Desde Vilanova pódese continuar a peregrinación a Santiago en barco (ascendendo pola ría de Arousa) ou andando (por Vilagarcía e Catoira) ata Pontecesures, onde a ruta se une ó itinerario tradicional do Camiño Portugués.
Distribución da ruta
A ruta pode dividirse en tres etapas, que se fan sen maiores dificultades. O percorrido completo son uns 73 km.
Primeira etapa: Pontevedra - A Armenteira
Esta primeira etapa, duns 20-23 km, está considerada como de dificultade media ou media-alta. O itinerario comeza en Pontevedra, ben ante a Basílica da Peregrina, ben unha vez cruzada a Ponte do Burgo. Inicialmente segue o mesmo percorrido que o Camiño Portugués e a Ruta do Padre Sarmiento, das que irá separándose sucesivamente. Pasa por San Pedro de Campañó (unha parroquia de Pontevedra) e desde aí segue ata Poio.
Desde o mosteiro de Poio descende ata a estrada PO-308, que debe seguirse por un corto treito ata baixar á área da Seca, que se bordea para regresar de novo á estrada e seguir cara Combarro. Aquí abandónase a Ruta do Padre Sarmiento (que segue bordeando a ría de Pontevedra) e cómpre desviarse á dereita para enfrontarse cunha dura subida cara o monte Castrove. O miradoiro do Loureiro (aínda en Poio) ofrece boas vistas de Combarro, Pontevedra e a ría.
Finalmente chégase ó mosteiro da Armenteira (no concello de Meis), que se dá como fin da etapa. Pouco antes do mosteiro pódense visitar os petróglifos do Outeiro do Cribo, cunha das escasas representacións de labirintos en Galicia.
Cómpre destacar nun dos claustros do mosteiro un mosaico de 80 metros de longo por 2,60 de alto, realizado entre 1989 e 1992 polo checo Antoine Marc Luc Machourek. O mosaico representa o itinerario do Camiño Francés, coa imaxe dos monumentos máis representativos das cidades polas que pasa esta ruta.[1]
Segunda etapa: A Armenteira - Vilanova de Arousa
Nesta segunda etapa, estimada nuns 23-24 km, o itinerario comeza percorrendo a Ruta da Pedra e da Auga, unha ruta de sendeirismo por terras dos concellos de Meis e Ribadumia, entre o mosteiro da Armenteira e Ponte Arnelas, identificada como PR-G170. Este treito mide 6,5-7 km e está considerado de dificultade baixa, pois discorre en continuo descenso pola beira do río Armenteira. Pásase á beira dunha trintena de muíños de auga (case todos restaurados), un vello serradoiro hidráulico (o serradoiro do Couso) e uns petróglifos, todo baixo un denso bosque de ribeira. Tamén bordea a chamada aldea labrega, na que se intenta reproducir unha aldea galega tradicional, coa súa igrexa, piorno, pozo, carro e numerosas esculturas de homes, mulleres, nenos e animais.
Tras atravesar Ponte Arnelas, a ruta continúa cara a costa atravesando Tremoedo, Deiro e o lugar de San Roque do Monte, ata chegar á praia do Terrón, e axiña, por sendas rurais á beira do mar, chégase ata Vilanova de Arousa, á que se entra por unha ponte peonil.
Terceira etapa: Vilanova - Pontecesures
Para percorrer este último tramo pódese escoller entre unha vía marítima ou unha vía terrestre. A primeira coincide coa última parte da Ruta do Mar de Arousa e a segunda coincide coa última parte da Ruta do Padre Sarmiento. En calquera caso, o obxectivo final será chegar ata Pontecesures, onde o peregrino continúa o seu camiño ata Santiago polo Camiño Portugués.
A vía marítima faise a bordo dunha lancha de Protección Civil que sae do porto de Vilanova e na que se ascende ría arriba para remontar o Ulla ata Pontecesures, nuns 45-60 minutos e tras navegar unhas 15 millas. Cómpre destacar a presenza de 18 cruceiros levantados na beira do mar ou mesmo en illotes no que se designa como o único Vía Crucis marítimo do mundo.[2]
A vía terrestre, duns 26-28 km e de dificultade baixa ou media, percorre a costa sur da ría de Arousa, a través de Vilaxoán, Vilagarcía -que hai que atravesar de sur a norte-, Catoira, pasando ó pé das Torres de Oeste, e distintos lugares do concello de Valga para chegar, finalmente, a Pontecesures. Este tramo presenta o inconveniente de transitar en boa parte por pistas e estradas asfaltadas.
Críticas contra esta variante
Desde o momento da presentación pública desta Variante Espiritual como percorrido alternativo respecto do Camiño Portugués, xurdiron distintas críticas contra o que se cualificou como de trazado artificial e invento de promoción turística por parte da Mancomunidade do Salnés. O popular Gonzalo Durán, presidente da Mancomunidade entre 2011 e 2019, respondeu que "A Santiago se llega por muchos sitios y uno tiene la libertad de hacerlo por donde quiera".[3]
En 2024, nin a Variante Espiritual nin a Ruta do Padre Sarmiento están recoñecidas pola Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, o que implica que non existan credenciais nin se concedan Compostelas ós peregrinos que fagan estes itinerarios.[4]
Notas
↑"Homenaje al creador del mosaico Machourek de Poio", en La Voz de Galicia 7.01.2018.
↑Folleto sobre a Variante Espiritual del Camino Portugués, Xunta de Galicia-Mancomunidade do Salnés, sen data.
↑"El legado del Apóstol enfrenta a Caldas y O Salnés", en La Voz de Galicia 22.02.2014.
↑"O Salnés camina hacia la Compostela", en La Voz de Galicia 4.11.2024.