En 1966, unha cuadrilla de obreiros que traballaban nunha obra preto dos actuais xardíns de Cambourne, nunha zona coñecida como Fishpool, en Ravenshead, Nottinghamshire, descubriron o depósito de moedas e pezas de xoiaría.[1][2][3]
Trátase do maior tesouro de moedas medievais xamais achado en Gran Bretaña. A Xulgar polas datas das moedas, resulta probable que o tesouro fose soterrado con moita présa nalgún momento entre o inverno de 1463 e o verán de 1464, talvez por alguén que fuxía cara ao sur logo da batalla de Hexham de maio de 1464, nas primeiras etapas da guerra civil sucedida en Inglaterra entre diferentes faccións aristocráticas coñecida como a Guerra das Dúas Rosas. Dado o seu importante volume, pouco habitual, mesmo é posible que formase parte do tesouro real lancasteriano.[1][2]
O tesouro de Fishpool, exposto na sala 40 do Museo Británico, de Londres, figurou en 2003 entre os dez tesouros británicos máis importantes, nun episodio especial titulado Our Top Ten Treasures da serie de televisión da BBC TwoMeet the Ancestors, segundo a votación dun grupo de expertos do Museo Británico. Esta institución estimou que o valor nominal das moedas no momento do seu depósito sería de arredor de 400 libras esterlinas, equivalentes a unhas 300.000 libras esterlinas no momento do seu achado.[1][2]
Contido
O tesouro de Fishpool está composto por 1.237 moedas de ouro do século XV, mais catro aneis, dúas cadeas de ouro e outras catro pezas de xoiaría.[1][2][4][3]
A composición metálica das moedas e a súa datación serviron para demostrar que a cuñaxe lixeira de 1412 non eliminou as moedas de ouro anteriores.[5] Entre as moedas detectáronse tamén algunhas falsificacións bañadas en ouro, case contemporáneas ao reinado de Henrique VI (1422-1461).[6]
Xoias
Todas as xoias son de ouro e algunhas están engastadas con pedras preciosas ou esmaltadas. Ademais dos catro aneis,[8] hai dúas cadeas de ouro,[9] tres colgantes[7][10] e un broche en forma de corazón que, do mesmo xeito que outros obxectos, leva inscrita unha "frase amatoria", neste caso: je suys vostre sans de partier» ("son teu por enteiro").[3][11]
Un dos colgantes ten a forma dun pequeno cadeado esmaltado, coa inscrición de tout ("de todo") nunha face e mon cuer ("o meu corazón") na outra.[3][12] Á xema de turquesa dun dos aneis atribuíanselle poderes protectores contra o afogamento, o veleno e os accidentes de equitación.[13]