Válka s Mloky ("A guerra das píntegas") é unha novela satírica de ciencia ficción en lingua checa do xornalista e escritor Karel Čapek, publicada en 1936 en Praga. Nesta obra Čapek narra mediante múltiples personaxes os sucesos que preceden o descubrimento das píntegas xigantes identificadas polos científicos como Andrias scheuchzeri, deténdose na reacción da prensa, nas respostas que intenta dar a comunidade científica, e na oportunidade que ven os empresarios para utilizalas como man de obra barata. Así, empezan a xurdir similitudes co colonialismo, o comercio de escravos, a explotación laboral, a produción capitalista, o fascismo e os nacionalismos, que, ao estar representados por píntegas intelixentes nunha orde mundial moi similar á real, adquiren un sentido irónico e satírico polos acontecementos, a todas luces lóxicos, que transcorren en consecuencia.
Contexto
A comezos da década de 1930 o panorama mundial era incerto. O Nacionalsocialismo alemán tomaba forza e maior popularidade, e a Unión Soviética comezaba a consolidarse como potencia militar, mentres que Checoslovaquia permanecía aínda inestable. Čapek foi desde o principio admirador do fundador do Estado de Checoslovaquia, Tomáš Garrigue Masaryk, quen influíu profundamente na súa obra.[1] Escribiu en tres volumes Hovory s T. G. Masarykem ("Conversas con T. G. Masarykem", 1928-1935), unha biografía intelectual baseada en entrevistas co político.[2]
Karel Čapek era xa un escritor recoñecido en vida, principalmente no seu país. En 1936 estaba considerado candidato a recibir o Premio Nobel de Literatura, con seis novelas publicadas e seis obras de teatro, amais de artigos, contos e cartas de viaxes.[3] Mais a presión da Alemaña nazi impediu que recibise o premio un antifascista declarado.[4] Así, Čapek permaneceu case descoñecido en boa parte da Europa occidental, e os sucesos que seguiron á súa morte frearon a distribución dos seus libros. En 1938, cando faleceu, os nazis estaban a piques de invadir Checoslovaquia, polo cal se tiveron que ocultar as súas obras durante o período de guerra polo seu contido polémico, logrando reimprimirse en curtos períodos durante a posguerra.[5]
Trama
Válka s Mloky desenvólvese coa intervención de distintos personaxes, ningún deles protagonista, cun collage de relatos, historias, recortes de periódico e discusións altamente científicas. Os personaxes máis importantes son tres checos: o capitán J. van Torch (mariño que descobre as píntegas xigantes na costa de Sumatra), G. H. Bondy (empresario e membro de comités consultivos), e o señor Povondra (empregado do señor Bondy e coleccionista asiduo de recortes de periódico sobre as píntegas xigantes).
A novela está dividida en tres libros. No primeiro desenvólvese a historia que segue ao descubrimento das píntegas e o principio da súa comercialización como man de obra barata e a discusión científica e periodística que xorde arredor. No segundo, as cuestións políticas comezan a facerse presentes, e fálase do comezo dunha utopía na que os grandes proxectos son viables grazas ao traballo de millóns de píntegas; fanse diques, constrúense illas artificiais, amplíanse países e a economía está en constante expansión debido á alimentación das píntegas e ao abastecemento de ferramentas. Pola súa parte, as criaturas van desenvolvendo a súa intelixencia e capacidade de fala, pero tamén a súa submisión. No terceiro libro, despois de múltiples discusións entre o lugar e o trato que merecían as píntegas, e despois de discutirse os seus dereitos, de proporcionarlles educación adecuada e de recoñecer parcialmente a súa capacidade de raciocinio, comezan a volverse máis recorrentes os problemas coas píntegas. Estas aumentan en número e vólvense máis esixentes até iniciar un conflito no que os humanos non queren negociar nin aceptar o caos que crearon até que se volve demasiado evidente.
Narración
Čapek mestura a linguaxe literaria coa coloquial. Imita e parodia distintos tipos de xornalismo, a linguaxe científica e as expresións de científicos, avogados, políticos, empresarios e burócratas segundo o seu modo de expresarse e razoar.[6] Utiliza notas de periódico -ás veces en idiomas descoñecidos-, artiglos científicos con distintas posturas e intervencións de personaxes secundarios que comparten reflexións sobre o tema desde distintos puntos de vista. Logra así impregnar de realismo os sucesos e decisións que se toman seguindo unha lóxica tan estrita que permite entrever o absurdos que resultan.
Notas
- ↑ Peter Kussi (ed.) (1990): Toward the Radical Center: A Karel Capek Reader. North Haven, Catbird Press, p. 15.
- ↑ Ibíd., p.16.
- ↑ Ibíd., p. 7.
- ↑ Ibíd., p. 8.
- ↑ B. R. Bradbrook, "A Čapek Revival", The Slavonic and East European Review, vol. 42, 99(1964), p. 434.
- ↑ Elizabeth Maslen, “Proper Words in Proper Places: The Challenge of Capek’s ‘War with the Newts’ (Review)”, Science Fiction Studies, vol. 14, (1987), pp.83.
Véxase tamén
Ligazóns externas