A dilixencia (en inglés: Stagecoach) é un filme estadounidense do xénero western de 1939, dirixido por John Ford e protagonizada por John Wayne no seu papel revelación. O guión, escrito por Dudley Nichols, é unha adaptación de "The Stage to Lordsburg", relato de 1937 de Ernest Haycox. O filme segue un grupo de descoñecidos nunha dilixencia a través do perigoso territorio apache. A dilixencia foi o primeiro dos moitos westerns que Ford rodou en Monument Valley, no suroeste estadounidense no límite entre Arizona e Utah.
O filme foi recoñecido como unha obra importante que transcende o xénero do western. O filósofo Robert B. Pippin observou que a colección de personaxes e a súa viaxe "son arquetipos máis que simplemente individuos" e que o filme é unha "representación mítica das aspiracións estadounidense cara a unha forma de igualdade politicamente sifnificativa".[3] Con todo, A dilixencia tamén é controvertida, xa que, como en moitos westerns da época, a súa descrición dos Nativos Americanos como simples salvaxes foi criticada como proba clara de racismo.[4]
Nun lugar de Arizona, a "liga polos bos costumes e a decencia" decide expulsar da localidade a Dallas, unha prostituta, e o doutor Josiah Boon, médico borrachón. Ambos son obrigados a subir á dilixencia que ía saír con destino a Lordsburg, Novo México. No vehículo únense Lucy Mallory, muller dun capitán de cabalaría embarazada e que quere reunirse co seu home; Ellsworth Gatewood, un banqueiro que supostamente ten que pechar un negocio (mais que en realidade se apropiou dos cartos do seu bando); Hatfield, antigo soldado confederado que se dedicaba a ser un xogador de vantaxe e pistoleiro, antigo amigo da familia Mallory e que decidiu pórse ao servizo da señora Mallory; e Samuel Peacock, un comerciante de alcohol, que non tarda en ter o doutor Boone como un dos seus mellores amigos.
Chegan dúas noticias antes de que o telégrafo fose cortado polos indios. Unha é que Gerónimo e os seus apaches chiricauas estaban na rexión. A segunda é que o pistoleiro recluso Ringo Kid escapara e había unha forte recompensa pola súa captura. Para lograla, o shériff da cidade, Curly Wilcox, sobe á dilixencia como vixilante, a pesar de que é amigo de Ringo e da súa familia dende cativo. Cando aparece Ringo Kid, ignorando que o shériff vai na dilixencia coa intención de capturalo, para o vehículo para dirixirse cara a Lordsburg, onde viven os irmáns Plummers, responsables da morte de seu pai e seu irmán. A presenza do alguacil fai que ringo se rinda e entregue as armas.
A viaxe continúa, a dilixencia sen escolta vai pasando de posta en posta, mentres a tensión entre as personaxes vai medrando. Nace o amor entre Dallas e Ringo, ignorante da condición desta e o doutor Boone, cada vez máis borracho, bebe as mostras do representante de bebidas alcohólicas.
A dilixencia foi recoñecido como un dos filmes máis influentes da historia. Orson Welles afirmou que era un exemplo perfecto de cinema e indicou que o vira máis de corenta veces preparando a rodaxe de Cidadán Kane.[6]
O filme gañou dous premios Oscar, ao mellor actor secundario (Thomas Mitchell) e á mellor banda sonora. Ademais tivo outras cinco candidaturas (filme, direcotr, dirección artística, fotografía e montaxe).[7] Ademais, John Ford gañou o premio ao mellor director do New York Film Critics Circle Awards.[8]
↑La Voz de Galicia, 20 de outubro de 2007. Páx. 62
↑Welles, Orson and Bogdanovich, Peter, This is Orson Welles, Da Capo Press, 1998, pp. 28-29. "After dinner every night for about a month, I'd run Stagecoach.... It was like going to school."