Revolución galega de 1846,[1]levantamento de 1846,[2][3]pronunciamento de 1846[4][5] ou sublevación liberal de 1846,[6] son os nomes que recibe a revolta iniciada co pronunciamento do comandante Miguel Solís, o 2 de abril de 1846 en Lugo, contra o goberno conservador do xeneral Narváez.[a] O alzamento aspiraba a obter un rápido triunfo en Galicia que se estendese a seguir polo resto do estado. Porén, nin conseguiu sumar todas as cidades galegas nin foi imitado noutras partes de España. O día 23 de abril, o exército enviado polo goberno madrileño derrotou as forzas rebeldes na batalla de Cacheiras, o que supuxo o fin da revolta. A meirande parte dos revolucionarios exiliáronse ou foron dar á cadea. Miguel Solís e outros once militares foron fusilados na vila de Carral.
Antecedentes
Durante o reinado de Isabel II, no período de configuración do moderno estado liberal, enfrontáronse en España dous modelos políticos diferentes: o do liberalismo moderado: conservador e marcadamente centralista; e o do xuntismo progresista: máis democrático e descentralizado. Coa derrota e exilio de Baldomero Espartero, no 1843, e a chegada o poder dos moderados de Ramón María Narváez, deron comezo unha serie de reformas de carácter autoritario. Estas medidas provocaron múltiples tentativas para derribar o goberno por parte do partido progresista, que contaba cunha enorme influencia entre o estamento militar. Ao descontento do progresismo sumábase en Galicia o do incipiente provincialismo, que reclamaba a recuperación da unidade territorial galega, desfeita na reforma administrativa de 1833, e maiores cotas de soberanía.[7]
A confluencia de intereses destes sectores sociais creou un ambiente propicio para a revolta, axiña organizada polas distintas xuntas progresistas presentes en vilas e cidades. A principal delas radicaba na Coruña, presidida polo exalcalde Vicente Alsina, e conspiraba case abertamente desde a casa de Juana de Vega, antiga aia da raíña e viúva do heroe militar Francisco Espoz y Mina. Ao faladoiro da condesa acudían significados simpatizantes da rebelión, oficiais do exército, e os cónsules de Inglaterra e Francia. Coa mediación destes diplomáticos coordinábase o alzamento cos numerosos exiliados do período esparterista.
O científico e militar Gerónimo Piñeiro[8] facía de correo entre as diferentes xuntas galegas, que a comezos de 1846, contaban xa co compromiso da maior parte das forzas militares presentes no país. A principal unidade na conxura era o rexemento de infantaría de Zamora, que posuía 2200 soldados acantonados na Coruña. Tamén estaban comprometidos co pronunciamento a maior parte dos batallónsprovinciais espallados polo territorio galego: o provincial de Gijón en Lugo; o de Zamora en Santiago; o de Oviedo en Vigo; o de Guadalajara en Ourense; e o de Segovia en Pontevedra.[9]
O levantamento (cronoloxía)
Primeira fase: Pronunciamento progresista.
A sublevación presentouse inicialmente como un intento dos progresistas de acadar o poder mediante un pronunciamento militar, o método habitual na época. Porén, a preocupación do goberno madrileño polos, cada vez máis evidentes preparativos, levouno a tomar dúas medidas de urxencia: a substitución do capitán xeneral de Galicia, Francisco Puig Samper, sospeitoso de complicidade cos conspiradores, polo xeneral Juan de Villalonga;[10] e o traslado a Castela do rexemento de infantaría de Zamora. Malia que a pretensión era iniciar o pronunciamento na Coruña, sede do goberno e lugar onde se contaba cos maiores apoios, a subtracción da principal forza militar dos sublevados obrigounos a precipitaren accións, producíndose o alzamento o día 2 de abril de 1846 en Lugo.
