A Sociedade do Verbo Divino (en latín: Societas Verbi Divini) é unha congregación relixiosa católica. Fundada en 1875 en Styl (Países Baixos) polo sacerdote alemán Arnold Janssen (1837-1909), os seus membros son coñecidos como verbitas ou misioneiros do Verbo Divino e engaden as siglas SVD ao seu nome.
Traxectoria
En 1875, Arnold Janssen exiliado nos Países Baixos como outros sacerdotes e bispos católicos alemáns que fuxían das limitacións das políticas da Kulturkampf de Otto von Bismarck, pensou na posibilidade de que estes relixiosos emprenderan actividades misioneiras para difundir o catolicismo noutras partes do mundo. Deste xeito estableceu unha casa misional en Steyl que foi o berce da Sociedade do Verbo Divino.[1] A congregación mandou a primeira misión a China, á provincia de Shandong, na que participou Xosé Freinademetz, canonizado por Xoán Paulo II en 2003. A segunda misión foi a de Togo, enviada en 1892, e, a terceira, en Papúa Nova Guinea, en 1896.[2]
A Sociedade tamén se instalou a finais do século XIX en América do Sur onde se encargaron da tarefa pastoral para os inmigrantes alemáns. Así na Arxentina chegaron en 1889, ao Brasil en 1895 e a Chile en 1900.[3][4][5] Nestes países tamén fundaron colexios e seminarios, sendo algúns deles de grande prestixio nas súas sociedades, como é o caso do Colexio do Verbo Divino de Santiago de Chile.[6]
A Sociedade do Verbo Divino protagonizou un importante crecemento nos seus membros a finais do século XX e principios do XXI. Deste xeito, pasou dos 4 152 verbitas de 1950 aos 6 016 en 2020.[10] Datos que contrastan co declinar que experimentaron a maior parte de ordes relixiosas logo do Concilio Vaticano II. A maior parte das vocacións que recibe a orde no século XXI proceden de Asia, especialmente da India, Indonesia e Filipinas.[11]