Primeiro ducado de Baviera

O presente artigo traza a historia dos bávaros e do seu primeiro ducado, no período dos séculos VI-VIII (Antigüidade tardía).

:Unha síntese histórica que vai ata o período contemporáneo: Ducado de Baviera - Historia de Baviera.

Orixe dos bávaros

A orixe dos bávaros (Baiovarii ou Baiuwari) é descoñecida. A primeira mención histórica deste pobo data de 551, na cal o historiador Xordanes os sitúa xa nos eu territorio actual. Debemos contentarnos coas teorías sobre as súas relacións. Se Lucien Musset[1] considera que se trata dun grupo de pobos xermánicos, segundo un proceso análogo ao que deu a formación dos francos ou dos alamáns, confesa porén a incerteza dos historiadores sobre a súa proveniencia. Henry Bogdan[2] relaciónaos cos antigos marcomanos de Bohemia aos que se terían unido algóns pobos xermánicos marxinais. Mourre no seu dicionario fai deles unha mestura de pobos xermánicos (marcomanos, cuados) e celtas (Boios) vidos de Bohemia. finalmente, o británico Colin McEvedy ven eles unha federación dos últimos suevos. As súas relacións cos longobardos están mellor testemuñadas, algúns bávaros uníronse ao seu rei Alboíno para invadir a Italia bizantina sobre o 568[1]

Historia do primeiro ducado de Baviera

Os bávaros teríanse aproveitado da caída do reino ostrogodo a principios do século VI para abandonar a Bohemia e se instalaren na antiga provincia romana de Recia. O seu territorio sobre o alto Danubio engloba daquel aos antigos campamentos romanos de Castra Regina (Ratisbona), Augusta Vindelicorum (Augsburgo) e Castra Batava (Passau). No século seguinte. Os bávaros avanzan cara ao sur e chegan ao Alto-Adige[1].

Pouco despois da súa instalación, os bávaros víronse forzados a recoñeceren a autoridade do rei franco Teodeberto I (534-548), pero mantiveron unha ampla autonomía, pois os reis francos se concentraban sobre a antiga Galia romana e esquecían as marxes dos eu reino. Ademais, ao tomaren só o antigo título militar romano de dux, os duques de Baviera non entraban en competición cos reis francos. A dinastía dos duques Agilolfingas púidose manter sobre dous séculos.

Sobre o ano 600, o territorio do actual Estado Libre de Baviera estaba, pois, ocupado por tres tribos: os Baiern que deron os eu nomea o país, os francos e os suabos. Se a actual Baviera do Norte caía baixo a soberanía dos francos, os alamáns e os bávaros formaban, ao sur, territorios soberanos separados polo río Lech.

Nos seus principios, o ducado de Baviera estendíase ben cara ao leste e o sur, ata a Carintia actual, a Baixa Austria e a Italia do norte. Pero o corazón do país situábase sobre o Danubio.

Veciños dos reinos francos que guerreaban entre eles, dos longobardos de Italia ao Sur, e do poderoso reino dos ávaros ao leste, os duques de Baviera da dinastía dos Axilolfingas ataron numerosas alianzas matrimoniais cos reis longobardos, cousa que lles había permitir equilibrar a tutela franca.

Ver artigo relacionado:Lista dos duques de Baviera.

Cristianización de Baviera

A retirada da romanización en Recia e a instalación dos bávaros fixo caer no esquecemento a presenza cristiá da época romana. Os primeiros misioneiros en Baviera san Emmeran e san Ruperto foron seguidos en 739 por san Bonifacio, activo evanxelizador da Xermania, que organiza de acordo co duque de Baviera catro bispados en Salzburgo, Passau, Ratisbona e Freising [2]. A partir desta época, o ducado de Baviera convértese nun centro de refuxio para todos os xermanos que queren escapar á supremacía dos francos[1]. En 798, Arn de Salzburgo convértese no primeiro arcebispo de Baviera.

Anexión do ducado

Ao principio do reinado de Carlomagno (771-814), o duque de Baviera Tasilón III, xenro e aliado do rei dos longobardos Desiderio agranda o seu ducado mediante anexión dos eslavos de Carintia. En 781, Carlomagno non aprecia esta acción independente e obriga a Tasilón a renovar en Worms o seu xuramento de fidelidade ao rei dos francos e a entregar reféns. Pero a persistencia dos contactos entre Tasilón e Desiderio, inimigo de Carlomagno, conduciu ao arresto de Tasilón en 787, e á súa condena a morte por traizón en 788. Perdoado, foi recluído nun convento, onde morre algúns anos despois.

A destitución de Tasilón pon fin á semiindependencia do ducado de Baviera, integrado desde agora no reino dos francos. Carlomagno confiará o goberno do ducado bávaro ao seu cuñado, Xeroldo, conde de Suabia. En 794, Baviera entra no patrimonio directo dos Carolinxios.

Ludovico Pío erixirá o ducado en reino franco en 814, e darallo ao seu fillo máis vello, Lotario.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Lucien Musset, Les invasions germaniques
  2. 2,0 2,1 Histoire de l’Allemagne de Henry Bogdan

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Colin McEvedy, Atlas de l’histoire du moyen âge, 1961, traduit de l’anglais par Colette Vlérick, édité chez Robert Laffont, 1985, ISBN 2-221-04775-3.
  • Lucien Musset, Les invasions, les vagues germaniques, PUF, collection Nouvelle Clio – l’histoire et ses problèmes, París, 1965, 2e édition 1969
  • Henry Bogdan, Histoire de l’Allemagne, de la Germanie à nos jours, éditions Perrin, 1999, ISBN 2-262-01260-1