O nome alemán significa castelo [da] sal, e provén das barcas que transportaban sal no século VIII e que debían pagar un imposto, uso moi común en moitos ríos de Europa.
Xeografía
Salzburgo está a 150 km ao leste de Múnic (Alemaña), e a 300 km ao oeste de Viena. A cidade sitúase ás beiras do río Salzach, a 25 km dos contrafortes setentrionais dos Alpes. O carácter montañoso do sur da rexión de Salzburgo contrasta coas suaves ondulacións da parte norte. O cumio alpina máis próximo é o Untersberg (1.853 m), a poucos quilómetros ao suroeste. O centro da cidade está rodeado por dúas elevacións pétreas, o Mönchsberg e o Kapuzinerberg, cuxos bosques constitúen o pulmón verde da cidade.
Historia
No outeiro de Rainberg existen indicios dunha ocupación continuada desde o Neolítico até a conquista romana en tempos do emperador Augusto. No outeiro do castelo de Salzburgo e no Kapuzinerberg descubríronse restos de fortificacións do que na Idade de Ferro foi seguramente o centro máis importante do pobo celta dos ambisontes.
Os romanos agruparon as pequenas comunidades agrícolas nunha única urbe, Juvavum, no ano 15 a. C. Probablemente o nome sexa adaptado dun anterior nome celta, e non dunha divindade romana. Tralo colapso da fronteira con Noricum, a vila decaeu, e no século VII xa se convertera nunha ruína.
Cara ao ano 700San Ruperto fundou unha poboación nese lugar, convertida no ano 739 en sede dun obispado e no 798, con Arno, en arcebispado.
O casco antigo da cidade, Die Altstadt, é un dos mellor conservados das rexións xermanófonas, e en 1996 a Unesco considerouno Patrimonio da Humanidade. Está dominado polas torres das súas igrexas, as fortalezas medievais, e pola Fortaleza Hohensalzburg, edificada en 1077 por orde do arcebispoGebhard von Helffenstein. Tamén se sitúa nel a catedral de Salzburgo, o mosteiro de San Pedro, a casa natal de Mozart, e os castelos de Mirabell e Hellbrunn.
O alemán de Austria é a lingua utilizada, se ben o dialecto local, que pertence ao austrobávaro, está amplamente presente na vida social e familiar.
Notas
↑Goretti Sanmartín Rei et al. Servizo de Normalización Lingüística, Universidade da Coruña, ed. Criterios para o uso da lingua(PDF). ISBN84-9749-199-8. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 30 de setembro de 2015. Consultado o 16 de decembro de 2014.
↑Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1291. ISBN9788482887524.