Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures) é unha obra dramática de Eduardo Blanco Amor publicada por Laiovento en 1990.[1] Posteriormente foi traducida ao catalán.[2]
En 1976 a Editorial Cuadernos para el Diálogo, Edicusa, publicou unha versión de Farsas para títeres en castelán co título Farsas y autos para títeres, na que se incluía o texto inédito Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures), que a censura fixo arrincar materialmente dos exemplares impresos. No mesmo ano a editorial fixo unha segunda edición na que xa incluíu o texto.[3]
En 1980 foi publicada en castelán pola revista Pipirijaina. A versión castelá é máis libre, está adaptada lingüisticamente para un público que ten interiorizada unha historia teatral diferente á nosa.
En 1990 Laiovento publica só o texto galego, idioma no que foi pensada e escrita a obra.
"é unha farsa esperpéntica de carácter político, na que os grandes e pequenos nomes están aludidos: a farsa dunha suposta xustiza humana, occidental, coa música de fondo do pasodobre da Festa Nacional, a guerra civil... Os elementos aparecen estilizados, pero describen unha realidade absurda, esperpéntica, perto das concepcións de Valle e de Arrabal. As voces en off axudan a alongar esta imaxe deformadora. Peza coherente, complexa e áspera de tono, é unha visión lúcida da realidade, posta en escena por uns títeres grotescos (p. 18)"
Contido
Carta de Blanco Amor a Carlos Laíño o 19-4-1978.
Uxier, sen idade
Presidencio, vello
Segredoiro, sen idade
Paisán ou Presunto, 40 anos
Acusativo Vertical, 60 anos
Muller ou Convicta-Confesa, 30 anos, que son 20
Defensorio Tolerado, 25 anos
Sala do Tribunal de Inxustiza en Jacobusland.
Acción escénica pantomímica.
Os letrados están debruzados e adormecidos, cada tanto espertan, escorrentan as moscas, endereitan o peluquín etc.
Acción mixta.
Voz en off: Audiencia pública. O espantallo ponse a tremer. Aparece o Uxier e sae unha cabeza degolada, moi ensanguentada e risoña. Tira con ela coma se fose un birlo e colle unha chave antiga de darlle corda aos reloxos; con ela vai espertando os letrados. Aparece o Presidencio, fraco, ollos de tolo, leva un colar honorífico con forma de porquiño. Espreguízase, senta e le os folios da mesa.
Acción-diálogo.
Represenación dun xuízo esperpéntico no que todo está amañado e o que menos importa é a xustiza. O xuíz está máis interesado nas súas nécoras ca nos feitos, non se escoitan os acusados nin interesan os feitos. Todo é unha farsa, pouco importa o que digan o Paisano, a Muller ou os veciños de Trasariz de Embaixo acusados de reunión ilegal cando o que estaban era a botar unha partida de cartas na cantina. Cando, ao final, o Paisano pode falar, conclúe:
En los años treita y seis cando naide la ajardaba escomenzó de arrepente la liorta máis disjraciada (Baixa o telón adispacio.) Aínda non mediara el vrau por las calendas de Julio, se armó da le diosescristo en la Corte y otros puntos. (Cerra o telón.) La guente se echó a las calles y la tropa uniformada. Unos din "revolución" y outros, prenuncian "crozada.
Como siempre el probe poebo pra quien dicen que es el trunfo, el solo pajó la guerra con un millón de difuntos... (p.47)
"o grotesco atinxe unha extraordinaria forza expresionista. Algo que se advirte xa nos nomes dos personaxes: Presidencio, Secretostio, Acusativo Vertical, Defensorio Tolerado... e tamén no espacio escénico indicado polo autor: Sala do Tribunal de Inxustiza de Jacobusland. Blanco Amor dá grande importancia ás acotacións, ás veces extensas e meticulosas, como cando sinala exactamente o tempo que ten de durar un voo musical de moscóns, 90 segundos, tomado do coñecido fragmento de Rimsky-Korsakov que se encontra na súa ópera O Tsar Saltón. O esperpento valleinclanesco está presente, mais Blanco Amor leva os seus entes de ficción, que non personaxes, ata os maiores extremos de deformación sarcástica. O romance de cego e romaría, sobre a guerra civil, que encerra a obra deixa un sabor acedo porque desaparece o grotesco e festivo e se adiviña a terríbel realidade que se agacha após a representación."
"O autor fai unha descarnada pintura da esperpéntica xustiza da ditadura; é unha tráxica resposta á grotesca mascarada xudicial que se viveu no Estado nos últimos anos dunha etapa da nosa historia que semellaba eterna... A denuncia máis directa fica reflectida nos nomes das leis, das institucións e dos detentores do poder: Tribunal de Volveporoutra, Visorrei Territorial Doutor Suevio Muxindo, Leis de Eilledoi e Fodímola... A figura do Paisán que cerra a obra é paralela ao Cego que abre O Mariscal de Cabanillas..."
"Na liña do esperpento polítcio e xudicial, foi pensada para representacións do teatro independente na agonía do franquismo e, incorporando tópicos da crítica política e ideolóxica, resíntese do seu conxuntural destino."
"A peza, cuxo cantar de cego final anuncia a proximidade do 18 de xullo e que incorpora algúns lugares comúns da crítica socio-política do teatro dos anos 70, así como moitos dos seus procedementos dramáticos e esceno-técnicos, convértese no artifacto de denuncia do absurdo autoritarismo xudicial."
Notas
↑Blanco Amor, Eduardo (1990). Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures). A Biblioteca do Arlequín. Sotelo Blanco. ISBN84-7824-030-6.