Susana Seivane pertence a unha familia recoñecida dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de Galiza, a familia Seivane. Comezou a súa andaina musical ao cumprir tres anos de idade da man do seu pai Álvaro Seivane. Aos nove trasladouse xunto coa súa familia a Cambre. Xa en Galiza, entrou en contacto con mestres gaiteiros como Ricardo Portela e Moxenas, que xunto co seu propio avó, Xosé Manuel Seivane,[1] influenciarían grandemente o seu modo de entender e interpretar a música tradicional galega.
Dende os 10 anos comezou a ofrecer concertos por todos os recunchos do país. Durante a súa adolescencia, Susana cursou estudos de solfexo e piano, formando parte de diferentes agrupacións musicais tradicionais. Aos 20 anos, tomou contacto cos escenarios da man do grupo Milladoiro como artista invitada.
No ano 2001 resultou escollida como unha das cinco finalistas dos Indie Awards, os premios que cada ano outorga a Asociación de Música Independente dos Estados Unidos (AFIM), na categoría de mellor artista de Músicas Contemporáneas do Mundo.
Este traballo baséase en temas tradicionais e composicións de artistas galegos e foi levado polos escenarios do folk nacional e internacional, conseguindo grandes éxitos e boas críticas. O seu primeiro disco editouse entón en Europa, os Estados Unidos e o Canadá.
Alma de buxo:
Como novidades, neste traballo introduce instrumentos como a batería e o baixo eléctrico e inclúe no disco composicións propias.
Mares de tempo:
Foi o terceiro disco de Susana Seivane, que foi interpretado por escenarios de Escocia, Alemaña, Francia, Italia, Estados Unidos, Arxentina etc. Sen abandonar a tradición e as raíces, Susana quixo dar un importante paso na innovación dos arranxos e na selección dos temas -doce máis outro extra-, para o que contou con artistas invitados.
Os soños que volven:
O cuarto disco contén melodías que Susana Seivane escoitaba e/ou interpretaba na súa infancia, rexurdindo na súa voz e na súa gaita, acompañadas de arranxos modernos e ás veces atrevidos.
Dende o meu balcón:
Este disco naceu a partir das actuacións coas que agasallaba aos seus veciños durante o confinamento por mor da pandemia de COVID.[2] Consta de 55 temas populares moi coñecidos -como A Carolina, O Galo, a Muiñeira de Lugo ou o Himno Galego- que se agrupan en 20 suites.[3]
Dende 1999, ano do primeiro disco de Susana Seivane, foron numerosas as xiras da gaiteira, así como a súa participación nos festivais máis importantes de España, Europa e os Estados Unidos.