Portici é unha comuna italiana da rexión da Campania, provincia de Nápoles. Segundo o censo de 2010 tiña unha poboación de 58.905 habitantes.[1] Esténdese por unha supreficie de 4 km², polo que tiña, na data citada, unha densidade de poboación de 14.726 hab/km²,[2][3] o que fai dela unha das cidades de maior densidade de poboación do mundo.
Portici é a sede da Facultade de Agronomía da Universidade Federico II, instalada no antigo Palacio Real de Portici construído polo rei Carlos VII de Nápoles (futuro Carlos III de España) como residencia para a familia Borbón. O edificio máis tarde caeu en desuso debido á construción do Palacio Real de Caserta e, posteriormente, foi a seda da Escola Superior de Agricultura (Scuola superiore di agricoltura), máis tarde o Instituto Superior Agrario (Istituto superiore agrario) e, finalmente, coa reforma entrada en vigor no curso académico 1935-1936, pasou a ter as funcións de sede da Facultade de Agronomía.
En Portici está o Museo Nacional Ferroviario de Pietrarsa (Museo nazionale ferroviario di Pietrarsa), no que se exhibe a primeira locomotora fabricada en Italia, que funcionaba na primeira liña férrea do país, a Napoli-Portici, inaugurada o 3 de outubro de 1839.