Rodrigo Lara Bonilla, nado en Neiva o 11 de agosto de 1946, e finado en Bogotá o 30 de abril de 1984, foi un político, diplomático e avogado colombiano, militante do Partido Liberal e logo dos movementos disidentes liberais Movemento Revolucionario Liberal e cofundador do Novo Liberalismo.
Ocupou varios cargos públicos como alcalde de Neiva, congresista e diplomático. Fundou xunto co político Luis Carlos Galán, o partido Novo Liberalismo, disidencia do Partido Liberal Colombiano. Sería congresista por ese partido, e logo ademais nomeado Ministro de Xustiza durante o goberno de presidente Belisario Betancur, cargo dende o cal perseguiría aos narcotraficantes do cártel de Medellín, cos seus xefes Pablo Escobar e Gonzalo Rodríguez Gacha "O Mexicano".
Foi asasinado por sicarios baixo as ordes de Escobar, o 30 de abril de 1984, cando se dirixía á súa casa en Bogotá. A súa morte representou o inicio dunha guerra sen cuartel entre o estado colombiano e os grupos de narcotraficantes que se estendería por máis dunha década.
A súa vida e asasinato foron novelados polo escritor Nahum Montt no libro Lara.[1][2][3][4][5] É considerado un referente na loita contra o narcotráfico en Colombia.
Notas