Robert White McFarland, nado no condado de Champaign, Ohio, o 16 de xuño de 1825 e finado en Oxford, no condado de Butler, Ohio, o 23 de outubro de 1910,[1] foi un enxeñeiro estadounidense que exerceu de profesor universitario e foi oficial durante a Guerra civil estadounidense.
Traxectoria
McFarland era fillo de Robert e Eunice (Dorsey) McFarland. En 1847, graduouse na Universidade Wesleyana de Ohio. En 1853, foi nomeado profesor de Matemáticas no Madison College, Ohio, e despois en 1856 na Universidade Miami, Ohio.[2]
En 1856, recibiu un nomeamento docente na Universidade Miami en Oxford, Ohio, onde permaneceu ata que a universidade pechou en 1873 por insolvencia.[2]
Guerra civil
Durante a guerra civil, formou compañías de voluntarios na universidade[3] e se converteu en oficial do 86º de Infantaría de Ohio do exército da Unión, e ascendeu ao rango de tenente coronel e participou en diferentes campañas en Virxinia Occidental, Ohio e Kentucky, incluíndo batallas contra os asaltantes de Morgan.[2]
Retorno á universidade
En 1873, a universidade pecha as portas[4] e McFarland, é nomeado primeiro profesor de Matemáticas e Enxeñaría Civil na recentemente inaugurada Universidade Estatal de Ohio (orixinalmente Ohio Agricultural and Mechanical College).[2] Naqueles primeiros días, McFarland non só impartiu todos os cursos de matemáticas e enxeñaría civil, senón que tamén serviu como economista, superintendente do campus, inspector estatal de ferrocarrís e ensinou tácticas militares e dirixiu simulacros para cadetes.[2]
En 1885, foi nomeado presidente da recentemente reaberta Universidade Miami en Oxford, Ohio.[5] Supervisou a reconstrución do entón ruinoso campus e puxo a universidade nunha boa base financeira. Tamén defendeu diversas reformas, como unha maior énfase na ciencia fronte aos clásicos e a relixión, e a admisión de mulleres na universidade. Isto púxoo en conflito co padroado da universidade e viuse obrigado a retirarse en 1888.
McFarland pasou os seus anos de xubilación como enxeñeiro consultor.[2]
Morreu en Oxford, Ohio, en 1910 e está soterrado no cemiterio de Oxford.[1]
Notas