Lugo: O comandante Miguel Solís Cuetos, pertencente o estado maior da Capitanía xeneral de Galicia, abandona A Coruña, cunha licenza por enfermidade, e diríxese a Lugo. Vai acompañado polo tenente Feliciano Cubas quen, valéndose da súa posición, se apoderara previamente dos fondos do rexemento de Zamora (43.613 reais).[11] As cinco da tarde Solís asume o mando do 2º batallón do rexemento, que ía de camiño ao seu novo destino en Valladolid, pronunciándose na praza maior. Súmanse deseguida o batallón provincial de Gijón e os carabineiros presentes na cidade. Desármase á Garda Civil, que non apoia o alzamento, e efectúanse as primeiras detencións. Manuel Becerra Bermúdez é nomeado alcalde e presidente da xunta de armamento, tomando decontado as primeiras disposicións. Unha delas é a organización dun batallón de voluntarios: Voluntarios patriotas de Lugo. 1º de Galicia. Miguel Solís faise cargo da comandancia militar da provincia luguesa e publica unha proclama co anuncio do pronunciamento e os seus obxectivos.[12]
3 de abril.
A Coruña: As primeiras novas da revolta espállanse por Galicia. É o sinal para o paso á acción das restantes xuntas progresistas. Os máximos delegados do goberno na Coruña: o capitán xeneral Villalonga e o comandante militar José Martínez Tenaquero, antigo carlista acollido ao convenio de Vergara, son alertados e inician as accións para tentar frear o golpe. O xeneral MacCrohon, comandante do rexemento de Zamora, encerra nos cuarteis os dous batallóns restantes da súa unidade e reúne a oficialidade no xardín de San Carlos. Alí procede ao arresto dos oficiais sospeitosos de simpatizar cos sublevados. O destituído xeneral Puig Samper, que abandonara a Coruña camiño de Madrid, decide regresar ao ter coñecemento dos sucesos.[13]
4 de abril.
Lugo: A xunta da cidade actúa con resolución: cesa e substitúe funcionarios de tendencia conservadora, suprime a deputación, o consello provincial e a policía. O comandante Solís parte cara a Santiago co 2º batallón do rexemento de Zamora, o batallón provincial de Gijón e o batallón de voluntarios. A cidade queda custodiada por 600 homes armados.[14]
A Coruña: O xeneral Villalonga emite un bando no que declara fóra da lei os sublevados e o estado de sitio nas catro provincias galegas. Comeza a tomar disposicións para evitar que a cidade, peza clave do alzamento, se sume aos rebeldes. A primeira medida é sacar da Coruña as tropas do "perigoso" rexemento de Zamora. Coloca no seu mando o tenente xeneral Puig Samper e envíao a Lugo, a bater as tropas de Solís. A columna sae ese mesmo día facendo noite no Burgo.
Santiago: Pronúncianse de madrugada o batallón provincial de Zamora e o escuadrón de cabalaría presente na cidade. É constituída unha xunta de goberno presidida polo provincialista Pío Rodriguez Terrazo, con Antonio Romero Ortiz como secretario. Publícase unha proclama anunciando o levantamento de toda Galicia, fanse diversas detencións e son suprimidas policía e garda civil. A xunta esixe a todos os funcionarios a adhesión ao pronunciamento, requisa armas e convoca a milicia para a súa reorganización.[15][16]
5 de abril.
A Coruña: Villalonga entrevístase cos oficiais do batallón de artillaría da praza asegurándose a súa fidelidade. Son estes, xunto a garda civil e carabineiros, os únicos soldados cos que conta. Constitúe, con militares e civís de tendencia conservadora, unha xunta de seguridade e defensa que comeza a efectuar detencións. Procede a fecharse dentro das murallas da cidade, fortifica posicións, asegura as pontes levadizas, coloca artillaría en lugares estratéxicos, e prepárase para deter un alzamento que considera inminente.[17][18]
Santiago: Toma posesión o novo concello presidido por Manuel Rúa Figueroa. A xunta, reunida no Colexio de Fonseca, publica un bando chamando as armas aos universitarios, nunha reedición do Batallón Literario.[19] Co apoio da Academia Literaria de Santiago organízase un mitin na universidade no que os estudantes se alistan en masa. A falta de armamento fai que só sexa posíbel aceptar trescentos. Asígnanselles oficiais e comezan unha instrución militar básica.[20]
Columna de Puig Samper: Os dous batallóns saen moi cedo do Burgo, chegando a Betanzos as 10:30. Samper recibe información sobre o pronunciamento de Santiago e a saída de Lugo da columna militar de Solís. Recibe ordes de Villalonga de dirixirse a Santiago, lugar cara ao que parte polo camiño das Travesas.[21]
6 de abril.
