Rennes xorde entre o II e o primeiro século antes de Cristo como capital da tribo gala dos redóns. A cidade chamábase Condate. Durante a Idade Media, coa chegada dos pobos bretóns e a consolidación do ducado da Bretaña fronte o poder carolinxio e logo dos reis de Francia, Rennes confirmouse como unha das poboacións máis importantes da rexión fronteiriza do ducado, a marca da Bretaña. Após a anexión do ducado da Bretaña ó reino de Francia, Rennes converteuse nunha capital provincial e acolleu o Parlamento da Bretaña.
Trala segunda guerra mundial, Rennes aumentou fortemente a súa poboación, desenvolvendo o sector industrial (destacando a gran fábrica de Citröen) e consolidouse como importante centro educativo grazas ás súas universidades. Hoxe en día, Rennes é un centro de innovación dixital e tecnolóxico recoñecido en Francia.
En 2012, cunha poboación de 210 000 habitantes (incluíndo 60 000 estudantes) e 700 000 habitantes na súa área urbana[1], Rennes é a décima cidade máis importante de Francia.
Xeografía
Rennes atópase a 308 km ó oeste de París, en liña recta. Ocupa unha posición excéntrica en relación co conxunto do territorio da Bretaña, atopándose a 50 km do límite oriental da rexión e a 250 km da punta occidental de Finistère. A súa situación occidental en relación co resto do territorio nacional impulsouno a xogar un papel central no Arco Atlántico, unha das grandes rexións transnacionais recoñecidas pola Comisión Europea.[2]
Atópase no corazón dunha área urbana de 690 000 habitantes, repartidos entre unhas 190 comunidades periurbanas. Xoga un papel crucial na economía da Bretaña moderna.
Rennes forma parte e é sede de Rennes Métropole.[3]
Clima
Goza dun clima oceánico, con invernos un pouco fríos e húmidos, e veráns algo secos e moderadamente quentes.