María del Pilar Careaga Basabe, nada en Madrid o 26 de outubro de 1908 e finada na mesma cidade o 10 de xuño de 1993, foi unha política española, alcaldesa de Bilbao durante o franquismo e a primeira enxeñeira titulada de España.
Traxectoria
Pertencía a unha familia da burguesía financeira e industrial de Neguri. Era filla do diplomático biscaíño Pedro González de Careaga y Quintana, conde de Cadagua, e de Concepción Basabe y Zubiría. En 1929 foi a primeira muller española en licenciarse en enxeñaría industrial na Escola de Enxeñeiros Industriais de Madrid, así como a primeira muller que conduciu un ferrocarril.[1] Tamén obtivo o título de patrón de embarcacións de recreo.
Durante a Segunda República Española militou en Renovación Española de José Calvo Sotelo xunto a José Félix de Lequerica Erquiza, José María de Areilza, Ramiro de Maeztu e Antonio Goicoechea, e impulsou a revista Acción Española, inspirada nas ideas de Charles Maurras e do tradicionalismo español. Foi candidata de Renovación Española por Biscaia ás eleccións xerais de España de 1933, onde obtivo o 14% dos votos pero non escano.
Ao comezo da Guerra Civil española atopábase en Bilbao, onde foi encarcerada na prisión de Larrinaga polas autoridades republicanas. O 11 de setembro de 1936 foi intercambiada xunto con 150 presos franquistas máis a cambio dos nenos dunha colonia escolar bilbaína en Laguardia (A Rioxa Alavesa). Marcha a Valladolid e desde alí á fronte de Madrid, onde foi delegada de Asistencia á fronte e Hospitais da Falange Española Tradicionalista y de las JONS e organiza a asistencia a feridos franquistas.[2] Ao acabar a guerra foi condecorada polas autoridades franquistas e establécese en Bilbao, onde se adicou ás tarefas de asistencia e beneficencia sendo vicepresidenta da Xunta de Protección de Menores e vicepresidenta (1958) e vicepresidenta (1965) da Xunta Provincial de Beneficencia.
O 23 de outubro de 1943 casou co enxeñeiro Enrique de Lequerica Erquiza (1892-1987), irmán do alcalde de Bilbao José Félix de Lequerica, con quen viviu no palacio de Neguri desde 1957. En 1959 foi membro da Real Sociedade Bascongada de Amigos do País. En 1964 foi nomeada conselleira do Consello Provincial do Movemento Nacional, sendo a primeira deputada provincial de Biscaia (1964-1969), e presidindo a comisión de beneficencia e obra social.
O 7 de xullo de 1969 substituíu a Javier Ybarra Bergé como alcalde de Bilbao, sendo a primeira muller en ocupar unha alcaldía durante a ditadura franquista.[3] En 1970 tamén foi escollida como procuradora en Cortes.[4] Durante o seu mandato enfrontouse á insuficiencia de infraestruturas de tráfico e comunicacións, agravada pola falta de recursos económicos municipais. Tamén condecorou en nome da vila de Bilbao a todas as persoas que sufriran atentados de ETA, incluído o almirante Luis Carrero Blanco.
Dimitiu como alcaldesa o 7 de xullo de 1975 e abandonou a política activa, a pesar de dar apoio a organizacións de extrema dereita e participar na fundación de Fuerza Nueva. O 25 de marzo de 1979 sufriu un atentado de ETA en Guecho, que a feriu gravemente no pulmón e aínda que se recuperou, quedáronlle secuelas.[5][6] Instalouse entón en Madrid. Morreu nunha clínica de Madrid debido a complicacións hepáticas.
O 28 de outubro de 1970 recibiu a gran cruz da Orde de Cisneros, concedida o 18 de xullo polo Goberno.[7]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
- Biografía na páxina web da Real Academia de la Historia