San Salvador de Couzadoiro é unha parroquia do concello de Ortigueira, na comarca do Ortegal. Segundo o padrón municipal de 2009 tiña 114 habitantes (56 mulleres e 58 homes) distribuídos en 31 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 152 habitantes.
Xeografía
Está situada na parte suroriental do val do río Baleo ocupando o fondo dese val e a aba oeste da Serra da Faladoira, do Monte de Rande, do alto do Feo e de Bidueiros, e a parte oriental do Mosteiro. Entre os montes do Feo e Bidueiros corre o curso alto do río Dola, que da forma a outro pequeno val no que se acochan algúns lugares coñecidos por Tras do Río.
Limita ao norte coas parroquias de Espasante nos montes do Callobre, e Céltigos nos de Rande; polo leste o rego de Munín e os altos da Faladoira sepárana do concello de Mañón; polo sur limita coa parroquia de San Cristovo de Couzadoiro e polo oeste coas parroquia do Mosteiro e de Ladrido.
Dende a estrada AC 682 na Ponte do Baleo parte outra que no km 1 se bifurca noutras dúas que atravesan a parroquia. A da esquerda chega até Mañón por Braelle, Casás, Falca e Bidueiros e pola dereita vai até Devesos por Carballo Gordo, Covelo e Baxás.
Continúa esta parroquia o val que forma o río Baleo augas arriba dende o lugar de Ponta da Pedra até o do Carrexo, xa en Ladrido.
Patrimonio
A igrexa parroquial de San Salvador localízase no lugar da Igrexa. É dunha soa nave con espadana a que se accede por unha escaleira exterior, do mesmo xeito que o resto das moitas igrexas do concello deste estilo. Hoxe queda practicamente afogada polas sucesivas ampliacións do cemiterio parroquial e as propiedades privadas do seu redor.
Lugares e parroquias
Lugares de San Salvador de Couzadoiro
Parroquias de Ortigueira
Notas
Véxase tamén
Outros artigos