Columna de Puig Samper: Con enormes dificultades debido á climatoloxía invernal e o estado dos camiños a columna de Samper chega as 12 do mediodía a Leira (Ordes), a 30 km de Santiago.[22]
Santiago: Inquietude na cidade pola aproximación da columna de Samper e a falta de novas sobre a revolta noutras cidades. A xurisdición da xunta compostelá só acada o espazo adxacente á cidade, e as súas comunicacións son interceptadas pola garda civil.[23] As 16 horas chega aos arredores de Compostela, despois dunha marcha de 100 quilómetros, a columna de Solís. É recibida con euforia. Concédeselles aos soldados unha licenza de 24 horas mentres os oficiais son agasallados pola xunta.[24]
Madrid: Os xornais madrileños El Heraldo e El Imparcial dan as primeiras noticias do acontecido en Galicia.[25]
7 de abril.
Madrid: O ministro da guerra comunica aos capitáns xenerais o alzamento galego e ordena que se preparen tropas para acudir no auxilio de Villalonga. 3 batallóns de infantaría parten do País Vasco, 2 de infantaría e 1 de cabalaría acoden desde Castela. O xeneral José de la Concha é posto ao mando da expedición.[26]
Encontro de Sigüeiro: As dez da maña, o comandante Solís inicia a marcha contra os dous batallóns do rexemento de Zamora comandados por Puig Samper, confiado en que estes pasarán ao seu bando sen combater. As súas tropas, engrosadas polos universitarios e o batallón alzados en Santiago, duplican amplamente os números inimigos. O encontro prodúcese cara ao mediodía en Sigüeiro. Despregados os exércitos contendentes, Solís ordena avanzar. Os seus soldados lanzan vivas mentres dúas bandas de música tocan o himno de Riego. Para facerlles fronte, o xeneral MacCrohon adiántase co 1º batallón do rexemento de Zamora, mais os sublevados continúan impasíbeis, sen amagar coa defensa e mantendo os seus fusís no ombro. Os combatentes chegan a unha distancia de seis pasos, cos soldados saudándose e confraternizando, as forzas de Samper dan mostras evidentes de quereren pasar ao bando contrario. MacCrohon bérralles aos rebeldes para que volvan á disciplina, curto de vista e fóra de si chega a equivocar as liñas, meténdose entre os soldados inimigos. Durante a confusión o 1º batallón é rodeado totalmente, ficando separado e inutilizado para o combate. Puig Samper, desde a retagarda, dando por perdida a súa columna envía unha mensaxe a Solís pedindo que non se abra fogo. Recibe como resposta que non haberá retirada até que as súas forzas se sumen ao pronunciamento. Samper solicita 24 horas de tregua para meditar o ofrecemento. Solís concédelle 48 e permite que o 1º batallón do Zamora abandone ileso o campo de batalla.[27] As cinco da tarde, regresados Solís e os seus homes a Compostela, o presidente da xunta Pio Rodríguez Terrazo, perplexo diante da actuación do comandante militar, manifesta: "Solís, isto perdeunos para sempre".[28] O resultado do encontro tampouco é do agrado do xeneral Villalonga quen, desconfiando da fiabilidade do xeneral Samper, ordena ao mensaxeiro: "Dígalle ao seu xeneral, que ataque os seus inimigos, ou se una a eles e veña atacarme a min".[29]
León: Unha compañía do 2º batallón do rexemento de Zamora que conducía presos a Valladolid, pronúnciase na vila de Valencia de Don Juan. Cabo dela rebélase unha compañía do batallón provincial de Pontevedra e os 20 carabineiros presentes na vila. A eles únese Martín José Iriarte, antigo capitán xeneral de Galicia,[30] quen, cruzando desde Portugal cun grupo de exiliados, se pronuncia no municipio de Villar de Ciervos. Desde alí emite unha proclama, alista voluntarios, e lánzase á conquista de Astorga.[31]
Santiago: As sete da tarde saen da cidade, baixo mando de Sebastián Arias, oficial do provincial de Zamora, parte das forzas rebeldes cara a Pontevedra e Vigo. A súa misión é axilizar o levantamento nesas cidades. Téntase librar un camiño para retirada, en caso de ser necesaria, e facilitar a chegada por mar das armas comprometidas desde Inglaterra para o auxilio da rebelión.[32]
9 de abril.
