As flores dos Prunus teñen cinco pétalos e cinco sépalos con cores que van do branco ao rosa. Poden ficar separadas, mais en acios ou en umbelas.
Follas
As follas son simples e xeralmente lanceoladas. O bordo é dentado.
Froito
O froito de todos os Prunus é unha baga (drupa) cunha carabuña de consderábel tamaño.
Usos
O xénero Prunus inclúe todos os cultivares desenvolvidos para froitas comerciais como améndoas, albaricoques, cereixas, pexegos e ameixas (incluíndo abruños). A parte comestíbel da améndoa é en realidade a semente da carabuña; polo que o froito da amendoeira é realmente unha drupa, e non unha noz ou froito seco.
Algunhas especies, híbridos, e cultivares, tamén se empregan coma ornamentais, xeralmente pola floración que teñen, ás veces pola follaxe e forma, e, ocasionalmente, pola cortiza. Estas ornamentais inclúen os abruñeiros dos xardíns ou o grupo que poderíamos chamar cerdeiras de flor (sakura), as sonadas cerdeiras xaponesas usadas en xardinaría.
Outras especies coma o espiñento abuñeiro (Prunus spinosa), empréganse para formar sebes e valados nas estremas de leiras e xardíns.
A madeira dalgunhas especies (especialmente da cerdeira) son moi apreciadas en ebanistaría pola gran calidade.
Moitas especies botan resina aromática das feridas do troco; que ás veces ten uso medicinal ou coma tinturas.
Polo seu considerábel valor, tanto coma alimento, coma ornamental, moitas especies de Prunus foron introducidas en lugares do mundo onde non eran autóctonas, resultando, ás veces, naturalizadas.
A taxonomía é obxecto dalgunhas disputas; a meirande parte dos autores colócano dentro de Rosaceae, como a subfamilia Prunoideae ou Amygdaloideae, porén ocasionalmente considérsae unha familia de seu: Prunaceae ou Amygdalaceae.
O gran número de especies de Prunus existentes aumenta significativamente as posibilidades de hibridación entre elas, polo que se dificulta unha correcta clasificación botánica, a isto cómpre engadirmos a importancia económica e alimentaria que ten o xénero, polo que a industria experimenta constantemente con hibridacións e novos cruzamentos.[3]
Subxéneros
Dentro de Prunus distínguense seis subxéneros:
Amygdalus, que comprende o pexegueiro e a amendoeira, con floración a comezos da primavera, caracterizado por presentar gomos axilares en grupos de tres, drupas marcadas por unha depresión a un dos lados, e vaíñas das sementes sucadas profundamente;
Prunus, que comprende o albaricoqueiro (Prunus armeniaca) e mais a ameixeira, con floración a comezos da primavera, caracterizado por presentar gomos axilares solitarios, drupas marcadas por unha depresión a un dos lados, e vaíñas das sementes brugosas;
Cerasus, que comprende a cerdeira, con floración a comezos da primavera, caracterizado por presentar gomos axilares solitarios, drupas e vaíñas das sementes lisas;
Lithocerasus, que comprende as cerdeiras ananas, con floración a comezos da primavera, caracterizado por presentar gomos axilares en grupos de tres, drupas e vaíñas das sementes lisas;
Padus, con floración en acios a finais de primavera, caracterizado por presentar gomos axilares solitarios, dupas e vaíñas das sementes lisas;
Laurocerasus, perenne, con floración en acios a comezos da primavera, caracterizado por presentar gomos axilares solitarios, drupas e vaíñas das sementes lisas.
↑Bouhadida, Mariem (2006): "Análisis de la diversidad genética en melocotonero [P. persica (L.) Batsch] y en patrones del género Prunus". Tesis doctoral. Fac. Ciencias. Univ. Zaragoza.