Santa María de Ordoeste é unha parroquia que se localiza no sur do concello coruñés da Baña na comarca da Barcala. Segundo o IGE en 2016 tiña 250 habitantes (134 mulleres e 116 homes) distribuídos en 9 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 311 habitantes.
Historia
En Paraxó consérvase a mámoa de Monte Agudo. O castro de Guimaráns[2] aproveita como localización o lugar máis alto que separa as parroquias de Ordoeste (A Baña) e San Mamede de Pena (Negreira), a unha altitude de 328 m no monte chamado Alto dos Castros. Presenta unha coroa tendente a circular de aproximadamente 150 metros de diámetro que está delimitada por un parapeto. O estado de conservación é aceptable.[3]
No apartado de construcións civís existiron as Torres de Braña e Reiverde, a día de hoxe desaparecidas.
Esta parroquia estivo sometido a varios cambios ao longo da historia. No 1123 o arcebispo Xelmírez cambia pola herdade Oíns (Arzúa) coa raíña Urraca. No 1868 Ordoeste queda sen os anexos de San Vicenzo e San Salvador, quedando con San Xoán de Barcala. Este cambio foi obra do arcebispo García Cuesta.
Ao longo do século XIX sufriu duras contribucións e impostos. En 1809 por orde do Goberno requisan gando vacún para lle subministrar ao exército. Tamén lle afectou a desamortización.
No ano 1864 as aldeas de Casa de Antelo e Eiroa solicitaron pertencer a Ordoeste, pero non o conseguiron.
Igrexa
A igrexa parroquial foi construída en diferentes etapas, polo que ten variedade de estilos arquitectónicos, destacando o barroco[4].
Arquitectura popular
- Muíño do Río Verde, moía a metade do ano, con auga dese río.
- Riente Rial, de Benito de Villar, moía a metade do ano coas augas do río de Broño (Rego de Rial).
- Riente Rial, de Andrés Antelo e consortes, ídem.
Festas
- 2º sábado de maio: As Dores
- 2º domingo de maio: Santo Antonio
- 15 de agosto: Santa María
- 16 de agosto: O Sacramento
- 1º domingo de setembro: O Carme
Lugares e parroquias
Lugares de Ordoeste
Parroquias da Baña
Notas
Véxase tamén
Outros artigos