Rachel Roberts, nada en Llanelli o 20 de setembro de 1927 e finada nos Ánxeles o 26 de novembro de 1980, foi unha actriz galesa. É lembrada polas súas interpretacións no cinema como a amante das personaxes masculinas centrais tanto en Saturday Night and Sunday Morning (1960) e This Sporting Life (1963). Por ambos gañou o premio BAFTA á mellor actriz británica e polo segundo foi candidata á Óscar á mellor actriz. Os seus créditos teatrais incluíron a produción orixinal do musical Maggie May en 1964. En 1974 foi candidata ao Tony polas obras Chemin de Fer e The Visit,[1] e gañou un Drama Desk Award en 1976 por Habeas Corpus.
Traxectoria
Roberts naceu en Llanelli, Gales. Despois dunha educación baptista, contra a que se rebelou, realizou estudos na Universidade de Gales e na Royal Academy of Dramatic Art, comezando a traballar cunha compañía de Swansea en 1950.[2] Debutou no cinema na comedia ambientada en Gales Valley of Song (1953), dirixida por Gilbert Gunn.
A súa interpretación de Brenda en Saturday Night and Sunday Morning (1960) de Karel Reisz proporcionoulle un Premio de Cine da Academia Británica.[3] Lindsay Anderson escolleuna como a sufrida Mrs. Hammond en This Sporting Life (1963), o que lle valeu outro BAFTA e unha candidatura ao Óscar. Ambos os filmes foron exemplos significativos da New Wave británica.
No teatro, actuou coa Royal Court e interpretou o papel principal como a prostituta que mellora a súa vida no musical de Lionel Bart Maggie May (1964). Nos filmes, continuou a interpretar mulleres con apetito luxurioso como en O Lucky Man! de Lindsay Anderson (1973), aínda que o inquietante filme australiano Picnic at Hanging Rock (1975), dirixido por Peter Weir, lle proporcionou unha personaxe diferente, a autoritaria directora dunha escola de nenas da época vitoriana.
Despois de mudarse aos Ánxeles a principios da década de 1970, apareceu en papeis secundarios en varios filmes estadounidenses como Foul Play (1978). O seu último filme británico foi Yanks (1979), dirixido por John Schlesinger, polo que recibiu un BAFTA como actriz secundaria.[3]
En 1976, gañou un premio Drama Desk pola súa actuación na obra Habeas Corpus de Alan Bennett.[4] En 1979, Roberts coprotagonizou con Jill Bennett a produción de London Weekend Television de The Old Crowd de Alan Bennett, dirixida por Lindsay Anderson e Stephen Frears.
Vida persoal
Roberts casou dúas veces e non tivo fillos. O seu primeiro marido foi o actor Alan Dobie, con quen casou en 1955. Divorciáronse en 1960. Ao ano seguinte, Roberts casou co actor Rex Harrison en Xénova.[5] O matrimonio foi tumultuoso; Roberts e Harrison bebían en exceso e participaron en liortas públicas.[6] Harrison deixou Roberts máis tarde e divorciáronse en 1971.[7] Máis tarde ese ano, Harrison casou coa socialite británica Elizabeth Rees-Williams, a antiga mellor amiga de Roberts.[8]
Roberts era coñecida na industria do entretemento polo seu comportamento excéntrico que derivaba do seu alcoholismo.[9] Tiña o costume de imitar un corgi galés cando estaba bébeda e unha vez, nunha festa organizada por Richard Harris, atacou a catro patas o actor Robert Mitchum, mordéndolle os pantalóns e a súa pel, mentres el lle daba unhas palmadas na cabeza dicindo: "alí, alí".[10] Nas entradas do diario de xuño de 1967, Richard Burton describiu unha visita dos Harrison en que "Rachel se emborrachaba estupendamente e era ou chegou a ser totalmente incontrolable... Insultou a Rex sexual, moral, fisicamente e de todos os xeitos. Ela estaba deitada no chan do bar e ladraba coma un can. Nun momento, comezou a masturbar o seu basset hound, un fermoso can vello e descoidado chamado Omar".[11] No momento da súa morte, Roberts estaba intermitentemente con Darren Ramírez, un mexicano case 20 anos máis novo. Foi unha relación en gran parte platónica e nos seus últimos anos obsesionouse con reavivar a súa relación con Harrison.[12]
Pasamento
Rachel Roberts quedou devastada polo seu divorcio de Rex Harrison, e o seu alcoholismo e depresión empeoraron.[7] Trasladouse a Hollywood en 1975 e intentou esquecer a relación. En 1980, Roberts intentou reconciliarse con Harrison, mais este estaba casado coa súa sexta e última esposa, Mercia Tinker.[13]
O 26 de novembro de 1980, Rachel Roberts morreu na súa casa dos Ánxeles aos 53 anos. A súa morte foi atribuída inicialmente a un ataque cardíaco.[5] O seu xardineiro atopou o seu corpo no chan da cociña, tirado entre anacos de vidro; caera a través dunha división de vidro decorativo entre dous cuartos.[14] A autopsia determinou posteriormente que a súa morte fora o resultado de tragar lixivia ou outro álcali, ou outra substancia cáustica non identificada, así como barbitúricos e alcohol, segundo detallan os xornais publicados postumamente. O efecto corrosivo do álcali foi a causa inmediata da morte. O forense documentou a causa da morte como "a deglución dunha substancia cáustica" e, posteriormente, "intoxicación aguda de barbitúricos".[14][15] A súa morte foi declarada como un suicidio.[15]
Roberts foi incinerada no Chapel of the Pines Crematory dos Ánxeles. Os seus diarios convertéronse na base de No Bells on Sunday: The Memoirs of Rachel Roberts, publicado en 1984.
