Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
A República dos Buriatos[1][2] (en ruso Респу́блика Буря́тия, Respúblika Buriàtia; en buriato Буряад Улас, Buriaad Ulas) é unha república (suxeito federal) asiática da Federación Rusa, situada na rexión centromeridional de Siberia, na beira oriental do lago Baikal. Segundo o censo de 2002 tiña unha poboación de 981.238 habitantes, nunha extensión de 351.300 km². A capital é Ulan-Udé.
Limita, dentro de Rusia, ao norte e ao leste coa provincia de Irkutsk e o lago Baikal, ó suroeste coa república de Tuva e ao leste coa provincia de Tchita. Ó sur limita con Mongolia.
Xeografía
O 80% do territorio é montañoso; ó suroeste álzanse as montañas Saian, que culminan no Munku Sardik (3.491 m), na fronteira con Mongolia. Ao leste do lago Baikal atópanse as montañas Iablonovi. As principais unidades de relevo son:
O altos de Selenga (Sëlëngë), ao sur (1.800–700 m).
Os Vostochny Saians, ao leste, co Munko-Sardyk / Münxë Sar'dag xada (3.491 m), o punto máis alto do país, e o Munku Sasan (3.164 m).
A rexión montañesa do Baikal, cos complexos montañosos de:
Hamar Daban, co Han Ula (2.371 m) e Sohon (2.316 m).
Ulan Burgasy.
Chikokorsky Hrebet, co Barun-Shabartuj (2.519 m).
Onon Baldzinsky Hrebet, con 1.741 m.
Os ríos principais son o Selenga (Sëlëngë müren), Barguzin (Bargazhan), Udá, Verkhnaia Angara (afluentes do Baikal), Vitim (do Lena) e Irkut, Oka e Kitoi (Süxë gol) (do Ienissei). E ademais do Baikal (Bajgal nuur), o 60% da liña de costa do cal pertence á república, hai outros lagos, como o Gusinoe Ubukun (Galuuta), Baunt, Barguzin e Severnyi Baikal. Tamén hai máis de 300 arshans (fontes de auga termal).
A temperatura media anual é de -1,6 °C,sendo a media do inverno de -22 °C e a media de verán de 18 °C.
Economía
Os recursos naturais dos Buriatos son o ouro, o tungsteno, o cinque, o uranio e outros. A economía da república está baseada en importantes produtos agrícolas e comerciais que inclúen ó trigo, ás hortalizas, á madeira, á pel, ó grafito e ós téxtiles. A pesca, a caza, a gandería, a minería e a industria alimentaria, entre outros, tamén teñen a súa importancia económica.
Poboación
Poboación: 981.238 (2002)
Urbana: 584.970 (59,6%)
Rural: 396.268 (40,4%)
Masculina: 467.984 (47,7%)
Femenina: 513.254 (52,3%)
Grupos étnicos
Segundo o censo ruso de 2002, os rusos eran arredor dos dous terzos da poboación da república, mentres que os buriatos eran tan só o 27,8%. Outros grupos son os ucraínos (1,0%), tártaros (0,8%), e outros con menos do 0,5% da poboación.
↑"Buriatos, República dos [Bur'atskaja AR] Entidade político-administrativa, situada en Siberia, Rusia, entre o lago Baikal e Mongolia..." en Diccionario Enciclopédico Galego Universal, t.11. p. 41.