Suponse que o nome deriva da Terra de Anián, que Marco Polo describiu na súa viaxe.
Lenda
O estreito de Anián era un estreito, documentado ao redor de 1560, que os cartógrafos da Idade Moderna temperá supoñían que permitiría o paso desde o océano Ártico até o Pacífico. O verdadeiro estreito foi descuberto en 1728 e pasou a denominarse estreito de Bering. O estreito de Anián situábase xeralmente nas súas proximidades, pero ás veces aparecía até no sur de California.[1][2]
O inicio da lenda
Marco Polo (1254-1324), no capítulo 129 da súa narración As viaxes de Marco Polo, refírese a unha provincia da China chamada Anián, situada contra o Levante, a cal foi incorporada aos mapas de Catay (nome medieval da China) como Anian Regnum, é dicir, "Reino de Anián". A partir das viaxes de Polo, os comerciantes europeos buscaron manter un contacto máis directo coas arredadas terras da Asia oriental, ás que chamaban co nome xenérico das Indias Orientais. Eran rexións produtoras de especias, e consideradas como de gran riqueza aurífera e abertas á acción dos misioneiros. Europa comezaba así a súa expansión polo mundo.
O nome probablemente apareceu por primeira vez nun mapa do cartógrafo italiano Giacomo Gastaldi en 1562.[3] Apareceu en mapas de Abraham Ortelius (1564), Bolognini Zaltieri (1567) e Gerardus Mercator (1567). Os mapas de Zaltieri e Gastaldi móstrano estreito e retorto. Nos de Gastaldi e Ortelius aparece unha "Ania" ou "Anián" no leste do estreito. Un mapa especulativo de 1578 mostra o "estreito de Frobisher" que se estende por todo o Canadá e desemboca no estreito de Anián.[4]
A consolidación do poderío turco no Oriente Próximo impulsou máis aínda as viaxes de exploración en busca dunha ruta alternativa cara a esas terras. As viaxes de Vasco da Gama e as expedicións de Cristovo Colón enmárcanse nese proceso de crecemento europeo. Nun primeiro momento supúxose que as illas achadas por Colón eran parte de Asia, motivo polo cal recibiron o nome das Indias, pero despois das expedicións dos irmáns Pinzón, Vespucio e Balboa sóubose que se trataba dunha terra até daquela descoñecida que se interpoñía, por así decilo, entre Europa e Asia.
Porén algúns consideraban que o propio continente americano era unha especie de península asiática e nos, a miúdo conxeturais, mapas que rexistraban a nova visión do mundo as terras setentrionais de América eran designadas como Anián.
O problema da comunicación coas terras da Asia Oriental continuaba aberto e os navegantes implicáronse paraa resolvelo impulsados tanto polos monarcas como polas primeiras compañías de comerciantes. Era crenza xeral que debía existir un paso, ou quizás máis dun, que atravesara América unindo os mares do Norte (Atlántico) e do Sur (Pacífico).
Fernão de Magalhães, en 1520, encontrou un paso cara ao océano que chamou Pacífico, explorando o extremo sur do continente americano, onde achou o estreito que leva o seu nome, o estreito de Magallanes. Tras a morte do capitán e da maior parte da tripulación durante a viaxe, foi o pilotoJuan Sebastián Elcano quen logrou terminar esta viaxe dando deste modo a primeira volta ao redor do mundo. Porén esta ruta sur resultaba onerosa, arredada e perigosa, polo cal comezouse a buscar unha nova pasaxe no norte do continente, máis cerca de Europa.
En 1745 o goberno inglés ofreceu unha recompensa de 20 000 libras esterlinas a quen encontrara o estreito de Anián. Ninguén nunca cobrou o premio.
Na actualidade
Pode considerarse que o mítico estreito de Anián corresponde ao Paso do Noroeste. Pero convén aclarar que este non é navegábel por estar todo o ano o océano Ártico cuberto de xeo. Porén, resulta factíbel para os submarinos atravesalo navegando por debaixo do casquete polar.
Notas
↑Samuel Eliot Morison (1971): The European Discovery of America. Oxford, Oxford University Press, U.S.A. ISBN 978-0-1950-8271-5.
Scholefield, E. O. S. (1914). "Chapter II: Apocryphal Voyages". British Columbia from the Earliest Times to the Present. S. J. Clarke Publishing Company. pp. 18–31.