En 1992, as cinzas de Roberts, xunto coas da súa amiga Jill Bennett, que se suicidou en 1990, foron espalladas no río Támese en Londres polo director Lindsay Anderson durante unha viaxe en barco, con varios dos compañeiros e colegas das dúas actrices a bordo; o músico Alan Price cantou "Is That All There Is?" O evento incluíuse como un segmento nun documental de Anderson para a BBC, tamén titulado Is That All There Is?
Filmografía
Notas
- ↑ Roberts Playbill profile, consultado o 12/9/2016
- ↑ Halliwell's Who's Who on the Movies. John Walker (ed); HarperCollinsPublishers Ltd. (2003) pg398 ISBN 0-06-053423-0
- ↑ 3,0 3,1 The Welsh Academy Encyclopaedia of Wales. John Davies, Nigel Jenkins, Menna Baines and Peredur Lynch (2008) p. 769 ISBN 978-0-7083-1953-6
- ↑ IDBD Profile, consultado o 12/9/2016
- ↑ 5,0 5,1 "British actress Rachel Roberts, former wife of actor Rex...". United Press International. 27 de novembro de 1980. Consultado o 5 de marzo de 2017.
- ↑ Wapshott, Nicholas (4 de marzo de 2008). "Unfaithfully Yours, Rex". The New York Sun. newyorksun.com. Consultado o 5 de marzo de 2017.
- ↑ 7,0 7,1 "Rachel Roberts". Gales: BBC. Consultado o 5 de marzo de 2017.
- ↑ Reed, Rex (7 de febreiro de 1971). "Rachel Roberts Raps About Rex Harrison". Chicago Tribune (Chicago, Illinois). p. 3. Consultado o 5 de marzo de 2017.
- ↑ Lusted, David and Raymond Williams (1989). Raymond Williams: film, TV, culture : a publication accompanying a season of films and television at the National Film Theatre, June, 1989. Londres: NFT/BFI Education. p. 28.
- ↑ Sellers, Robert (2011). Hellraisers: The Life and Inebriated Times of Richard Burton, Richard Harris, Peter O'Toole, and Oliver Reed. NY: St. Martin's Griffin. p. 89. ISBN 978-0312668143.
- ↑ The Richard Burton Diaries, entry for June 1, 1967
- ↑ Roberts, Rachel (1984). No Bells on Sunday: The Rachel Roberts Journals - 0060152354. abebooks.co.uk (en inglés) (Harper & Row). ISBN 978-0060152352. Consultado o 2019-12-22.
- ↑ Greek, Sara (30 de agosto de 2013). "The story of Rex Harrison's fourth wife to be told at Hertford Theatre". Hertfordshire Mercury. hertfordshiremercury.co.uk. Consultado o 5 de marzo de 2017. [Ligazón morta]
- ↑ 14,0 14,1 Upton, Julian (2004). Fallen Stars. Headpress. ISBN 1-900486-38-5.
- ↑ 15,0 15,1 "Rachel Roberts Ruled a Suicide". The New York Times. 1981-01-06. Consultado o 2008-08-17.
Véxase tamén
Ligazóns externas