É o zifio de maior distribución coñecida. O seu estudo moderno iniciouno en 1823Georges Cuvier a partir dun cranio encontrado anos antes nas costas de Francia.
O nome científicoZiphius foi cuñado por Georges Cuvier, que parece que o derivou dunha adaptación do grego antigo ξίφος xíphos "espada", en alusión ao estreito bico destes animais.[9]
Especie
O epíteto específico, cavirostris, así mesmo debido a Cuvier, está formado polos elementos do latín científicocavi-, da raíz do adxectivo latinocavus, -a, -um, "oco", "baleiro", e -rostris, do latínrostrum, -i, "fociño", "bico",[10] aludindo ao seu bico oco (no melón).
Sinonimia
Ao longo do tempo, ademais do nome que lle deu Cuvier, e que é o actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos numerosísimos sinónimos seguintes:[11]
Aliama desmarestii Gray, 1864
Aliama indica Gray, 1865
Delphinorhynchus australis Burmeister, 1865
Delphinus desmaresti Risso, 1826
Delphinus philippii Cocco, 1846
Epiodon australe Burmeister, 1867
Epiodon australis Gray, 1871
Epiodon chathamiensis Hector, 1873
Epiodon cryptodon Gray, 1870
Epiodon desmarestii Carus, 1893
Epiodon heraultii Gray, 1872
Epiodon patachonicum Burmeister, 1867
Hyperodon semijunctus Cope, 1865
Hyperondon semijunctus Hall & Kelson, 1959
Hyperoodon capensis Gray, 1865
Hyperoodon desmarestii Gray, 1850
Hyperoodon doumetii Gray, 1850
Hyperoodon gervaisii Duvernoy, 1851
Petrorhynchus capensis Gray, 1865
Petrorhynchus indicus Gray, 1865
Petrorhynchus mediterraneus Gray, 1871
Ziphiorrhynchus cryptodon Burmeister, 1865
Ziphius aresques Gray, 1871
Ziphius australis Trouessart, 1904
Ziphius cavirostris indicus Deraniyagala, 1945
Ziphius chatamensis Lahille, 1899
Ziphius chathamensis Flower, 1885
Ziphius chathamiensis Iredale & Troughton, 1934
Ziphius cryptodon Fischer, 1857
Ziphius decavirostris Gray, 1871
Ziphius grebnitzkii Stejneger, 1883
Ziphius indicus Van Beneden, 1863
Ziphius novaezealandiae Haast, 1876
Ziphius savii Richiardi, 1873
Zyphius chathamensis Moreno, 1895
Características
As principais características que permiten distinguir o zifio de Cuvier doutras especies de cetáceos semellantes son as seguintes:[12][13][14]
Corpo longo e robusto, de tamaño medio entre os cetáceos, cunha lonxitude media comprendida entre os 5,5 e os 6,5 m e pesos entre as 2,6 e as 7 t; as femias son lixeiramente máis grandes, cun tamaño máximo observado de 7 m.[15] As crías miden unha media de 2,1 m ao naceren.[16] Calcúlase que pode chegar a vivir uns 40 anos.
A cabeza, relativamente pequena, presenta unha curvatura frontal pouco convexa entre o fociño, cun bico curto, en comparación con outros zifios, e o espiráculo, en forma de croissant, coa concavidade enterior, sitúase entre 1/8 e 1/10 da lonxitude total da cabeza; este carácter diferénciao dos hiperoodontinos (a outra das dúas subfamilias en que se divide a familia dos zifíidos), que teñen o espiráculo bastante máis lonxe cara a atrás. Detrás do espiráculo presenta unha pequena fendedura. E, debaixo da garganta, hai dous sucos formando unha "V" coas ramas non xuntas, sensibelmente paralelas ás da mandíbula inferior.
A boca ten a mandíbula inferior proxectada cara a adiante máis que a superior, e presenta no ápice un único par de dentes, os únicos do animal, de aparencia piriforme e que miden de 7 a 8 cm de lonxitude e uns 4 cm de diámetro, pero a parte superior, cónica, non sobresae da enxiva, nos machos, máis de 2,5 a 3 cm; os das femias son máis delgados, e é raro que a súa punta sexa visíbel por riba da enxiva.
A aleta dorsal é de pequeno tamaño e forma triangular, co bordo posterior que pode ser cóncavo (aleta falciforme), ou non, e está situada atrasada, ao principio do terzo posterior do corpo. As aletas pectorais son curtas, de forma lanceolada e cor variábel (desde a parda clara á branca, pasando por varias tonalidades de cor crema intermedias). A aleta caudal, bastante ancha, non adoita ter escotadura central e, cando a presenta, é lixeira; os seus bordos posteriores son cóncavos.
