O IFK de Helsinqui, segundo da liga regular, defendeu o título conquistado na tempada precedente, sendo o gran favorito para gañar o campionato xunto co K-Espoo, campión da liga regular.
Á conclusión das series o HIFK alzou por segunda vez na súa historia a Aurora Borealis Malja logo de superar en catro partidos ao K-Espoo, mentres que as xogadoras do KalPa de Kuopio conseguiron a medalla de bronce logo de impoñerse ao HPK de Hämeenlinna.
A xogadora francesa do HIFK Clara Rozier foi nomeada como mellor xogadora dos play-offs logo de rexistrar 14 puntos (7+7) nos 11 partidos que o equipo da capital disputou nas series.
Antes do inicio da competición o HIFK foi sanncionado coa perda de seis puntos na clasificación por non xestionar a transferencia internacional da xogadora checa Michaela Pejzlova ao equipo na tempada precedente.[1] Esta sanción acabaría levando ao equipo da capital a finalizar a liga regular na segunda posición con 75 puntos, catro menos que o K-Espoo, logo de gañar 27 partidos e perder tan só cinco. O xogo do equipo foi sólido ao longo de toda a liga regular salientando a figura da xogadora checa Michaela Pejzlova (71, 30+41 en 24 partidos), aínda que o final do ano 2023 e o inicio do 2024 non foi bo para o equipo, que colleitou catro derrotas consecutivas contra os equipos da zona alta da táboa, primeiro contra K-Espoo,[2] logo contra HPK,[3]Ilves,[4] e KalPa.[5] Con todo, o equipo dirixido por Saara Niemi foi o máximo goleador (175) e o menos goleado (49), rexistrando un +126. Ata catro xogadoras do equipo estiveron na lista das cinco máximas puntuadoras da liga regular (Michaela Pejzlova e Sanni Vanhanen nos dous primeiros postos, e Julia Liikala e Clara Rozier nos postos 4º e 5º respectivamente), e Kiia Lahtinen foi a mellor porteira en porcentaxe de paradas cun 93,3%. Este dominio estatístico non se viu reflexado nos nomeamentos ás mellores xogadoras do mes e da semana, e tan só Michaela Pejzlova foi recoñecida como mellor xogadora do mes en xaneiro,[6] e Clara Rozier como mellor xogadora da semana a finais de xaneiro.[7] Michaela Pejzlova foi ademais seleccionada no primeiro equipo das estrelas xunto coa súa compañeira Siiri Yrjölä, mentres que Julia Liikala formou parte do segundo equipo das estrelas.[8] Ao final da liga regular Michaela Pejzlova gañou o trofeo Marianne Ihalainen como máxima puntuadora da liga regular e Clara Rozier o trofeo Sari Fisk á xogadora co mellor rexistro plus–minus da liga regular.[9][10]
HPK
Ilves
O Ilves finalizou a liga regular na quinta posición con 53 puntos e unha diferenza de goles de +8. O peso anotador do equipo recaeu en varias xogadoras encabezadas por Anniina Kaitala (34, 21 + 13), aínda que Emilia Varpula (33, 6 + 27) e Helen Puputti (32, 13 + 19) tamén superaron a barrera dos 30 puntos. O equipo tivo un gran inicio de competición no que encadeou cinco vitorias dos seis partidos que o Ilves disputou en setembro, o que lle valeu á súa porteira Salla Sivula ser nomeada como mellor xogadora no mes de setembro logo de conseguir unha porcentaxe de paradas do 95,2 %.[11]
KalPa
Ao final da liga regular o KalPa finalizou na cuarta posición con 60 puntos e unha diferenza de goles de +38. A principal figura do equipo foi a atacante Elisa Holopainen, que rexistrou 57 puntos nos 19 partidos que disputou, once máis que a segunda máxima puntuadora do equipo, Johanna Juutilainen, que disputou os 32 partidos da liga regular. Holopainen recibiu os premios á mellor xogadora da semana na semana do 27 de novembro ao 3 de decembro, o premio á mellor xogadora do mes de novembro e foi incluída no primeiro equipo das estrelas xunto coa súa compañeira, a defensora Sanni Rantala.[12][13][14]
O KalPa e o Ilves enfrontáronse nos cuartos de final logo de finalizar na cuarta e quinta posición respectivamente. Ao longo da liga regular ambos equipos estiveron sempre igualados, e os catro partidos que disputaron entre eles decidíronse por un único gol de diferenza, cun rexistro favorable para o equipo de Tampere, que gañou tres dos catro encontros.[15]
No primeiro partido partido da serie, disputado en Kuopio, o Ilves adiantouse no marcador no primeiro terzo grazas a unha xogada protagonizada por Johanna Siira e Helen Puputti, quen se encargou de levar o disco máis aló da liña de gol logo dun rebote, a pesar do dominio local nos primeiros compases do partido. As dúas porteiras fixeron un partido moi parello, e Salla Sivula puido neutralizar o xogo da estrela do KalPa, Elisa Holopainen, que aínda así acabou sumando dous puntos de asistencia. No segundo terzo o KalPa igualou o marcador grazas a un gol de Juutilainen. A igualdade mantívose ata o último minuto do terceiro período, cando a defensora do Ilves Anna Kilponen foi sancionada con dous minutos, o que supuxo a superioridade numérica do KalPa, con todo, Kilponen tan só estivo nove segundos no banco das expulsadas logo de que Liisa Kastikainen anotara o que sería o gol da vitoria no minuto 59:04, nunha xogada polémica que foi revisada en vídeo dúas veces e na que a adestradora do equipo de Tampere, Marjo Voutilainen percibiu contactos coa porteira do lince[16][17][18][R 1]
