Wageningen está situada na beira norte do río Rin, na fronteira coa provincia de Utrecht, e consta de dous asentamentos: Wageningen e Wageningen Hoog.[1]
Unha elevación ao suroeste de Wageningen chámase Wageningse Berg (Montaña de Wageningen).
A unha altitude media de 9 msnm, o municipio ocupa unha superficie de 32,36 km², dos que 1,82 km² son de auga.
Segundo o censo de 2019 tiña 38 774 habitantes, polo quea súa densidade de poboación nese ano de 1 230 hab./km².
Historia
O asentamento máis antigo coñecido en Wageningen estaba situado cerca do río, ao fondo do outeiro Wageningen Berg. Durante o medievo o asentamento trasladouse máis arriba. Encontráronse restos dunha igrexa pequena e dalgunhas granxas con edificacións de madeira cerca do cumio da Wageningse Berg.
No século XII xurdiu un asentamento onde agora se sitúa a rúaBergstraat (rúa da Montaña), no centro de Wageningen. Despois da construción dun dique para protexer á vila do pantano que naquel tempo cubría esta parte de Güeldres, fixo posíbel o desenvolvemento da vila.
Debido á súa situación estratéxica, Wageningen era considerada xa unha cidade no século XIII. O 2 de xuño de 1263 Wageningen alcanzou o título de "cidade".[2] Esta estaba defendida por unha muralla e un canal.
Para fortalecer a cidade, o duque Carlos de Güelders construíu en 1526 unha fortaleza, que foi destruída polas tropas francesas en 1672. O daquela señor do castelo, o barón Adolfo Lubbert Torck, construíu un novo sobre as ruínas do antigo.[2] Hoxe en día permanecen visíbeis restos de tres torres e parte da muralla.
Wageningen é famosa pola súa Universidade, a Wageningen Universiteit en Researchcentrum, especializada en Ciencias Naturais, na que estudan varios milleiros de estudantes de máis de 150 países[Cómpre referencia].No curso académico 2010-2011 tiña máis de 7 800 alumnos e alumnas matriculadas, e a Universidade e as institucións de investigación relacionadas con ela dan emprego a 7 400 persoas, das cales soamente o 40 % residen en Wageningen.
A Universidade fundouse en 1876 como Escola de Agricultura Municipal, transformada en 1918 nun centro de ensinanza superior, a Landbouwhogeschool Wageningen (Escola Politécnica de Agricultur), e despois Universidade Agraria de Wageningen.[3]
Así, a cidade transformouse nunha comunidade educativa e tecnolóxica moderna. Hoxe Wageningen é o centro do Foodvalley (Val dos alimentos),[4] unha grande aglomeración de empresas e institutos de investigación que se especializa en innovaciones de alimentos.