A coloración xeral do corpo, suxeita a variacións individuais, varía entre a parda escura, parda torrada e clara, ou crema, a unha gris azulada ou negra purpúrea (que pode verse avermellada cando se ve á luz forte do sol). O bico, a fronte, o melón e o mento son de cor branca crema ou totalmente branca. Nos machos vellos, a parte superior do corpo pode ser case branca diante da aleta dorsal. Todo o corpo presenta manchas e cicatrices circulares de cor crema, sobre todo na parte inferior e nos flancos.
Hábitat e distribución
Hábitat
Ziphius cavirostris é unha especie que habita en augas temperadas dos océanos e mares de todo o mundo, desde os trópicos até ás rexións polares, entre os 90° N e os 90° S, e entre os 180° W e os 180° E.[15]
Distribución
A distribución do zifio de Cuvier coñécese sobre todo en base ao gran número de varamentos, e a algunhas observacións. Parece ser un dos zifios de distribución máis cosmopolita, cun ámbito moi extenso nos océanosAtlántico, Pacífico e Índico, encontrándose individuos desde as illas Shetland a máis de 60º N até o arquipélago da Tierra do Fogo, a 55º S, non estando presentes, por tanto, tan só nas augas polares de ambos os hemisferios.[12][13]
Encóntrase en torno a moitas illas oceánicas, e son bastante comúns en mares pechados, como o Mediterráneo ou o do Xapón. Reside todo o ano en augas de Hawai e outras zonas, e non se coñecen migracións.[13]
O zifio de Cuvier é unha especie peláxica, gregaria, oceanódromo, que nada a profundidades entre os 0 e os 8 000 m, usualmente entre os 1 000 e os 4 000 m,[15] que se despraza en pequenos grupos de até 25 individuos. Polo xeral evita os barcos, pero ás veces é curioso e amigábel, sobre todo en Hawai. Algúns animais puidéronse observar no momento de saltar por completo fóra da auga, cousa que parece pouco frecuente; no salto sae da auga case verticalmente, e cae cara a atrás de forma torpe.[12][13]
O sopro respiratorio está dirixido lixeiramente cara a diante e á esquerda, pero é baixo e pouco conspicuo; pode verse mellor tras unha inmersión longa.[13] Na inmersión profunda, arquéase e saca a aleta cuadal por riba da auga para mergullarse verticalmente.[12] As inmersións adoitan duraren entre 20 e 40 min, seguramente con de 2 a 3 sopros cada 10 ou 20 seg.[13] A profundidade alcanzada nos seus mergullos parece ser da orde dos 300 m (información obtida a partir das especies encontradas nos contidos estomacais), e a duración da inmersión pode durar até 30 min.[12]
Parece dar tombos na auga, e pode asomar a cabeza cando nada velozmente, e coa aleta dorsal visíbel.[13]
Bioloxía
Pouco é o que se sabe da vida do zifio de Cuvier. A madurez sexual alcánzase, en ambos os sexos, cando chegan medir 5,5 m. Non se coñece ningún dato sobre a época do emparellamento nin da duración da xestación,[14] pero o período de nacementos parece ser, no golfo de Biscaia, en primavera. As crías miden, ao naceren, de 2 a 3 m.[12]
O seu réxime alimenticio componse fundamentalmente de cefalópodos de augas profundas,[12] pero tamén pode comer pequenos peixes e algúns crustáceos.[15]
Relación cos humanos
Cada ano, uns 20 individuos son capturados por baleeirosxaponeses. Este é un número relativamente pequeno e non son cazados regularmente.[17]
Estado de conservación
En 2008 a UICN catalogou o estado do zifio de Cuvier na súa Lista vermella como puco preocupante (LC). Aínda que non se dispón de estimacións globais sobre a poboación total deste cetáceo, considérase que non é inferior aos 100 000 individuos.[1]
A especie ten unha área de distribución moi ampla, e as principais ameazas son os altos niveis de ruídos causado polos humanos, en especial os sonares militares, e as capturas accidentais. A combinación da súa ampla distribución e da súa abundancia relativa, é suficiente para que non ocorra unha diminución global maior do 30 % en tres xeracións.[1]
Notas
↑ 1,01,11,2Taylor, B. L.; Baird, R.; Barlow, J.; Dawson, S. M.; Ford, J.; Mead, J. G.; Notarbartolo di Sciara, G.; Wade, P. & Pitman, R. L. (2008):Ziphius cavirostris na Lista vermella da UICN. Versión 2016.1. Consultada o 20-08-2016.
↑Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000), p. 314.
↑Guía dos mamíferos de Galicia, Juan Ignacio Díaz d'a Silva, Yosy Cartelle Serantes, Baía Edicións, 2007.
↑Taylor, B. L.; Baird, R.; Barlow, J.; Dawson, S. M.; Ford, J.; Mead, J. G.; Notarbartolo di Sciara, G.; Wade, P. & Pitman, R. L. (2008): Taxon Ziphius na Lista vermella da UICN. Versión 2016.1. Consultada o 20-08-2016.
Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.