Sybil Wettasinghe (cingalés: සිබිල් වෙත්තසිංහ), nada en Ginthota o 31 de outubro de 1927 e finada en Sri Jayawardenapura-Kotte o 1 de xullo de 2020, foi unha ilustradora e escritora infantil srilankesa, considerada a decana da literatura infantil en Sri Lanka, escribiu máis de 200 libros para nenos que se traduciron a diversas linguas.
Traxectoria
A segunda de cinco irmáns, seu pai era contratista e seu avó fora escultor. Pasou os primeiros seis anos da súa infancia na vila de Ginthota, nos arredores de Galle, e realizou a educación primaria na escola busdista local. Tras mudarse a súa familia a Colombo cando tiña seis anos ingresou na escola do Convento da Sagrada Familia de Bambalapitiya[1].
En 1942 seu pai enviou algúns debuxos de Sybil para unha exposición nunha galería de arte, e alí viunos o director do Royal Primary, H. D. Sugathapala, e ofreulle ilustrar un libro de texto para primaria. Con 17 entrou no xornal Lankadeepa e en 1952 cambiou para traballar no grupo Lakehouse para se converter na ilustrador principal do xornal Janatha, e foi a primeira muller en Sri Lanka en traballar a tempo completo como xornalista. Escribiu, ademais de ilustrar, en diversas publicacións do grupo como Sunday Observer, Silumina, Daily News e Sarasaviya. En 1955 casou con Dharmapala Wettasinghe, o editor xefe de Lakehouse News; a parella tivo catro fillos e cinco netos.
En 1952 mentres traballaba en Janatha realizou o seu primeiro intento de escribir ficción, foi co conto Kuda Hora na páxina infantil do xornal e que acabou desenvolvendo nun libro que se publicou en 1956 co mesmo título e foi o primeiro libro infantil que se publicou no país[2] e que se acabou por converter no máis famoso da autora, gañador do premio ao mellor libro estranxeiro en 1986 e ao libro máis popular en 1987 da Asociación de Bibliotecas do Xapón[3]. Inspirada polo seu éxito do seu primeiro libro continuou a escribir ata realizar máis de 200 libros infantís no decurso da súa vida. Por Meti Gedara Lamai gañou o premio Literario Estatal de 1992[4].
As súas obras traducíronse ao xaponés, chinés, sueco, noruegués, danés, inglés, coreano, neerlandés e támil. Ademais editou[5] o semanario infantil Bindu (1986) e en 2009 publicou a súa autobiografía.
Notas