Paso do Noroeste
O paso do Noroeste, ás veces tamén chamado paso do Norte,[1] é o nome co que se coñece a ruta marítima que bordea Norteamérica polo norte, atravesando o océano Ártico e conectando o estreito de Davis e o estreito de Bering ou, o que é o mesmo, o océano Atlántico e o océano Pacífico.[2][3] A ruta discorre por un conxunto de estreitos localizados no arquipélago ártico canadense, entre as grandes illas árticas e as terras continentais. É o que os antigos cartógrafos da alta Idade Moderna coñecían como o lendario estreito de Anián TraxectoriaDe oeste a leste, o paso do Noroeste parte do océano Pacífico, do estreito de Bering —que separa Rusia e Alasca— e segue polo mar de Chukchi e o mar de Beaufort. Logo a ruta debe cruzar o arquipélago ártico canadense e hai de cinco a sete rutas posíbeis —incluídas a do estreito de McClure, a do estreito de Dease e a do estreito do Príncipe de Gales—, aínda que non todas son adecuadas para grandes buques.[4][5] A ruta continúa cruzando a baía de Baffin e chega finalmente ao estreito de Davis, xa no océano Atlántico. Posíbeis efectos do quecemento globalEspeculouse con que co quecemento global e a redución da capa de xeo do Ártico, a ruta do paso do Noroeste pode chegar a estar o suficientemente libre de xeo como para permitir un novo transporte comercial seguro, polo menos en parte do ano. O 21 de agosto de 2007, o paso do Noroeste permaneceu aberto ao tráfico marítimo durante o verán boreal sen a necesidade de utilizar barcos quebraxeos. Segundo Nalan Koc, do Instituto Polar Noruegués, esta foi a primeira vez que quedou libre desde que comezaron a tomarse rexistros en 1972.[6][7] O 26 de agosto de 2011 o paso quedou novamente aberto. Algunhas estimacións sinalaron que o traxecto pode chegar a ser navegábel durante todo o ano aproximadamente no ano 2020 o, que de ser certo, diminuiría considerabelmente o traxecto marítimo entre Europa e Asia, converténdose nunha ruta alternativa ás do Canal de Panamá e o Canal de Suez: en 2011 o traxecto Londres-Osaka supón 23 300 km por Panamá e 21 200 km por Suez; polo paso do Noroeste quedaría reducido a soamente 15 700 km. O goberno do Canadá considera que os estreitos polos que discorre a ruta do paso do Noroeste forman parte das súas augas interiores,[8] pero varios países manteñen que en virtude da Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar eses estreitos deben seren considerados estreitos internacionais, o que permitiría o tráfico marítimo libre e sen peaxes.[9][10] É unha cuestión moi controvertida, xa que nese territorio se encontraron nas últimas décadas importantes reservas de petróleo, gas natural, diamantes e chumbo. Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigosLigazóns externas
Information related to Paso do Noroeste |