O padriño ou a madriña é unha figura común en varias denominacións cristiás. Asiste a outra persoa en certos sacramentos, con orixe no século II, de orixe relixiosa cristiá, e, posteriormente, pasou a obter diferentes significados dependendo da relixión e o código civil.[1] Segundo Corpus Iuris Civilis, o sentido orixinal de patrocinio, e que segue sendo o máis amplo sentido, é un servizo que debe realizar un individuo que ten unha débeda que pagar ao pai ou nai co patrocinio dun ou máis fillos da parella, unha especie de tributo voluntario dado á familia da parella ao longo de toda a vida.[2]
Na relixión
No catolicismo
Orixes
Cara ao século II d. C., o bautismo considerábase principalmente como unha cerimonia para a purificación e iniciación social dos nenos.[1] O requisito para a confesión de fe requiría a presenza de adultos que actuaban como garantes do neno. Pronunciaban a confesión de fe do seu representado e garantía a súa educación espiritual. Normalmente estes garantes eran os pais naturais do neno, como cara ao ano 408 salientaba santo Agostiño que suxería que, excepcionalmente, podían ser outros individuos.[3] O Corpus Iuris Civilis indica que nun século este papel dos pais fora substituído por completo.[4] O papel dos padriños foi clarificado no ano 813 no Concilio de Múnic, que prohibía aos pais naturais actuar como padriños dos seus propios fillos.[5]
Bautismo
No bautismo adoitan estar presentes un padriño e unha madriña, aínda que, pode ser que só estea un deles. A súa función é asistir na súa iniciación cristiá ao adulto que se bautiza, e, xuntamente cos pais, presentar o neno que vai recibir o bautismo e procurar que despois leve unha vida cristiá congruente co bautismo e cumpra fielmente as obrigacións inherentes ao mesmo.
Para poder actuar como padriño ou madriña de bautizo a Igrexa católica pon algunhas condicións: que sexa elixido por quen vai bautizarse ou polos seus pais ou por quen ocupan o seu lugar ou, faltando estes, polo párroco ou ministro; que teña capacidade para esta misión e intención de desempeñala; que cumpra dezaseis anos, a non ser que o Bispo diocesano estableza outra idade, ou que, por xusta causa, o párroco ou o ministro consideren admisible unha excepción; que sexa católico, estea confirmado, reciba xa o Santísimo Sacramento da Eucaristía e leve, ao mesmo tempo, unha vida congruente coa fe e coa misión que vai asumir; que non estea afectado por unha pena canónica, lexitimamente imposta ou declarada; e que non sexa o pai ou a nai de quen se ha de bautizar.
Confirmación
Cando se recibe o sacramento da confirmación, un padriño acompaña ao receptor do sacramento. A súa función neste caso é testemuñal. Non ten por que ser o padriño do bautismo. Neste caso é só un padriño ou unha madriña. Xamais existe parella de padriño e madriña.
Matrimonio
No sacramento do matrimonio o dereito canónico non establece que haxa padriños senón testemuñas, aínda que é frecuente, especialmente en Iberoamérica, chamar padriños a estas testemuñas, e, ao non haber oposición por parte dos pastores das igrexas particulares, considérase un costume aceptado. É común que estes "padriños" acompañen até o altar ao noivo do sexo oposto. Non teñen por que ser os padriños do bautismo ou confirmación de ningún dos noivos. En España, a madriña habitualmente é a nai do noivo, e o padriño o pai da noiva.
No xudaísmo
O padriño pode ser a persoa que sostén a persoa que vai ser circuncidada, neste caso actúa como sandek. Ou o que toma o neno dos brazos da nai e o leva á habitación onde se vai circuncidar neste caso denomínase kvater.
No mundo da cooperación
Padriño é aquela persoa que efectúa un apadriñamento. O apadriñamento permite cooperar na mellora das condicións de vida dun neno ou nena dunha poboación vulnerable, as da súa familia e a súa contorna mediante proxectos de desenvolvemento que benefician a toda unha comunidade. Por este motivo tanto os nenos apadriñados como os que non o están benefícianse dos mesmos programas, recibindo educación, unha alimentación adecuada e atención médica cando a precisan.
No escultismo
O padriño no movemento scout é a persoa que guía o seu afillado ao momento de facer a súa promesa. A función do padriño comeza na cerimonia de promesa mesma e continúa durante toda a vida do scout. O padriño debe ser un scout promesado e é elixido libremente polo promesado.
Notas
↑ 1,01,1J. H. Lynch, Godparents and Kinship in Early Medieval Europe (Princeton, NJ, 1980), p. 114.
↑P. Kruger, ed., Corpus Iuris Civilis, vol. 3, Codex Iustinianus (Dublin and Zurich, 1970), v, 4, 26, p. 197.
↑W. Parsons, ed., Saint Augustine, Letters, The Fathers of the Church, 18 (Nova York, 1953), pp. 134-5.
↑P. Kruger, ed., Corpus Iuris Civilis, vol. 3, Codex Iustinianus (Dublín e Zürich, 1970), v, 4, 26, p. 197.
↑J. Goody, The Development of Family and Marriage in Europe (Cambridge, 1983), p. 199.