Durante o franquismo aplicáronse en Galicia, de maneira variable segundo o período histórico, varias formas de represión. A fase máis dura foi a que coincidiu coa Guerra civil española e o momento da inmediata posguerra.
Mortes
O número exacto de mortes causado pola represión franquista en Galicia é descoñecido debido a problemas para identificar as vítimas, en especial debido á política de ocultamento e silencio que levou a cabo o réxime. A maioría de mortes foron de carácter extraxudicial, o cal permitía camuflalas nos rexistros oficiais.
O estudo máis completo que existe até o día de hoxe é o do proxecto interuniversitario "Nomes e Voces", que estudou a represión durante a época da guerra civil (1936-1939). Este proxecto tivo que rematar en 2013 por falta de apoio institucional.[1] O último informe, con resultados provisionais, emitido polo equipo do proxecto concluíu que durante a guerra foron executadas en Galicia cando menos 4.699 persoas e outras 3.566 condenadas a penas de prisión en consello de guerra por delitos relacionados co conflito.[2] Dos 4.699 mortos, 4.619 foron homes e 80 mulleres.[2]
O informe clasifica os falecidos en dous bloques, segundo as circunstancias da morte:
circunstancias
Mortes
Extraxudicial (paseados, execucións sen formación de causa, morte na cadea, mortes en tiroteos)
3.233
Execucións
1.466
Existen outros estudos que dan cifras aproximadas do alcance da represión mortal en Galicia, incluíndo polo xeral tamén ás execucións posteriores á guerra.
A inxente cantidade de presos xerada polo golpe de estado non podía ser absorbida polas prisións que xa existían previamente. Isto fixo que os golpistas habilitasen numerosos edificios como novas prisións e creasen varios campos de concentración ao longo do territorio galego. Máis tarde, en especial coa caída da Fronte do Norte da Guerra civil española en 1937 moitos destes campos foron usados para recluír aos presos de guerra republicanos dos novos territorios conquistados. As condicións nos campos de concentración eran paupérrimas.
As epidemias, tortura, execucións e fame causaron a morte de moitos presos.[25] Destacan exemplos como o da Illa de San Simón, onde dun total de 2.176 presos morreron 666 a causa da fame e as privacións, É dicir, un 30,6% do total.[26] A estes hai que engadirlles os case 300 presos do mesmo campo de concentración que foron asasinados.[27] No Campo de concentración de Camposancos foron fusilados sobre uns 250 presos entre 1938 e 1941.[28]
Algúns campos de concentración e prisións franquistas que existiron en Galicia foron:
Miles de galegos tiveron que abandonar o país como consecuencia directa do triunfo do golpe de 1936. Os destinos foron diversos, destacando Francia, México, o Uruguai ou a Arxentina. Os exiliados continuaron desenvolvendo unha importante actividade política[30], creando institucións coma o Consello de Galiza en 1944.
Represión antiguerrilleira
Despois da guerra algúns opositores ao réxime, en particular os fuxidos que vivían nas montañas, formaron un movemento armado de resistencia ao franquismo coñecido como "Guerrilla antifranquista" ou "Maquis". A represión contra este movemento tamén afecto a aquelas persoas, ou familias enteiras, percibidas como colaboradoras da guerrilla. Numerosos guerrilleiros capturados foron fusilados.[31]
Represión lingüística e cultural
Na guerra e primeiros anos de posguerra, o réxime perseguiu de forma sistemática a lingua e a cultura galega, sobre todo na administración, nos medios de comunicación, na escola, na universidade, na sinalización pública e en xeral en toda manifestación pública.[32] Os nomes propios non casteláns foron ilegais até 1976[33], os funcionarios tiñan prohibido falar outro idioma que non fose ao castelán, e a prohibición de películas que non estivesen nesta lingua[34]. Os principais axentes represivos no caso galego a nivel lingüístico eran, porén, a Igrexa Católica e a escola.[35] Esta última ridiculizaba á lingua e aplicaba duros castigos contra os nenos que a falaban en clase.[36] Prohibíronse publicacións en lingua galega e multouse a xornais (entre eles La Voz de Galicia) por dar premios a poemas en galego.[37]
Represión tardofranquista
No tardofranquismo (finais dos 60-1977) produciuse unha repunta da represión, tras a relativa calma dos anos anteriores. A causa destas novas vagas represivas foi o aumento da oposición e das protestas populares, así como a reorganización da disidencia (por exemplo, a aparición nos 60 de novos partidos como a Unión do Povo Galego ou o Partido Socialista Galego ou sindicatos clandestinos como Comisións Obreiras). Esta represión implicou un aumento da cantidade de presos políticos, un novo fenómeno de exilio e varias mortes.
As primeiras grandes mobilizacións ocorreron na primeira década dos 60. En 1963 os labregos de Mazaricos protestaron contra a intención de facer repoboacións forestais en varios montes tradicionalmente aproveitados para o pasto do gando. Tras ameazar coas súas fouces aos enxeñeiros que facían a demarcación para a repoboación forestal, interveu a Garda Civil co resultado dun campesiño morto e varios feridos.[38] En 1966 produciuse o conflito de Castrelo de Miño, onde os veciños loitaron contra as expropiacións e a construción dun salto hidroeléctrico que anegaría o seu val, sendo varios veciños acusados de sedición e xulgados no Tribunal de Orde Pública (TOP).[39]
En 1968 producíronse unhas fortes protestas estudantís en Compostela. A represión causou ducias de feridos, varios alumnos foron expulsados e oito ingresaron no cárcera da Coruña.[40] En 1972 a policía disparou contra unha manifestación obreira en Ferrol, matando a dúas persoas: Amador Rey e Daniel Niebla (ambos militantes de Comisións Obreiras). Ademais dos dous mortos houbo 16 feridos de bala e ducias por outras lesións, 160 despedidos, 101 detidos, 60 encarcerados e 54 multados con entre 50.000 e 250.000 pesetas. En setembro dese mesmo ano produciuse unha folga xeral en Vigo que durou dúas semanas e sumou a miles de traballadores. 6.000 foron despedidos, número que finalmente quedou en 400.[41] Houbo numerosas detencións e casos de tortura.[42] En setembro de 1975 foron fusilados dous militantes do FRAP: Xosé Humberto Baena Alonso e Xosé Luís Sánchez Bravo, xunto con dous vascos e un aragonés. Un mes antes, o 12 de agosto, foi morto pola policía armada o dirixente da UPGMoncho Reboiras. O 1 de maio do mesmo ano un traballador de ENDESA, Manuel Montenegro Simón, foi asasinado por un policía durante unha manifestación convocada pola Liga Comunista Revolucionaria e o PCE (m-l) en Vigo.[43]
Notas
↑Estudo sobre as persoas que foron executadas de maneira xudicial ou extraxudicial entre 1936 e 1939. Datos parciais ou estudo sen completar.
↑de Juana López, Jesús (2006). Lo que han hecho en Galicia: Violencia política, represión y exilio, 1936-1939. Barcelona: Editorial Crítica. Pages 160-164.
↑Pereira, D. (2004). A represión franquista na provincia de Pontevedra (1936-1950). Unión libre: cadernos de vida e culturas, (9), 33-45.