Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Cabanas.
San Miguel de Cabanas[1] é unha parroquia que se localiza no norte do concello da Baña na comarca da Barcala. Segundo o IGE en 2015 tiña 185 habitantes (104 mulleres e 81 homes) distribuídos en 4 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 274 habitantes.
Cabanas é o lugar de nacemento do escritor Manuel Iglesias Turnes. Os seus libros As rapazas de Xan e Que non te aten teñen esta parroquia como epicentro das súas historias, aínda que no primeiro libro lle chame Cabanelas.
Historia
Hai un asentamento castrexo no lugar do Fondón, ao sur da parroquia de Cabanas. O seu estado de conservación é moi malo por mor da actividade agrícola sobre a súa superficie e pola construción dunha granxa. Tan só é visible un parapeto de forma semicircular na parte leste do xacemento.
Tamén hai constancia dun túmulo megalítico, a mámoa do Campo de Pozo, aínda que o seu volume foi moi rebaixado como consecuencia da plantación de eucaliptos.[2]
Igrexa parroquial
A parroquia de San Miguel aparece como parroquia matriz co anexo de O Barro dende finais do século XIX. Orixinalmente a igrexa albergaba mostras de arte maior con imaxes da Nosa Señora, San Bartolomeu, San Roque, San Miguel, San Pedro e San Paulo, mais as obras de construción dun novo templo realizadas no ano 1943 provocaron a desaparición destas imaxes e doutros elementos que non encaixaban nas dimensións do novo templo. A igrexa actual foi inaugurada no 1950, engadíndolle a torre algún tempo despois. Paralelamente construíuse a casa reitoral e o centro sociocultural da parroquia.
Arquitectura popular
Están todos no arroio de Cabanas, moían dous meses no ano por falta de auga.
Existen tres muíños de canle:
- o de Paco, que é de Mateo de Pazo e consortes.
- o de Lage, de Juán de Insua e consortes.
- o dos Barreiros, de Antonio Turnes e consortes.
e un muíño de cubo:
- o do Cubo, de Felipe Díaz e consortes.
Festas
- Sábado entre o 16 e o 22 de xullo: Santa Isabel.
- Domingo entre o 16 e o 22 de xullo: O Carme.
- Última fin de semana de setembro: San Miguel.
- 2ª fin de semana de outubro: O Rosario.
Lugares e parroquias
Lugares de Cabanas
Parroquias da Baña
Notas
Véxase tamén
Outros artigos