Ptiliidae é unha familia de diminutos escaravellos cunha distribución cosmopolita. Esta familia contén o escaravello de menor tamaño coñecido,[2] cunha lonxitude cando completou o crecemento de só 0,3-4,0 mm.[3] O seu peso é aproximadamente de 0,4 miligramos.[4] Teñen unhas ás posteriores estreitas e de aspecto plumoso.[3] Este aspecto plumoso débese a que a viscosidade efectiva do aire é maior que a dos corpos de tamaño diminuto, o que fai que unha á normal de insecto sexa moito menos eficiente para o voo que unha "plumosa". A diferenza doutros pequenos insectos con ás "plumosas", como as de avespas parasitas como as Mymaridae, os Ptiliidae non voan usando un movemento de palmear e elevar (clap and fling), senón facendo coas ás unha figura de oito na que as ás palmean no ápice das batidas cara a arriba e cara a abaixo. Son capaces de voar a velocidades comparables ás dos seus parentes máis grandes.[5]
O pequeno tamaño forzou a algunhas especies a sacrificar parte da súa anatomía, como o corazón, o boche e a moella. Aínda que o exoesqueleto e o sistema respiratorio dos insectos parecen ser factores limitantes maiores en canto ao tamaño maior que poden acadar, o límite de menor tamaño que poden ter parece estar relacionado co espazo necesario para os seus sistemas nervioso e reprodutor.[6] Os adultos e larvas son micrófagos, alimentándose de esporas e hifas de fungos, así como doutros detritos orgánicos. Encóntranse nunha ampla variedade de hábitats, incluíndo madeira podre e infestada por fungos, buracos de árbores, baixo o kelp nas praias e dentro ou preto de formigueiros e termitiros.[7] Os ovos son moi grandes en comparación coa femia adulta (aproximadamente a metade da súa lonxitude) polo que só poden poñer e desenvolver un ovo de cada vez.[2] Algunhas especies utilizan a partenoxénese.[2]
Existen unhas 600 especies descritas distribuídas en 80 xéneros,[3] pero hai un gran número de espécimes nas coleccións que esperan a ser descritos, aqsí que o verdadeiro número de especies é probablemente moito maior.[2] Rexistráronse fósiles de Ptiliidae do Oligoceno, de aproximadamente hai 30 millóns de anos[3] do Eoceno, de hai 46,2–43,5 millóns de anos, e en ámbar libanés e birmano do Cretáceo, datados en hai 125 e 99 millóns de anos, respectivamente.[8] A familia está dividida en 3 subfamilias:[3]
↑Eugene Hall, W.. "Ptiliidae Erichson, 1845: Coleoptera, Beetles". Handbook of Zoology Online, edited by Andreas Schmidt-Rhaesa. Berlin, Boston: De Gruyter, 2016. Consultado o 2022-10-02.
↑Floyd W. Shockley; Dale Greenwalt (2013). "Ptenidium kishenehnicum (Coleoptera: Ptiliidae), a New Fossil Described from the Kishenehn Oil Shales, with a Checklist of Previously Known Fossil Ptiliids". Proceedings of the Entomological Society of Washington115 (2): 173–181. doi:10.4289/0013-8797.115.2.173.