Rosa Díez González, nada en Sodupe, Güeñes (Biscaia) o 27 de maio de 1952, é unha política de orixe vasca. Foi deputada do Partido Socialista Obrero Español (PSOE) no Parlamento Europeo, dende 1999 ata o 30 de agosto de 2007, cando abandonou o PSOE e deixou a súa acta de eurodeputada para fundar o novo partido Unión Progreso y Democracia (UPyD).
Traxectoria
Filla dun obreiro cántabro de ideoloxía socialista, preso e condenado a morte durante a ditadura franquista,[1] aínda que a súa pena foi finalmente perdoada.
Estudou para administrativa e traballou como funcionaria na Administración do Estado. Tras seis anos como conselleira de Turismo do Goberno Vasco era unha das dirixentes do PSE - EE con maior popularidade. Tamén foi parlamentaria no Parlamento Vasco antes de ser elixida europarlamentaria en 1999. No Congreso do seu partido do ano 2000, tralas eleccións xerais nas que o PP obtivo maioría absoluta, Rosa Díez competiu contra José Luis Rodríguez Zapatero, José Bono e Matilde Fernández pola Secretaría Xeral do PSOE.
Conselleira do Goberno Vasco
Foi conselleira de Comercio, Consumo e Turismo do Goberno Vasco baixo a presidencia de José Antonio Ardanza, do Partido Nacionalista Vasco, entre o 4 de outubro de 1991 e o 3 de febreiro de 1998. Igualmente, foi deputada no Parlamento Vasco, o que aumentou a súa visibilidade social.
En 1998 presentouse ás eleccións primarias do PSE-EE para elixir candidato a lehendakari, que gañou Nicolás Redondo Terreros.
Eurodeputada
Desde o ano 1999 ata o 2007 foi europarlamentaria. Na votación da proposta a favor do proceso de paz con ETA defendido polo Grupo dos Socialistas Europeos[2] abstívose.
Mantivo friccións coa dirección do Partido Socialista de Euskadi e o PSOE en relación coa postura de diálogo do goberno español e vasco co contorno de ETA[3].
Abandono do PSOE
En agosto de 2007, trala creación uns meses atrás da Plataforma Pro, unha plataforma nacida no seo de ¡Basta Ya!, anunciou a súa saída das filas do PSOE[4] para integrarse na devandita plataforma (onde se atopan tamén outros personaxes da vida pública como Fernando Savater ou Carlos Martínez Gorriarán), cos que máis tarde colaboraría para crear un novo partido político español, Unión Progreso y Democracia, da cal é voceira e secretaria xeral. Cómpre sinalar que unha vez fóra do PSOE estivo un tempo participando activamente en actos da asociación Ciutadans de Catalunya.[5]
Perfil político
Desde sectores da esquerda e centro-esquerda, critícase o seu discurso contra a identidade vasca, galega e catalá e o seu posicionamento público e hostil en favor do españolismo[6][7], o cal é visto por estes sectores coma unha pugna electoral coa ala máis extrema do Partido Popular[8].
Foi membro da plataforma política ¡Basta Ya!. En Galicia prestou o apoio do seu partido e o seu persoal para a campaña da asociación Galicia Bilingüe contra o proceso de normalización da lingua galega[9][10][11].
Polémicas
Foi acusada numerosas veces de autoritarismo por ex-militantes do seu propio partido.[1][12][13][14] Foi duramente criticada polas declaracións feitas a Iñaki Gabilondo onde dixo que "Zapatero podería ser galego, no sentido más pexorativo do termo".[15] Sobre Rajoy respondeu cun "é galego".[16] Antes, en outubro de 2009, empregara semellantes verbas ó se referir a Alberto Núñez Feijóo.[17] Os tres partidos políticos galegos con representación parlamentaria, como tamén o sector cultural galego[18], pediron publicamente unha rectificación da voceira de UPyD e condenaron as palabras xenófobas contra o pobo galego[19]. Perante a clamor social, Díez pediu da xente "que teña sentido de humor para aceptar unha afirmación que xa tiña dito outras veces"[20]. Un día despois de dicir isto, o gabinete de prensa de UPD respondeu así: Ofenderse por isto é unha mostra de intolerancia, complexo de inferioridade ou perturbación nacionalista.[21]
A pesar de ter militado no nacionalismo unionista de UPyD, no ano 1999 (cando aínda militaba no PSOE) fixo unhas declaracións que logo lle foron recriminadas polos seus adversarios políticos: "Se a maioría de vascos quixera a independencia a democracia adaptaríase.[22] Ténselle recriminado non falar éuscaro, cando creceu e viviu a meirande parte da súa vida no País Vasco,[23] así como a súa relación con partidos extremistas: o partido da ultradereita española Falange Auténtica ofreceulle ir nas súas listas no ano 2006[24] e o histórico falanxista Ricardo Sáenz de Ynestrillas Pérez apoiou a UPyD varias veces chegando a dicir que era un "sopro de aire fresco".[25]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas