Colette Suzanne Dacheville, nada en Versalles o 8 de novembro de 1932 e finada en Neuilly-sur-Seine o 27 de marzo de 2018, foi unha actriz francesa de cinema e televisión coñecida como Stéphane Audran.
Traxectoria
Audran foi criada pola súa nai despois de que o seu pai, un médico, morrese cando era nova.[1]
En 1964 casou co director e guionista Claude Chabrol despois dun breve matrimonio co actor Jean-Louis Trintignant. Do seu matrimonio con Chabrol, que rematou en 1980, naceu o seu fillo, o actor Thomas Chabrol, en 1963.
O primeiro papel importante de Audran foi no filme de Chabrol Les Cousins (1959). Posteriormente apareceu en moitos outros filmes do director. Gañou o Oso de Prata á mellor actriz no Festival de Berlín de 1968 por Les Biches.[2] Tamén participou no primeiro filme de Éric Rohmer (Le Signe du lion), e en filmes de Jean Delannoy (La Peau de Torpedo), Gabriel Axel (Babettes gæstebud, como a misteriosa cociñeira Babette), Bertrand Tavernier (Coup de torchon, como a esposa do policía convertido en asasino), Samuel Fuller (The Big Red One) e Luis Buñuel (O discreto engado da burguesía, como Alice Senechal, nunha das súas interpretacións máis celebradas).
Audran tamén actuou en producións en lingua inglesa como o filme estadounidense The Black Bird (1975) e en series de televisión, incluídas Brideshead Revisited (1981), Mistral's Daughter (1984) e The Sun Also Rises (1984). En 1974 protagonizou And Then There Were None, versión cinematográfica da novela de misterio de Agatha Christie. Gañou un César á mellor actriz secundaria pola súa interpretación en Violette Nozière (1978) e un premio da BAFTA por Just Before Nightfall (1975).
Audran faleceu o 27 de marzo de 2018 despois dunha longa doenza. O seu fillo Thomas informou que a súa nai estivera dez días no hospital e despois volveu á casa, falecendo alí arredor das dúas da mañá.[3][4][5]
Filmografía
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas