Debutou como guitarrista profesional aos 15 anos de idade no sexteto Fontana, pero ao pouco tempo retirouse para crear o power trio Taste en 1966. Tras lanzar os discos Taste e On the Boards, disolveu a banda por problemas entre os seus membros e iniciou a súa carreira en solitario en 1971 co disco Rory Gallagher. Durante os anos setenta alcanzou a fama en Europa grazas ás producións Deuce, Blueprint e Tattoo, cargados ao blues rock, pero cos álbums Against the Grain e Calling Card introduciuse en novos e distintos estilos musicais como o jazz, rock e hard rock.
Durante a década do oitenta publicou só tres álbums de estudio, debido aos serios problemas de saúde que derivaron dun excesivo consumo de alcol. Ademais, e a finais do decenio, desenvolveu unha severa aerofobia, contra a cal se lle recetou un forte sedante, cuxa combinación co consumo de alcol danaron de tal forma o seu fígado que tivo que ser sometido a un transplante. Con todo e tras infectarse con estafilococos (SAMR), tras varias semanas de coidados intensivos faleceu en Londres aos 47 anos de idade.
Cos anos foi considerado un dos músicos irlandeses máis influentes da historia e un dos guitarristas de blues rock máis exitosos. Ademais, até o 2013 estimouse que vendera máis de 30 millóns de discos en todo o mundo.[1]
Discografía
Con Taste
1969: Taste
1970: On The Boards
1971: Live Taste
1972: Live at the Isle of Wight
1974: In the Beginning, an early Taste of Rory Gallagher