Tupolev Tu-104

Tupolev Tu-104
Tu-104A no museo Kbely, en Praga
TipoPasaxeiros
FabricanteTupolev
Primeiro voo17 de xuño de 1955
Introducido15 de setembro de 1956 (Aeroflot)
Retirado1981
Principais usuariosAeroflot
Produción1956 - 1960
Unidades construídas201
VariantesTupolev Tu-110
Tupolev Tu-124

O Tupolev Tu-104 (alcumado pola OTAN como Camel) foi un avión de pasaxeiros de dous motores e medio rango soviético. Despois do británico de Havilland Comet e do canadense Avro Canada C102 Jetliner, o Tu-104 foi o terceiro reactor de pasaxeiros en voar e o segundo en facer un servizo regular. Despois dos problemas descubertos no Comet, que o mantiveron en terra por razóns de seguridade, entre os anos 1956 e 1958 o Tu-104 foi o único reactor comercial operativo do mundo.[1]

O seu deseño xestouse combinando unha nova fuselaxe de grande diámetro coa cola, as ás e os motores do bombardeiro Tu-16 Badger. O feito de non ser un deseño totalmente novo acelerou o seu proceso de desenvolvemento, e fixo o seu primeiro voo o 17 de xuño de 1955, entrando en servizo coa aeroliña rusa Aeroflot en setembro de 1956.

A configuración de clase mixta permitía levar 50 pasaxeiros e as versións de clase única chegaban ata os 80. Versións posteriores, como o alongado Tu-104B, chegaban ás 100 prazas.

Calcúlase que se construíron uns 200 exemplares, servindo a meirande parte deles en Aeroflot. O único usuario estranxeiro do Tu-104 foi a aeroliña checoslovaca CSA, que empregou seis avións entre 1957 e 1980.

Deseño e desenvolvemento

A comezos dos anos 50 a aeroliña soviética Aeroflot necesitaba un avión de pasaxeiros moderno con máis capacidade e mellor rendemento que os aparellos de pistón que estaban en servizo. Da solicitude de deseño encargouse Tupolev OKB, que baseou o nova avión no seu bombardeiro estratéxico Tu-16 'Badger'. O avión mantivo as ás, os motores e as superficies de cola do Tu-16, pero o novo deseño adoptou unha fuselaxe presurizada máis ancha deseñada para poder acomodar a 50 pasaxeiros. O prototipo voou por vez primeira o 17 de xuño de 1955. Estaba equipado cun paracaídas de freado para acurtar a distancia de aterraxe en ata 400 metros, xa que na época poucos aeroportos tiñan pistas o suficientemente longas.[1] O primeiro Tu-102 de serie fixo o seu primeiro voo o 5 de novembro de 1955.[2]

O Tu-104 estaba impulsado por dous turborreactores Mikulin AM-3 situados nas raíces das ás (cunha configuración semellante á do de Havilland Comet). A tripulación de voo estaba formada por cinco persoas: dous pilotos, un navegante (sentado no nariz acristalado), un enxeñeiro de voo e un operador de radio (despois eliminado). O avión despertou gran curiosidade polo seu luxoso interior "victoriano", como o definiron algúns observadores occidentais, debido ao uso de caoba, cobre e encaixes.[1]

Os pilotos do Tu-104 adestrábanse no bombardeiro Il-28, e despois realizaban voos transportando correo nun bombardeiro Tu-16 desarmado coas cores de Aeroflot, entre Moscova e Sverdlovsk. Os que xa tiñan experiencia previa no Tu-16 pasaban ao Tu-104 con relativa facilidade. O Tu-104 era considerado difícil de voar, xa que era pesado aos controis e era algo rápido na aproximación final, e a baixas velocidades tiña unha tendencia a entrar en perda, unha característica común das ás en frecha. A experiencia co Tu-104 levou á oficina de deseño Tupolev a desenvolver o primeiro avión de pasaxeiros fabricado en serie con turboventiladores, o Tupolev Tu-124, deseñado para o mercado local, e despois o máis exitoso comercialmente Tu-134.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 López Ortega, Antonio. ([1999]). Reactores comerciales : dibujos del autor. Madrid: Agualarga. ISBN 84-95088-87-8. OCLC 47809267. 
  2. "Tu 104 That Started The Era Of Jet Airliners In the USSR". English Russia (en inglés). 2011-11-29. Consultado o 2020-12-27.