cociñeiro. Posteriormente é o líder da revolta contra o capitán Smollet, pero cando se ve perdido vólvese covarde e pacta co doutor a seguridade de ambos os bandos. Finalmente, cando volven cara a Bristol foxe axudado por Ben Gunn.
Capitán Flint: O papagaio de Silver. Ten este nome en homenaxe ao temido pirata Jonathan Flint.
Piloto Arrow: Piloto da Hispaniola. Desde o principio, o capitán non o lexitima como bo mariño debido á súa pouca autoridade e a súa ebriedade. Morre durante unha tormenta na que cae ao mar.
Job Anderson: Contramestre de A Hispaniola. Logo da morte de Arrow, ocupa o posto de piloto.
Israel Hands: Principalmente, ocupa o posto de temoeiro. Máis tarde únese á traizón de Silver e permanece no navío de garda. Morre a mans de Jim despois de que este capture a Hispaniola.
Tom e Alan: Mariñeiros asasinados por Silver ao deixar de obedecer as súas ordes.
O'Brien: Mariñeiro que queda xunto a Israel Hands no navío, e é asasinado por este.
George Merry: Mariñeiro rebelde que segue as ordes de Silver.
Tom Morgan: Outro mariñeiro baixo as ordes de Silver.
Capitán Jonathan Flint: Non aparece na obra, aínda que se fagan moitas referencias a el. Foi un pirata temible que enterrou o seu tesouro. Algúns dos seus tripulantes navegan na Hispaniola.
Capítulos
Parte primeira: O vello bucaneiro
Cap. 1. "O vello lobo de mar na Almirante Benbow"
Cap. 2. "O Can Negro aparece e desaparece"
Cap. 3. "A mancha negra"
Cap. 4. "O cofre"
Cap. 5. "A fin do cego"
Cap. 6. "Os papeis do capitán"
Parte segunda: O cociñeiro de a bordo
Cap. 7. "Vou para Bristol"
Cap. 8. "Na pousada do Telescopio"
Cap. 9. "Pólvora e armas"
Cap. 10. "A viaxe"
Cap. 11. "O que oín na barrica das mazás"
Cap. 12. "Consello de guerra"
Parte terceira: A miña aventura en terra
Cap. 13. "Como empezou a miña aventura en terra"
Cap. 14. "O primeiro golpe"
Cap. 15. "O home da illa"
Parte cuarta: O fortín
Cap. 16. "O doutor continúa a narración: de como foi abandonado o barco"
Cap. 17. "Narración que continúa o médico: a derradeira viaxe da lancha"
Cap. 18. "O doutor continúa a narración: fin da loita do primeiro día"
Cap. 19. "Jim Hawkins retoma a narración: a gornición do fortín"
Cap. 20. "A embaixada do Silver"
Cap. 21. "O ataque"
Parte quinta: A miña aventura no mar
Cap. 22. "Como empecei a miña aventura no mar"
Cap. 23. "O devalo"
Cap. 24. "A viaxe do coracle"
Cap. 25. "Arrío a bandeira negra"
Cap. 26. "Israel Hands"
Cap. 27. "Pezas de a oito"
Parte sexta: O capitán Silver
Cap. 28. "No campamento do inimigo"
Cap. 29. "A mancha negra, outra vez"
Cap. 30. "Baixo palabra de honor"
Cap. 31. "Á procura do tesouro... o sinal do Flint"
Cap. 32. "Á procura do tesouro... a voz entre as árbores"