É de pequeno porte, 5 cm; aspecto voluminoso, cabeza grande e fronte arredondada, ollos prominentes (pupila vertical, iris dourado e vetas negras). Tímpano visible e máis diminuto ca o ollo. A pel é granulosa con verrugas pequenas, agrupadas nos costados en dúas fileiras dorsolaterais. Presenta membros curtos e fortes, os anteriores con tres tubérculos metacarpianos, e os posteriores con membrana interdixital reducida e un tubérculo metatarsiano pequeno. A súa coloración dorsal vai de gris a parda, con manchiñas verdes, avermelladas e negras pouco marcadas; a zona ventral é clara.
Este sapo ten unha esperanza de vida moi curta en comparación con outros sapos: pode chegar aos 5 anos, fronte aos 30 anos dos sapos comúns.
O macho comeza a cantar no inicio da primavera desde o seu refuxio ou nas súas inmediacións, atraendo as femias grávidas que emiten chamadas de resposta. O amplexo é complexo, é terráqueo, de tipo inguinal. Tras estimular o macho á femia, esta solta unha restra de ovos que, fecundados, son enrolados polo macho entre as súas patas traseiras, onde permanecen un mes. Despois o proxenitor solta a posta na auga, onde as larvas romperán a cuberta do ovo para nadar libremente.
A súa actividade é moi variable en función da zona xeográfica. Non é territorial e é común que varios individuos compartan o refuxio baixo grandes pedras ou gretas. Os machos compiten acusticamente entre eles e mostran complexas interaccións acústicas. As femias grávidas poden atacarse entre si por acceder a un macho. Raramente en actividade no día, é un animal basicamente crepuscular e nocturno. Os metamórficos novos atópanse nas inmediacións da auga. Polo contrario, os adultos afástanse bastante da auga e só os machos volven a esta para depositar a posta.
Bosch, J., Beebee, T., Schmidt, B., Tejedo, M., Martínez-Solano, I., Salvador, A., García-París, M., Gil, E.R. & Arntzen, J.W. 2004. «Alytes obstetricans.» 2006 IUCN Lista Vermella de Especies Ameazadas, baixado o 21 de xullo de 2007