O período grecorromano de Exipto abrangue dende o 332 a. C. ata o 395 d. C., considérase parte da historia antiga de Exipto.
O período grecorromano
No 332, Alexandre Magno tomou pose de Exipto sen necesidade de loita. Fundou Alexandría, sacrificou aos deuses exipcios e consultou o oráculo de Ammón (non o Amón exipcio). Á súa morte, Tolomeo erixiuse en soberano da satrapía de Exipto, enterrou en Menfis a Alexandre (que foi levado a Alexandría con posteridade) e proclamouse independente.
Durante os dous séculos seguintes Exipto foi gobernado por gregos, pero como un país independente. Entrou no mundo helenístico e avanzou na agricultura (dúas colleitas anuais, por exemplo) e no comercio. Xurdiron moitos asentamentos gregos e Alexandría chegou a ser a capital do mundo grego. Os Tolomeos presentábanse nos monumentos indíxenas como faraóns tradicionais e mesmo gravaban inscricións relatando as súas accións. Os anuncios públicos gravábanse en tres escritas: a xeroglífica exipcia, a demótica ou popular e en grego. Un destes decretos, publicado por Tolomeo V Epífanes (205-180), conservouse na pedra de Rosetta e permitiu o desciframento da escrita xeroglífica no século XIX.
No século II producíronse numerosas revoltas dos nativos do Alto Exipto, ao tempo que abundaban as conspiracións dentro da familia gobernante. Durante s período tolemaico desenvolveuse moito o culto aos animais, creándose mesmo cidades mortuorias para a momificación de animais, peregrinacións e consultas oraculares.
No ano 30 a.C. Roma apropiouse de Exipto. Convertido no seu "celeiro", era administrado directamente polo emperador a través dun prefecto. A relixión continuou como antes, pero erguéronse moitos menos edificios e monumentos que con anterioridade. A cultura exipcia foi destruída polo cristianismo. A última inscrición en escrita xeroglífica data do 394 d.C.; ao ano seguinte dividiuse definitivamente o Imperio Romano e Exipto ficou como posesión do Imperio Romano de Oriente, ou Bizancio.
Véxase tamén
Outros artigos