Os estudios foron fundados polos irmáns Kingsley e Charles Ward en 1963, adaptando unha granxa que xa existía.[1] En 1965, convertéronse no primeiro estudio de gravación-residencia, onde os artistas ou as bandas podían aloxarse mentres gravaban. Consta de dous estudios, Coach House e Quadrangle.
A primeira gravación con éxito dos estudios foi "I Hear You Knocking", de Dave Edmunds, gravado en 1970. Despois deste éxito, a comezos dos anos 1970 graváronse sete álbums de Budgie, varios de Hawkwind, Chameleon in the Shadow of the Night, de Peter Hammill, o exitoso sinxelo de Ace "How Long?" e o álbum Sheer Heart Attack, de Queen. En agosto de 1975, Queen gravou alí A Night At The Opera, que inclúe "Bohemian Rhapsody". Motörhead gravou por primeira vez nos estudios en 1975 e mesmo asinou contrato brevemente co selo discográfico Rockfield.[1]