Pablo Andrés Contreras Fica, nado en Santiago de Chile o 11 de setembro de 1978, é un exfutbolista chileno. Xogaba na demarcación de defensa central e foi internacional coa selección chilena.
Traxectoria
Debutou profesionalmente no ano 1997 no Colo-Colo chileno, gañando os títulos de Clausura en 1997 e o torneo nacional en 1998. Ao comezo da tempada 1999/00 foi traspasado ao AS Mónaco, equipo co que gañou a Liga e a Supercopa de Francia ese mesmo ano, porén por problemas burocráticos tivo que deixar o equipo e fichar polo Racing Club de Avellaneda.
A mediados do ano 2001 fichou por outro club europeo, o CA Osasuna, e ao ano seguinte por outro, o Sporting Clube de Portugal. O seu bo papel nestes equipos fan que o Celta de Vigo, recentemente clasificado para disputar a Liga de Campións, se fixe nel e o fiche. Co equipo vigués chega ata oitavos de final na competición europea, perdendo contra o Arsenal FC inglés. Porén o equipo descendería a Segunda División a final de tempada. Ao longo dos seus cinco anos no Celta Contreras viviu o ascenso ao ano seguinte, unha clasificación para a Copa da UEFA e un novo descenso no ano 2008. Finalmente deixou o equipo no mercado de inverno da tempada 2007/08.
Despois do irse do equipo galego fichou por un breve período de tempo, seis meses, polo Sporting Braga e en xuño dese mesmo ano recalou no PAOK Tesalónica FC. Posteriormente volveu ao seu club de orixe, o Colo-Colo, antes de fichar polo Olympiakos FC. Finalmente fichou polo Melbourne Victory FC.
Coa selección
Foi internacional coa Selección de fútbol de Chile en 67 ocasións ata a data,[cando?] debutando no ano 1997. Tamén formou parte da Selección Sub-23 que disputou os Xogos Olímpicos de Sidney 2000, na que fixo un papel destacado e axudou ao equipo a acadar a medalla de bronce.
Véxase tamén
Ligazóns externas