Pontevedra: O capitán da garda civil Manuel Buceta pronúnciase na cidade co seu destacamento, súmase decontado o batallón provincial de Segovia. Fórmase unha xunta, presidida Jose María Santos, que emite unha proclama e comeza a asumir disposicións similares as de Lugo e Santiago: detencións, depuración de funcionarios e convocatoria de voluntarios para o exército.[33]
Tropas do goberno español: O xeneral Concha chega a Benavente. Envía a Galicia tres batallóns mentres se dispón a enfrontar a Iriarte co resto das súas forzas. Baixo mando do comandante xeral de Ourense, José Zendrera[34], sae desde Ourense unha columna militar con ordes de incorporarse á unidade de Puig Samper.[35]
10 de abril.
Vigo: As 10 da mañá manifesta a súa adhesión ao alzamento o batallón provincial de Oviedo. Fórmase unha xunta presidida polo empresario de orixe catalá Ramón Buch con Juan Ramón Nogueira como secretario. O alzamento esténdese polas vilas contiguas sumándose deseguida Bouzas, Lavadores e Baiona.[36] O brigadier Leoncio Rubín de Celis[37] ofrécese, por propia iniciativa, como comandante diante da xunta revolucionaria. É aceptado e posto ao mando dunha columna militar, con 900 soldados e dúas pezas de artillaría, que é enviada cara a Santiago.[38]
Tui: As 12 da noite pronúncianse na vila as dúas compañías presentes do provincial de Segovia e os carabineiros. O destacamento da garda civil decide non participar. Fórmase unha xunta e recrútanse voluntarios.
Tropas do goberno español: Puig Samper, que continúa en Sigüeiro e descoñece o alzamento de Vigo e Pontevedra, proxecta o ataque a Compostela así que venzan as 48 horas da tregua acordada. Os reforzos procedentes de Ourense continúan achegándose a Compostela, fan noite na vila de Soutelo de Montes.
Santiago: As nove da noite, debido o perigo que representan a superioridade das forzas inimigas, a xunta e o exército rebelde abandonan a cidade polo camiño de Pontevedra. Solís tenta reunir as súas forzas coas da columna que se separara o día 8.[39] Recíbese no traxecto a boa nova do alzamento nas cidades do sur. A mudanza de partido do xeneral Rubín de Celis é vista con desconfianza polos sublevados.[40]
11 de abril.
Tropas do goberno español: Puig Samper é advertido a primeira hora da retirada dos rebeldes. Diríxese decontado a Santiago, entrando sen oposición as 7:30 da mañá. Comeza deseguida a adoptar medidas para o restablecemento da orde previa. Asegurada a urbe, parte en persecución das forzas inimigas, porén, nas proximidades de Padrón, é informado do triunfo do alzamento en Pontevedra e Vigo. Entendendo a súa inferioridade militar regresa a Compostela forzando o paso. Os seus esgotados soldados entran novamente na cidade as dez da noite.[41]
León: O xeneral Iriarte pon baixo asedio a cidade de Astorga. A cidade resiste, o que permite a intervención do exército de Concha que rodea e aniquila ás tropas rebeldes.[42] Iriarte escapa, mal como pode, con só vinte soldados.[43]
Levantamento en Galicia: Partidas armadas estenden a revolta por todo o país, en especial pola costa occidental. Fórmanse xuntas revolucionarias en Rianxo, A Pobra, Mos, Palas de Rei, Vilagarcía, Vilanova, Boiro, etc.
12 de abril.
Tropas do goberno español: Os números dos exércitos rebeldes en Galicia duplican agora os das tropas leais o goberno de Madrid. O xeneral Puig Samper retírase de Compostela para volver a Sigüeiro, gardando o camiño da Coruña no paso do río Tambre. Durante a noite a súa columna perde uns 50 soldados, os máis deles por deserción.[44] O erguemento xeneralizado en Pontevedra motiva tamén o regreso das tropas enviadas desde Ourense. O xeneral Zendrera retrocede a falta de vinte quilómetros para Santiago.[45]
Lugo: O gobernador civilJuan Ferreira Caamaño, consegue reunir un pequeno exército e pon baixo asedio a cidade. Envía un comunicado pedindo a rendición da praza, a xunta responde cunha negativa. A petición é reiterada até en dez ocasións, durante este día e o seguinte, recibindo a mesma resposta e sen que se dispare un só fusil.[44]
13 de abril.
