Peregrina Quintela Estévez, nada en Vigo en 1960, é unha catedrática e investigadora de matemática aplicada galega, gañadora do Premio María Josefa Wonenburger Planells en 2016, concedido pola Xunta de Galicia.[1] É directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI).[2]
Traxectoria
Quintela licenciouse en 1982 en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde é catedrática[3], e posúe dous doutoramentos, un pola Universidade Autónoma de Madrid (UAM, 1986) e outro pola Pierre et Marie Curie (París VI, Sorbonne Université, 1988).[4] A súa tese de doutoramento, titulada Elasticidad no lineal: Modelo de Von Karma, foi dirixida por Philippe G. Ciarlet, matemático francés coñecido polo seu traballo na análise matemática do método de elementos finitos aplicado á elasticidade, e publicada en 1986.[5] Está especializada en modelaxe matemática, análise matemática e simulación numérica en modelos de física, enxeñaría e ciencias aplicadas. Durante a súa carreira combinou a dedicación ao ensino, investigación e a transferencia de coñecementos e a xestión de empresa.[4]
En 1997, publicou o seu primeiro libro de Introducción al lenguaje de programación MATLAB y sus aplicaciones: una guía sencilla para aprender ese lenguaje de forma natural, progresiva y práctica. En 2000 publicou outros dous libros Ecuaciones diferenciales e Matemáticas e ingeniería con MATLAB. Posteriormente, en 2001, publicou Métodos numéricos en ingeniería.
Desde a súa fundación, o 30 de setembro de 2011, Quintela é Presidenta da Rede Española Matemática Industria (math-in) que é unha asociación privada sen ánimo de lucro formada por ao redor de 40 grupos de investigación dunha vintena de universidades e centros de investigación españois.[6]
Coordinou entre 2007 e 2012 a creación do nodo CESGA do Proyecto Consolider Ingenio MATHEMATICA (i-MATH). Este proxecto integrou a máis de 340 grupos de investigación de toda España e máis de 1.700 investigadores e investigadoras no campo das matemáticas, xestionado pola Universidade de Cantabria. Especificamente, o Nodo CESGA xurdiu coa misión de tomar iniciativas encamiñadas á transferencia de coñecemento matemático ao sector produtivo promovendo o uso de métodos e técnicas matemáticas na industria.[7]
Posteriormente, desde a súa creación en 2013, é directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati) que ten como principal función a transferencia de tecnoloxía matemática para axudar á mellora da competitividade e apoiar a innovación no sector produtivo.[8]
En 2013 tamén participou activamente na fundación do European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), sendo primeiro membro do seu Consello e desde 2015 parte do Executive Board.[4] Asiste a conferencias internacionais de forma moi activa e publica artigos en revistas especializadas.
Publicacións
Conta con máis de 50 artigos publicados en revistas de primeira orde e preto dunha trintena doutras publicacións, entre as que se contan varios artigos de divulgación.[9][10][11]
Recoñecementos
Foi galardoada en 2016 co Premio María Josefa Wonenburger Planells, que a Xunta de Galicia outorga anualmente desde o ano 2007, a través da Unidade de Muller e Ciencia.[12]
En 2023 a revista Gciencia considerouna unha das 20 mulleres de ciencia en Galicia que había que coñecer.[13]
Publicacións destacadas
- Métodos numéricos en ingeniería.[14]
- Matemáticas en ingeniería con MATLAB.[15]
- Ecuaciones diferenciales.[16]
- Introdución a MATLAB y sus aplicaciones: una guía sencilla para aprender MATLAB de forma natural, progresiva y práctica.[5][17]
Notas
- ↑ "La viguesa Peregrina Quintela reclama frenar la "desaceleración científica" al recibir el Premio Wonenburg". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2019-09-09.
- ↑ Quintela, Peregrina (12 de xullo de 2019). «As matemáticas teñen aplicación en practicamente todos os campos da vida» – Peregrina Quintela, directora do ITMATI. Código Cero. (Entrevista). Consultado o 1 de agosto de 2019.
- ↑ "Peregrina Quintela Estévez « Ingeniería Matemática". www.usc.es. Consultado o 2019-09-09.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Quintela, Peregrina". Fundación Gadea Ciencia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2021. Consultado o 2019-09-09.
- ↑ 5,0 5,1 "Peregrina Quintela Estevez". Documat (en castelán). Consultado o 2019-09-09.
- ↑ "Presentación math-in". www.math-in.net. Consultado o 2019-09-09.
- ↑ "mathematica.nodo.cesga.es - Nodo CESGA". mathematica.nodo.cesga.es. Consultado o 2019-09-09.
- ↑ "Nosotros Itmati". www.itmati.com. Consultado o 2019-09-09.
- ↑ "Books - Publicacións". webspersoais.usc.es. Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2019. Consultado o 2019-09-11.
- ↑ "Other publications - Publicacións". webspersoais.usc.es. Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2019. Consultado o 2019-09-11.
- ↑ "Articles - Publicacións". webspersoais.usc.es. Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2019. Consultado o 2019-09-11.
- ↑ "La Xunta otorga el premio 'María Josefa Wonenburger' a la catedrática de matemática aplicada Peregrina Quintela". igualdade.xunta.gal (en castelán). Consultado o 2019-09-09.
- ↑ García, Victoria (2019-03-07). "Vinte mulleres de ciencia en Galicia que tes que coñecer". GCiencia. Consultado o 2023-02-11.
- ↑ Quintela Estévez, Peregrina. Métodos numéricos en ingeniería. Tórculo. ISBN 8484081710. OCLC 434263930.
- ↑ Quintela Estévez, Peregrina. Matemáticas en ingeniería con MATLAB. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 8481218553. OCLC 46470781.
- ↑ Quintela Estévez, Peregrina. Ecuaciones diferenciales. Tórculo. ISBN 848408146X. OCLC 751694042.
- ↑ Quintela Estévez, Peregrina. Introducción a MATLAB y sus applicaciones : una guía sencilla para aprender MATLAB de forma natural, progresiva y práctica. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 8481216569. OCLC 39904637.
Véxase tamén
Bibliografía