Unha sulfona é un composto químico que contén un grupo funcionalsulfonilo unido a dous átomos de carbono. O átomo de xofre central hexavalente establece un dobre enlace con cada un dos dous átomos de osíxenos do grupo e un enlace simple con cada un dos dous átomos de carbono, xeralemnte en dous substituíntes hidrocarbonados separados.[1] A fórmula estrutural xeral é R-S(=O)2-R', onde R e R' son os grupos orgánicos.
Unha sulfona útil industrialmente é o sulfolano, unha molécula cíclica coa fórmula (CH2)4SO2. Normalmente non se prepara por oxidación do tioéter, senón por adición de dióxido de xofre ao 1,3-butadieno, seguida de hidroxenación do sulfoleno resultante.[3]
Algúns polímeros que conteñen grupos sulfona están gañando importancia no campo dos plásticos de enxeñaría. Varios materiais deste tipo mostran unha alta forza e resistencia á oxidación, corrosión, altas temperaturas, e deformación (creep) baixo estrés. Por exemplo, algúns son materiais valiosos como substitutos do cobre en tubos domésticos de auga quente.[4] Os precursores deses polímeros son as sulfonas bisfenol S e 4,4'-diclorodifenil sulfona.
Na literatura, especialmente na literatura non especializada, as sulfonas son con frecuencia confundidas coas sulfonamidas (sulfamidas), aínda que estas últimas teñen un átomo de carbono e outro de nitróxeno unidos ao átomo de xofre, en vez de dous átomos de carbono. Os mecanismos farmacolóxicos das sulfonas son diferentes dos das sulfonamidas. Porén, na práctica ás veces as sulfonas dapsona e promina son denominadas sulfonamidas de forma inexacta.