Batalla de Sigüeiro: Malia poder evitalo, Miguel Solís permite que o xeneral Zendrera fuxa de regreso a Ourense decidindo avanzar novamente cara Sigüeiro.[46] A súa chegada, arredor das doce e media, atopa, non sen sorpresa, ás tropas de Puig Samper en perfecto orde de combate: Co 1º batallón do rexemento de Zamora, a quen Solís deixara fuxir o día 8, ocupando unha estratéxica fábrica de curtidos na beira sur do río; Coas compañías de cazadores despregadas para dificultar o avance; Cun obús e dúas pezas de artillaría de 12 libras, cubrindo o campo de batalla desde o lado norte da ponte do Tambre; Co 3º batallón do Zamora formado na vila presto para o contraataque; e coas restantes forzas na retagarda preparadas para evitar o cruzamento do río por outro lugar. O exército de Solís avanza para tentar conquistar a fábrica de curtidos, o que inicia o fogo xeneralizado nas liñas. O asalto é rexeitado até en tres ocasións polo fogo dos fusís e da artillaría. As tres da tarde Samper envía unha mensaxe á Capitanía xeneral da Coruña. Indica que leva dúas horas en combate e solicita reforzos e municións. As 16:30, despois de 4 hora de inútil tiroteo no que non mudan as posicións, Solís abandona. Pensa aínda en atravesar o Tambre pola noite. Porén, a chuvia e as baixas temperaturas impídenllo, decidindo finalmente regresar a Santiago con case 100 baixas entre os seus.[47][48] Puig Samper retírase a Ordes. Unha vez probada en combate a súa lealdade ao goberno central presenta a dimisión. Villalonga acepta. Samper dirixiuse a Coruña para enfrontar o inicio dun proceso xudicial contra el.[49]
14 de abril.
Tropas do goberno español: O xeneral Concha entra en Galicia cun destacamento de cabalaría . Acude a Lugo chamado polo gobernador Juan Ferreira, quen agarda que a súa presenza intimide á xunta da cidade para que esta acepte a rendición. Os sublevados néganse novamente.
Segunda fase: Revolución galega.
Fracasado o pronunciamento no resto do estado, a rebelión entra nunha nova etapa. As diferentes xuntas do país e os mandos militares, reúnense en Santiago o día 15, e acordan a creación dunha xunta central encargada da dirección do movemento. Ausente a influente xunta da Coruña, o control da xunta é asumido polos provincialistas, maioría na xunta compostelá. Comeza daquela a advertírense as súas reivindicacións nas proclamas revolucionarias, isto é: a unidade administrativa de Galicia, unha política autónoma respecto a Madrid e un sistema tributario propio.[50]
Santiago: As diferentes xuntas locais galegas reúnense en asemblea para crear un órgano de dirección do alzamento. Constitúen a Xunta Superior de goberno de Galicia,[51] presidida por Pio Rodríguez Terrazo e con Antolín Faraldo como secretario, ambos destacados membros do provincialismo.[52] A Xunta emite nese día unha histórica proclama na que expón os motivos da sublevación, os seus obxectivos, e o seu compromiso co "engrandecemento do antigo reino de Galicia" convertido nunha "colonia da corte".[53] A primeira decisión da xunta é tentar sumar á revolta as tres cidades galegas aínda fieis o goberno central para, sumados todos os recursos posíbeis, faceren fronte o inevitábel encontro co exército do xeneral Concha. Para acadar o obxectivo crease o Exército Libertador de Galicia. Malia corresponder por graduación o mando ao brigadier Rubin de Celis, a xunta eleva o mesmo rango ao comandante Miguel Solís. Ambos son ascendidos a Mariscais de Campo.[54] O exército é dividido en dous corpos: O primeiro, 3000 homes dirixidos por Miguel Solís e Manuel Buceta, é enviado contra as cidades da Coruña e Ferrol; O segundo, con 2500 soldados baixo as ordes de Rubín de Celis e Sebastian Arias, recibe a misión de tomar Ourense.[55]
Tropas do goberno español: A columna de Samper, mandada agora polo xeneral MacCrohon, retírase cara a Coruña pasando a ocupar Carral. A columna de Zendrera establécese en Cea, nas inmediacións de Ourense. O xeneral Concha abandona Lugo e agarda en Sarria a chegada dos seus batallóns. O capitán xeneral Villalonga, coñecedor do envío de armamento desde Inglaterra, emite un bando decretando o bloqueo de toda a costa galega e ordena que todo vapor inglés faga escala na Coruña para seren revisado.[56]
16 de abril.
