Rudolf "Rudi" Gramlich, nado en Offenbach am Main o 6 de xuño de 1908 e finado en Frankfurt o 14 de marzo de 1988, foi un futbolista e militar alemán, oficial das SS. Desenvolveu case toda a súa carreira deportiva no Eintracht Frankfurt, club do que tamén foi presidente en dúas etapas, a primeira delas durante a Segunda guerra mundial. Ademais, foi 22 veces internacional coa selección alemá, coa que participou no Mundial de 1934 e nos Xogos Olímpicos de 1936.
Trala fin do conflito, foi detido e investigado por crimes de guerra en Polonia pero quedou en liberdade sen cargos. Máis tarde volveu presidir o Eintracht Frankfurt durante 15 anos, na época máis gloriosa da historia do club. En 2020 o Eintracht retiroulle todas súas honras debido ao seu pasado nazi.
Traxectoria
Como futbolista
Na Alemaña de entreguerras, militou no Eintracht Frankfurt, club co que disputou máis de 200 partidos en máis dunha década como xogador do equipo.
Foi 22 veces internacional coa selección alemá, coa que debutou o 27 de setembro de 1931, nun partido ante Dinamarca en Hannover.[1] Foi un dos 22 homes seleccionados polo técnico Otto Nerz para disputar o Mundial de 1934 en Italia, no que xogou un só partido: a vitoria ante Suecia nos cuartos de final. Dous anos despois foi o capitán da selección alemá nos Xogos Olímpicos de Berlín.[2]
De 1939 a 1942 foi presidente do Eintracht Frankfurt.
Carreira militar
Membro do Partido Nazi, uniuse ás SS en 1936 e en 1942 foi destinado como oficial de dito corpo paramilitar na Cracovia ocupada, onde tamén dirixiu unha sección de fútbol dentro das propias SS.[3] En 1945 foi detido como sospeitoso de estar implicado en crimes de guerra e foi encerrado polas forzas estadounidenses en Frankfurt. Finalmente, a causa contra el foi arquivada porque foi exonerado por antigos membros das SS.[4]
Posguerra
En 1955 accedeu por segunda vez á presidencia do Eintracht Frankfurt, equipo que dirixiu durante os seguintes 15 anos. En 1959, baixo o seu mandato, o Eintracht gañou o seu único campionato alemán e ao ano seguinte chegou á final da Copa de Europa, perdendo por 7-3 ante o Real Madrid de Santiago Bernabéu.
En 2020, o Eintracht Frankfurt desposuíu a Gramlich do seu título póstumo de presidente honorífico pola súa participación activa no Partido Nazi e nas SS.[3][5]
Notas