Como xa ocorrera na tempada precedente, o HPK (terceiro clasificado da liga regular) e o KalPa (cuarto) enfrontáronse no partido pola medalla de bronce, que se disputou en Hämeenlinna. Do mesmo xeito que un ano atrás, as xogadoras de Kuopio fixéronse coa vitoria e colgáronse a medalla de bronce por segundo ano consecutivo. A primeira liga foi a principal arma do KalPa, especialmente a velocidade de Elisa Holopainen. O partico comezou ben para as de Kuopio, que sorprenderon á porteira do HPK cunha acción individual de Johanna Juutilainen. Logo do gol do KalPa, as xogadoras de Hämeenlinna buscaron o empate, mais un gol de Holopainen oito minutos despois complicaba aínda máis o partido para o equipo local. A pesar de que ao principio do segundo terzo o HPK contou cunha grande ocasión que salvou Tiina Ranne, a situación agravouse pouco despois, cando novamente Holopainen superou a Kassidy Sauve para colocar o 0-3 no marcador, resultado co que se chegou ao terceiro e último período. Durante os últimos 20 minutos de partido o xogo ofensivo do HPK baseouse en accións individuais e non puido crear xogadas en accións de cinco contra cinco. Con todo, a poucos minutos do final Jutta Stoltenberg reduciu distancias, dando esperanzas ás locais, mais o seu gol chegou demasiado tarde e o KalPa acabou celebrando a medalla de bronce.[19][20][R 2]
Por terceiro ano consecutivo o K-Espoo e o HIFK se enfrontaron na final da liga. Nas primeiras primeiras finais entre ambos equipos, disputada en 2021, as xogadoras do equipo de Espoo conseguiron a vitoria, mentres que en 2022 foron as xogadoras de Helsinqui as que alzaron a Aurora Borealis Malja como campioas da Naisten Liiga.[21] As tempadas regulares de ambos equipos foron opostas en canto ás lesións, xa que o equipo de Espoo a penas tivo xogadoras ao longo da competición, mentres que o equipo de Helsinqui tivo a varias xogadoras clave lesionadas ao longo da tempada, se ben chegou ás finais con todas as xogadoras dispoñibles.[22]
O K-Espoo inaugurou o contador de vitorias nas finais logo de impoñerse no primeiro partido na casa por 3-0 ante 436 persoas cunha actuación destacada da súa porteira, Tiia Pajarinen, que realizou 33 paradas. As xogadoras locais comezaron con forza o partido e axiña chegou o primeiro gol, obra de Elsa Talvitie no minuto 7, que entrou con fortuna na portería logo de que o disco rebotara nos patíns da porteira Miia Vainio ás súas costas. Algo máis de 10 minutos despois a defensora Minttu Tuominen ampliou a difernza logo dun potente tiro dende a liña azul. Finalmente, no terceiro terzo Lisette Täks puxo o 3-0 definitivo.[22][20][R 3]
No segundo encontro, disputado na capital, o equipo local conseguiu empatar a serie logo de gañar por 2-0. O partido quedou decidido xa co gol de Clara Rozier no primeiro terzo, mentre que Pauliina Salonen pechou o marcador no último terzo. Como no primeiro partido, a porteira do equipo local, Miia Vainio, tivo unha actuación desetacada con 29 para deixar a súa portería a cero como o día antes fixera a súa homóloga.[21][20][R 4]
O IFK conseguiu romper a vantaxe de campo do K-Espoo logo de impoñerse en Tapiola por 4-2, conseguindo así as de Helsinqui poñerse en vantaxe na eliminatoria antes de regresar a Pirkkola, a pesar de non poder contar coa súa dianteira estrela Michaela Pejzlova. Boa parte do éxito do equipo debeuse á gran actuación da súa porteira Miia Vainio. O equipo da capital adiantouse axiña no marcador grazas a unha xogada de tres contra tres finalizada por Julia Liikala cun disparo á escuadra pouco despois de superarse o minuto de xogo. A situación para o equipo de Espoo non mellorou no segundo terzo, xa que pouco despois de reiniciarse o xogo, o equipo visitante ampliou a renda grazas a un gol de Pauliina Salonen no que a porteira local, Tiia Pajarinen, non puido facer nada ao quitarlle a visibilidade tres xogadoras propias e unha rival. As xogadoras locais non foron quen de aproveitar unha situación de superioridade para abrir o marcador, e non foi ata os últimos momentos cando o K-Espoo inaugurou o marcador xogando sen porteira.[23][R 5]
O cuarto partido das seguiu o mesmo guión que os dous anteriores, nos que o equipo capitalino conseguiu a vitoria, cun gol rápido nunha xogada na que Sanni Vanhanen asistiu a Clara Rozier no centro do ataque, que a xogadora francesa resolveu cun disparo xunto o poste. A emoción mantívose ata o final do partido, xa que as xogadoras do K-Espoo conseguiron empatar ata en dúas ocasións, aínda que as xogadoras de Saara Niemi responderon en ambas ocasións con sendos goles.[24][R 6]
O IFK tivo como principais referentes ás xogadoras francesas Clara Rozier e Athena Locatelli, así como a dianteira internacional checa Michaela Pejzlova.[24] Rozier foi nomeada despois do partido decisivo das finais como a mellor xogadora dos play-offs logo de rexistrar 14 puntos (7+7) nos 11 partidos que o equipo da capital disputou nas series, incluídos 2 (1+1) no partido decisivo.[25]