Santiago: As dúas divisións do exército rebelde parten cara aos seus obxectivos. A Xunta Superior publica un decreto no que declara nulos todos os actos do goberno de Madrid dende o día 2 de abril, somete todas as xuntas á Xunta Superior, abole o sistema tributario, e suprime a policía.[57]
17 de abril.
Santiago: Baixo a dirección de Antolín Faraldo, publícase o primeiro número do xornal La Revolución, voceiro oficial da Xunta Superior de Galicia.[58]
1º corpo do Exército Libertador de Galicia (Solís): Chega as inmediacións da Coruña as 8 da mañá, sen atopar oposición, avanzando polo barrio de Eiris. Os soldados de MacCrohon retíranse até Santa Lucia, onde agardan o asalto protexidos pola artillaría da praza. Solís non se decide a atacar e agarda o levantamento dos partidarios da revolución na cidade. Porén, a sublevación non se produce, pois o xeneral Villalonga e a súa xunta de seguridade e defensa xa adoptaran todas as medidas necesarias para evitalo.[59] As seis da tarde Solis abandona a Coruña e toma o camiño de Betanzos.
2º corpo do Exército Libertador de Galicia (Rubín): Chega a Santiago das Caldas as catro da tarde, nas proximidades de Ourense. A súa lenta marcha permite as forzas do goberno a fortificación da ponte maior que atravesa o Miño.[60] O xeneral Rubín é advertido de tal feito, indicándoselle que ten á súa disposición varias barcas para cruzar o río por outro lugar. Ignorando a suxestión avanza contra a protexida ponte, deténdose para agardar por unha revolta na cidade que lle facilite o paso. Nin esta se produce nin el da a orde de avance aos seus soldados. O final da tarde, contra o criterio dos seus oficiais subordinados, decide retirarse cara a Ribadavia.[61][62]
18 e 19 de abril.
1º corpo do Exército Libertador de Galicia (Solís): O batallón provincial de Málaga, fiel ao goberno e que se atopaba cercando Lugo, diríxese a Ferrol para defender a cidade. Solís envía parte das súas forzas, dirixidas por Manuel Buceta, para interceptalo. Ten lugar unha escaramuza na que se renden 108 soldados inimigos, son incorporados ao bando rebelde. Malia isto, parte do batallón consegue chegar a Ferrol, polo que, temendo unha repetición da escena da Coruña, Solís pretender seguir cara a Lugo. Porén, persuadido polas peticións dunha comisión de ferroláns, decide acudir á cidade.[63]
2º corpo do Exército Libertador de Galicia (Rubín): Rubín de Celis, coa oposición xeral dos seus oficiais, decide retirarse abandonar Ribadavia dirixíndose a Ponteareas. Esta decisión facilita o avance cara a Santiago do exército do xeneral Concha e abandona a posibilidade de auxiliar en combate á primeira división do exército rebelde.[64] Durante a súa estancia na vila o xeneral Rubín disuade a varios oficiais da súa intención de sumarse ao pronunciamento.[65]
Tropas do goberno español: O exército do xeneral Concha sae de Monforte o día 18, chegando a Ourense as 16 h. do día 19.
20 de abril.
1º corpo do Exército Libertador de Galicia (Solís): Solís e a súa división chegan a Ferrol, atopándoo fortemente defendido. Novamente permanecen diante das murallas da cidade, agardando unha sublevación popular que non se produce. Alarmado por informacións sobre o avance das tropas inimigas, determina regresar a Santiago, non sen antes enviar parte das súas tropas a Lugo, como reforzo das súas defensas.[66]
21 de abril.
