O Parque Nacional de Huascarán é un parque da Cordillera Blanca, nos Andes, na serra central do Perú, no Callejón de Huaylas, pertencente á rexión Ancash. O parque, que cobre unha área de 3400 km², foi fundado o 1 de xullo de 1975.
Historia
O parque foi declarado Patrimonio Mundial da Unesco en 1985, estando incluído antes como núcleo da Reserva da Biosfera da Humanidade en 1977. A súa protección foi primeiramente arranxada polo goberno peruano, para salvagardar a flora e fauna, as formacións xeolóxicas, restos arqueolóxicos (incluíndo reliquias da cultura chavín), motivando a investigación científica dos recursos naturais e culturais.
O Parque Nacional de Huascarán é casa de montañas cuxa altura varía entre os 2000 e os 6000 metros. Huascarán, a montaña que dá nome ao parque, é o pico máis alto do Perú, con 6768 metros. Nos 3400 km² do parque hai 663 glaciares, 296 lagoas (Llanganuco, Parón) e 41 afluentes de tres ríos importantes: o Santa, Pativilca e Marañón.
Localízase entre a Cordilleira Branca e a Cordilleira negra e posúe cumes de entre 4.000 e 6.768 metros de altura, o que converte a este lugar nunha das cadeas montañosas máis altas do mundo.
O Huascarán, localizado na provincia de Yungay de 6.768 msnm, é a cima máis alta do Perú, cuxo topónimo provén da lingua quechua que significa "Cadea de montañas". Dá o seu nome a este parque no que se erguen sobre os glaciares numerosos cumios, entre os que destacan os nevados de Alpamayo, Chopicalqui, Shapraraju, Pishqo, Huandoy e a Pirámide.
O clima está marcado por dúas etapas durante o ano. Este depende de dous grandes factores: os ventos húmidos e temperados provenientes da conca amazónica, que xeran abundantes chuvias durante os meses de decembro a marzo; e unha marcada estación seca, entre maio e outubro, con días soleados que alcanzan os 25 °C e noites de intenso frío nas que son frecuentes as xeadas e temperaturas inferiores aos 0 °C.
Flora
Defínense sete áreas diferentes que conteñen unha gran variedade de microclimas. Iso configura unha gran diversidade de vexetación. Detectáronse 779 especies altoandinas, que abranguen 340 xéneros e 104 familias.
Nesta variedade vexetal a familia das bromeliáceas está representada pola Puya (Puya raimondii), unha especie que se caracteriza por ter a inflorescencia máis grande que se coñece en todo o planeta. Tamén hai bosques de queñual (Polylepis spp.) e abundantes gramíneas [1].
Fauna
Oso de anteollos.
Canda a esta variedade vexetal existen moitas especies de fauna aínda non inventariada nin suficientemente estudada. Algúns datos apuntan á existencia de 112 especies de aves de 33 familias, como por exemplo o cóndor andino (Vultur gryphus), o pato dos torrentes (Merganetta armata), e a perdiz de puna (Tinamotis pentlandii), entre outras.