Super Mario Land 2: 6 Golden Coins (en xaponés, スーパーマリオランド2 6つの金貨) é un videoxogo desenvolvido por Nintendo para a videoconsola portátil Game Boy en 1992. Creado por Gunpei Yokoi, supón a continuación da saga de plataformas Super Mario Land para esa consola e é un dos xogos máis longos de Game Boy, con 4MB.[1]
En Super Mario Land 2, o xogador asume o papel do protagonista Mario, cuxo obxectivo principal é recuperar a súa illa persoal, Mario Land. O xogo supuxo o debut na saga de Mario do personaxe de Wario, inimigo de Mario e antagonista da historia.
Argumento
Super Mario Land 2 ten lugar inmediatamente despois do primeiro Super Mario Land, onde Wario quere ter un castelo para el só, e para iso lanzou un feitizo sobre todo Super Mario Land namentres Mario estivo fóra. O territorio agora é chamado Wario Land, e todos os seus habitantes pensan que Wario xa é o seu líder, namentres que Mario é para eles o inimigo principal. Wario escóndese no antigo castelo de Mario e o selo máxico que Wario colocou na entrada do castelo só se pode desfacer recollendo as lendarias seis moedas douradas, que están protexidas polos secuaces de Wario en varios lugares de Mario Land.
Para deter todo isto, Mario debe atopar as 6 moedas douradas que están por todo o territorio para que este poida a ir ao seu castelo, derrotar a Wario, e ceibar a Super Mario Land do feitizo de Wario.
Xogabilidade
Super Mario Land 2 conta con diferenzas notábeis comparado co primeiro Super Mario Land. O xogo garda moitísima máis relación con todos os antecesores de Super Mario, sobre todo Super Mario World, ademais, reflíctese na variedade dos inimigos, os escenarios e o mesmo Mario. Permítese o movemento do personaxe á esquerda, conseguindo regresar cara atrás nun mesmo nivel. Os niveis non teñen ningún desenvolvemento lineal, así que o xogador poderá moverse por un mapa que permita ir aos niveis que queira, e tamén hai niveis agochados.
Ademais, a diferenza do Super Mario Land, Super Mario Land 2 permite gardar a partida.
Power ups
Mario ten os clásicos power ups como o Super Fungo, a Flor de lume e a Estrela de Invencibilidade que lle fai brevemente invencíbel. A diferenza de Super Mario Land, todos os efectos da Flor de lume (en Super Mario Land chamada superbóla) son parecidos a todos os de Super Mario World, aínda que Mario ten unha pluma na gorra para facer ao xogador distinguilo. Aquí, o cogomelo de vida extra é substituído por un corazón agora, xa que foi completamente imposíbel a diferenciación dun cogomelo doutra en todas as paletas de cor da Game Boy. Ademais destes, Mario ten outros power-ups:
Cenoria: Transforma a Mario nun Coello Mario. Coas súas orellas de coello, pode planear pequenas distancias, ademais, poderá descender lentamente no ar ao batelas, como Mario mapache (Super Mario Bros. 3). Ademais pode saltar máis alto.
Burbulla: Permite voar, pero só aparece nun nivel. A diferenza doutros power-ups, este non aparece nun bloque, senón do nariz dun hipopótamo.
Traxe espacial: Mario teno automaticamente nas fases da Zona espacial. Permite que Mario pule máis alto e poida manterse no espazo.
Niveis
Super Mario Land 2 ten 6 áreas tematizadas, unha por cada moeda dourada. Cada unha delas ten varios niveis e ao final de cada área, Mario enfrontarase a un xefe final, o cal ten a moeda dourada. Ademais, hai 4 niveis independentes das zonas. As áreas son as seguintes:
Zona Árbore: Situada nunha árbore; esta zona ten varios niveis temáticos segundo cada parte da árbore. Ten usualmente como inimigos a abellas e paxaros e o seu xefe final é Radonkel, que é un corvo.
Zona Espacial: Situada no espazo; o seu inimigo é o alieníxena Tatanga de Super Mario Land.
Zona Macro: Situada ao redor dunha enorme casa onde Mario é pequeno en comparación. Os niveis desenvólvense en canos, cociñas e formigueiros. O seu inimigo final é unha rata chamada Ricky.
Zona Cabaza: Situada nunha cabaza xigante, os niveis e inimigos están baseados na estética de Halloween. O seu xefe final é Sabasa, que é unha bruxa. Un detalle curioso é que esta zona ten un Goomba con máscara de hockey e un coitelo cravado na máscara, que é unha parodia de Jason Voorhees.
Zona Mario: Situada nun boneco xigante de Mario, os niveis están ambientados con estética de xoguete. Os xefes finais están inspirados nos tres porquiños: estes están mesmo en tres casas diferentes, unha de palla, outra de madeira e a última de ladrillo.
Zona Tartaruga: Chámase así porque o xogador entra na zona despois de que Mario é tragado por unha tartaruga xigante. Moitos dos seus niveis desenvólvense no fondo do mar, incluíndo nun submarino e dentro dunha balea. O xefe final é un polbo.
En caso de sumarse os 4 niveis independentes, en total hai 32. Algúns deles son accesíbeis só con entrar en corredores secretos que están nos niveis tradicionais, pero cando os niveis especiais son terminados non se pode reentrar a eles, así como a todos os niveis onde hai xefes. Cando se recibe a moeda dourada pódese ir de novo aos niveis da mesma, pero o xefe final non reaparece. Tamén hai 3 minixogos individuais.
O xogo ten 2 niveis de dificultade. Malia aparecer o modo normal usualmente como a dificultade predeterminada; tamén hai un modo fácil ao que se accede premendo "Select" iñantes de comezar o xogo correspondente. O modo fácil ten menos inimigos e introduce pequenos cambios en cada nivel.
Recepción e legado
Super Mario Land 2: 6 Golden Coins vendeu uns 7.000.000 de copias como unha enorme cantidade malia calcularse que o seu antecesor Super Mario Land vendeu 18.000.000 de copias mundialmente.[1] O xogo tamén consagrou ao personaxe de Wario dentro das sagas de Nintendo, e a compañía decidiu que a terceira parte da saga Super Mario Land fose protagonizada por el, chamándose ese xogo Wario Land: Super Mario Land 3.
A Official Nintendo Magazine clasificou a Super Mario Land 2 no posto 44 da súa lista dos "100 mellores xogos de Nintendo". Nintendo Power enumerouno como o sétimo mellor videoxogo de Game Boy / Game Boy Color, eloxiándoo polas súas melloras sobre Super Mario Land e por ter imaxes impresionantes para un xogo portátil. Game Informer chamouno o cuarto mellor xogo de Game Boy e gabou os seus niveis e creatividade. A revista británica Total deu ao primeiro xogo de Super Mario Land unha nota de 94/100, pero deu á secuela un 70/100.[2][3] A revista Superjuegos deulle unha clasificación de 84%.[4]