Santiago: A xunta, comprendendo a necesidade de enfrontar decontado a expedición do xeneral Concha, chama polo regreso dos exércitos a Santiago para reunilos e lanzalos o combate. Rubín de Celis non responde polo que Ramón Buch é comisionado para supervisar as operacións do 2ª corpo. Concédeselle a potestade para destituír o xeneral Rubín de consideralo oportuno.[67]
Tropas do goberno español: O xeneral Concha abandona Ourense dirixíndose a Santiago co seu poderoso exército: seis batallóns de infantaría (2700 soldados), artillaría e 300 cabalos. Avanza dividido en dúas unidades, unha delas pola estrada de Lalín.
Vigo: Pronúncianse no porto os barcos de guerra Nervión e Astuto o que abre a posibilidade de que cheguen a porto os esperados auxilios internacionais. A xunta revolucionaria agarda a chegada de dez mil fusís procedentes de Inglaterra.[68]
22 de abril.
1º corpo do Exército Libertador de Galicia (Solís): Entra en Santiago despois de fracasar nas súas misións. A xunta ascende a Miguel Solís a Capitán xeneral de Galicia, concedéndolle o mando supremo do exército. Solís solicita novamente a Rubin que inicie o regreso a Santiago para avanzar contra o exército de Concha. Pretende agardar a súa chegada atrincheirado na cidade, porén, a radical oposición da xunta a esta posibilidade motiva a saída das tropas cara a Padrón as 12 da noite.[69]
2º corpo do Exército Libertador de Galicia (Rubín): O groso das forzas permanece inmóbil na Caniza, con destacamentos diseminados pola zona.
Tropas do goberno español: Concha pasa a noite en Baamonde (Teo), a escasos quilómetros de Santiago.
23 de abril.
Vigo: Chega a Vigo o vapor fretado polos exiliados de Londres e París con armas e municións para o alzamento.[70]
1º corpo do Exército Libertador de Galicia (Solís): Confundido por falsas informacións, Solís pensa que as súas forzas son superiores en número as do inimigo, polo que decide saírlle ao paso. A Xunta desaproba esta decisión por precipitada, pois nada se sabe da situación do 2º corpo de Rubín de Celis. Os seus membros saen de Santiago dirixíndose a Padrón.[71] Os dous exércitos entran en contacto as dez da mañá no alto de Montouto, en Cacheiras (Teo). Iniciado o combate Solís comproba rapidamente a superioridade das forzas inimigas, que contan con artillaría e cabalaría. Superado, decide retirarse a Santiago, perdendo no camiño soldados e as súas reservas de munición. A súa intención é continuar combatendo até a chegada do auxilio da segunda división. A cidade é asaltada polos soldados de Concha. Loitase rúa por rúa, até que esgotadas as municións, os rebeldes se recollen nos muros do mosteiro de San Martiño Pinario. Sen posibilidade de continuar resistindo Solís capitula xunto a outros sesenta oficiais.[72]
A Coruña: Coñecida a derrota de Solis, o xeneral Villalonga designa deseguida un tribunal militar para xulgar os xefes pronunciados. Decide celebrar o xuízo na vila de Carral, pois teme un novo levantamento de levalo a cabo na Coruña ou Santiago. Parte a render Lugo cos soldados baixo o seu mando, de camiño despacha continuados oficios o tribunal nos que demanda unha rápida execución dos rebeldes. Temendo a chegada dun indulto desde Madrid, chega mesmo a ameazar co fusilamento dos propios xuíces[73].[74]
2º corpo do Exército Libertador de Galicia (Rubín): A división abandona A Cañiza marchando cara a Soutelo de Montes. As tres da tarde reciben noticia da derrota de Solís en Santiago.[75]
25 de abril.
Carral: Realízanse os preparativos para o xuízo militar. As sete da tarde chega á vila a columna cos oficiais prisioneiros.
Santiago: A columna do xeneral Concha abandona a cidade dirixíndose cos seus soldados cara a Pontevedra e Vigo.
2º corpo do Exército Libertador de Galicia (Rubín): A división abandona Soutelo de Montes cara Portugal a marcha forzada. Tenta pasar por Ponte Sampaio ou Ponte Caldelas antes de ser copada polo exército inimigo.
26 de abril.
