Sabine Bourgey, nada en Boulogne-Billancourt, nos Altos do Sena, é unha numismática francesa experta no comercio de moedas e autora de diversas publicacións sobre este tema. Desde 1993, dirixe a compañía familiar Bourgey, fundada en París en 1895 polo seu avó.[1][2]
Raíces familiares
As orixes coñecidas da familia levan a 1610, a un establecemento de ferrería establecido no departamento de Isère. Étienne Bourgey, o avó de Sabine, desprazouse a París para crear alí un gabinete de numismática en 1895, e sábese que en 1907 xa se atopaba no número 7 da rúa Drouot, onde mantén a súa sede actual.[2] A compañía tivo un grande éxito, en parte grazas ao numismático estadounidense Archer Huntington, daquela presidente da American Numismatic Society, que foi un dos seus principais clientes antes da I guerra mundial.[3] Émile Bourgey, o seu fillo, retomou o gabinete despois da II guerra, en 1946, e chegou a se converter nun gran experto en grandes poxas numismáticas.[1]
Traxectoria
Sabine Bourgey, filla de Émile Bourgey, graduouse en Historia na Sorbona e en Dereito na Universidade Panthéon-Assas. En 1982 doutorouse na Sorbona (Paris IV) cunha tese sobre os tesouros monetarios dos séculos V e VI en Italia (Les trésors de monnaies en Italie aux Ve et VIe siècles).[1][2]
Realizou diversas reportaxes acompañando, a partir de 1985, as expedicións estadounidenses na procura de de galeóns españois como o Nuestra Señora de las Maravillas, afundido nas costas das Bahamas en 1656. Sobre este asunto publicou dúas monografías, unha en 1988 (Trésors, archives secrètes) e outra en 1996 (Trésors, légendes et réalités), esta última premiada en 1997 pola Asociación Internacional de Numismáticos Profesionais.[1][2][4]
Á morte do seu pai en 1993, socedeuno na xerencia da compañía familiar e introduciuse no mundo das grandes vendas pública de moedas, sen esquecer as publicacións, con diversos traballos sobre a arte na moeda, algúns deles en colaboración con Georges Depeyrot e con Jean-Luc Desnier.[1][5]
Transcendendo o ámbito numismático, a partir de 2001, publicou varios traballos sobre temática social e mesmo fixo unha incursión na novela, con Le trésor de la rue Mouffetard (2012), editada pola súa propia editorial, Éditions Bourgey. En maio de 2018 publicou a súa segunda novela: Fatale sélection.[1][5]
Sabine Bourgey foi vicepresidenta do Sindicato Nacional de Anticuarios de Francia entre 2004 e 2013; forma parte do Conseil des Ventes Volontaires desde 2011 e é vicepresidenta da Compagnie Nationale des Experts desde 2015.[6] En 2001 Creou o Premio SNA, do libro de arte, no seo do Sindicato Nacional de Anticuarios.[1][7]
Bourgey é membro do Comité de Ética de Canal+ Francia desde novembro de 2017.[1]
Publicacións
Estas son as publicacións de Sabine Bourgey ao longo da súa traxectoria como autora:[8][9]
Monografías
Novela
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 "Sabine Bourgey: biographie Arquivado 23 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". Société des Gens de Lettres.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Depuis 1895...". Sabine Bourgey Numismatique.
- ↑ Biografía de Huntington, como membro da American Numismatic Society.
- ↑ "IAPN-Book Prize Arquivado 19 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web de IAPN-AINP.
- ↑ 5,0 5,1 Véxase a sección "Publicacións".
- ↑ "Conseil d'Administration Arquivado 20 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Compagnie Nationale des Experts.
- ↑ "Le Prix SNA du livre d'art Arquivado 08 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Syndicat National des Antiquaires.
- ↑ "Sabine Bourgey: bibliographie[Ligazón morta]". Société des Gens de Lettres.
- ↑ "Bourgey, Sabine". WorldCat.
Véxase tamén
Ligazóns externas