Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Insua.
San Xoán de Insua é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Ortigueira. Segundo o padrón municipal de 2009 tiña 173 habitantes (89 homes e 84 mulleres) distribuídos en 48 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 231 habitantes.
Xeografía
Insua está situada no extremo suroeste do concello. O seu topónimo débese a estar situada entre varios ríos afluentes do Mera: o Pulgueira, o San Pedro e o Entrambosmeras. Percorren esta parroquia os ríos Mera e Pulgueira, e o seu monte máis alto é o de Areosa con 509 metros.
Limita ao norte coa parroquia do Ermo separada polo río Pulgueira; polo nordeste coa parroquia das Neves, separada polo regato San Pedro até o monte da Areosa, e dende este monte linda coa parroquia do Freixo do concello das Pontes; polo sur e suroeste linda tamén coas parroquias do Deveso do mesmo concello, e das Enchousas no concello das Somozas; polo oeste o río Mera sepáraa do concello de Cerdido.
A estrada que dende O Nogueirido de Senra, atravesa a parroquia, polos lugares do Coto, Peneiro e Barral achega aos veciños a capital do concello que dista uns 17 quilómetros.
Patrimonio
A igrexa parroquial de Insua, de planta de cruz latina e construción moderna, atópase no lugar da Igrexa ao pé da estrada que vai dende a AC-862. Ao seu carón está o cemiterio e do outro lado había unha enorme reitoral, que foi soterrada recentemente polo concello. No teito da ábsida hai unha pequena campá chamada esquilón, que se tocaba habitualmente en vez das grandes campás da espadana para avisos relixiosos.
No lugar dos Torneiros hai unha capela na honra de San Miguel.
Lugares e parroquias
Lugares de Insua
Parroquias de Ortigueira
Notas
Véxase tamén
Outros artigos