2º corpo do Exército Libertador de Galicia (Rubín): Durante a madrugada, Rubin de Celis e un axudante foxen da columna cara a Vigo con intención de embarcar para o estranxeiro. O exército, sen xefe, entra en desbandada e dispérsase. Sebastian Arias, segundo oficial da división, aconsella a parte das tropas a rendición e a confianza no indulto, el e outros continúan a marcha cara a Portugal.[76]
Lugo: A columna do xeneral Villalonga esixe a capitulación da cidade, a xunta négase. Iníciase intercambio de disparos que cesa coa chegada da noite. Durante a madrugada os compoñentes da xunta escapan, capitulando a cidade no día seguinte.
Pontevedra: O exército do xeneral Concha ocupa a cidade sen atopar oposición. Despois de reorganizar a cidade continúa a marcha cara a Vigo.
Vigo: Parten cara ao exilio, nos buques de guerra Nervión e Astuto, parte dos compoñentes das xuntas revolucionarias de Santiago, Pontevedra e Vigo.[77]
Carral: As seis da tarde Miguel Solis é fusilado no adro da igrexa de Santo Estevo de Paleo. Deseguida, na carballeira coñecida como fraga do rei, sofren a mesma sorte outros once oficiais do exército sublevado.
Vigo: As tropas do xeneral Concha toman o control da cidade, a última das sublevadas.
Represión e memoria
Desfeito o exército rebelde, mantivéronse aínda por un tempo dúas pequenas columnas, actuando como o fixeran as guerrillas carlistas, na montañas de Lugo e Ourense.[78] Algúns soldados da derrotada división de Solís conseguiron chegar a Portugal, tal foi o caso de Manuel Buceta que escapou de Santiago disfrazado de muller. Tamén chegaron outros da división de Rubín, como Sebastian Arias, que acadou a fronteira con outros 32 oficiais e un cento de soldados.[76] Dos militares que non puideron fuxir, algúns foron parar á cadea, outros enviados a ultramar e algúns fusilados, tal foi o caso do sarxento Antonio Samitier, executado en Betanzos o 4 de maio.
En canto os civís, e segundo as relacións enviadas pola autoridades portuguesas ás españolas, chegaron a Portugal a maior parte das xuntas progresistas de Santiago, Pontevedra e Vigo. Entre eles Pio Rodríguez Terrazo, Antonio Romero Ortíz, Antolín Faraldo, Francisco Añón etcétera. Foron internados en campos de concentración en Peniche.[78]
En Galicia, regresadas as autoridades aos seus postos, iniciouse a persecución dos progresistas pronunciados. A cantidade de procesados foi tal que non había espazo suficiente nos cárceres, e neles pasaban meses sen que se lles iniciase o proceso xudicial. Diante da situación chegouse a expatriar por barco a algúns dos reos, e varios gobernadores civís comezaron a liberar os prisioneiros que semellaban menos culpábeis.[79] Na universidade, malia a resistencia do profesorado, creouse unha xunta encargada da persecución dos estudantes que se sumaran á revolta.[80]
O estado de excepción, que permitía os tribunais militares e a persecución diante de calquera sospeita, foi suprimido no 28 de decembro de 1846, e dous anos despois, co gallo da voda da raíña, ditouse unha amnistía que permitiu o retorno de moitos dos exiliados.
O galeguismo político tomou axiña o levantamento de 1846 como referente simbólico. Só dez anos despois da revolta, no 1856, apareceu xa un número especial no xornal galeguista La Oliva, homenaxeando a acción.[81]
Nestas mesmas datas, durante o chamado bienio progresista, o goberno español declarou os soldados executados en Carral "beneméritos da patria". Foron condecorados a título póstumo e decretouse a construción dun monumento na súa lembranza. Un monumento que non chegou a realizar. Porén, a finais do século, a Liga galega da Coruña, mediante unha subscrición popular, retomou o proxectado monumento, conseguindo inauguralo no 22 de maio de 1904. Desde aquela realízanse periódicas homenaxes ao pé do mesmo nos aniversarios dos fusilamentos.[82]
Notas
↑Narváez foi Presidente (do Consello de Ministros) de 16 de marzo de 1846 ó 5 de abril de 1846 e Francisco Javier de Istúriz dende o 5 de abril ata o 28 de xaneiro de 1847. Non era a primeira vez que Narváez exercía (e deixaba) a presidencia, e non sería a última: en total houbo 7 gobernos Narváez entre 1844 e 1868.